O portavoz de Anova-Son de Val do Dubra fixo un balance “negativo” destes dous anos de goberno de PP, Terra Galega e Independentes no concello.“Decidiron coller o goberno pese a non ter gañado as eleccións e sen ter presentado ningún proxecto político”.
Entrevista a Antonio Negreira- Desde o minuto 33
“Quedan sobre 800.000 euros sen contratar”.
Para Antonio Negreira “foron dous anos totalmente perdidos. Non houbo obras. Sen ningún proxecto e sen saber cara onde tirar”. Lamentou que aínda non se executaran aos obras de Plans anteriores:”Non se executou sequera o que deixamos comprometido. Quedan sobre 800.000 euros sen contratar”.
O exalcalde percibe unha clara “incapacidade para xestionar” no executivo que preside José Manuel Varela. Critica a falta de apoio ós comercios:”Non se pagou aínda o Pel Reactiva”.
“Nin houbo reunións polo PXOM nin se fala do Centro de Día”
Tamén que non haxa avances nos asuntos importantes. Non hai novidades con respecto ao Polígono, “nin houbo reunións polo PXOM ni se fala nada do Centro de Día”.Con respecto ao parque empresarial, Negreira agarda que se proceda a comprar de terreos pero ten dúbidas:”Empezo a sospeitar que hai intereses particulares en querer xestionar o Polígono”.
Outra queixa é relativa ós plenos “baleiros de contido”. En xeral desde Anova debuxan unha paisaxe un tanto apática:”Salvo un esforzo que se fixo nos Servizos Sociais, hai unha parálise xeneralizada”.
O principal grupo da oposición demanda que se dinamicen os sectores produtivos, con apoio ós comercios se manteña o contacto con Compostela para cuestión de promoción, medio ambiente ou cultura, e se desenvolva o polígono.