Compromiso por Galicia presentou unha moción na que propón reprobar ao alcalde José Antonio Pereira Gil “pola súa actitude e conduta impropia, censurable e contraria aos intereses do concello da Baña e da súa veciñanza, representada democráticamente polos concelleiros e concelleiras da corporación municipal”.
Denuncian falta de transparencia na Baña
En palabras do portavoz galeguista, César Ramos:“o señor Pereira non pode facer sempre o que lle pareza eludindo aspectos básicos de transparencia e participación e os principios democráticos fundamentais. É obvio que sexa CxG quen reprobe esta forma absurda e despótica de goberno do PSOE porque fomos nós quen puxemos todo da nosa parte e sen recibir nada para facilitar un cambio no goberno municipal, para que o señor Pereira converta esta oportunidade que se lle deu nun auténtico disparate”.
Carácter autoritario de Pereira
Desde Compromiso por Galicia critican o “carácter autoritario” de Pereira, e o incumprimento dos acordos plenarios, así como “o descontrol da actividade política, ocultación de asuntos transcendentes, ausencia sistemática de diálogo e capacidade de negociación e un traballo municipal baseado na improvisación, nas continuasrectificacións, nunha actitude antidemocrática e nunha máis que obvia falta de formalidade, transparencia e imparcialidade”.
Solicitan seriedade ao PSOE da Baña
Para César Ramos “xa vai sendo hora de que o PSOE asuma a súa realidade e poña orde e sentido no goberno da Baña. No que levamos de lexislatura é obvio que Pereira non mostra ningunha vontade para tender pontes coa oposición, algo imprescindible nun goberno en minoría, nin moito menos capacidade para liderar este municipio. A veciñanza da Baña merece un mínimo de seriedade e organización na dirección do seu Concello”.
A moción debatirase no pleno do vindeiro 24 de febreiro.