O Xulgado de instrucción de Ordes investiga a suposta explotación de traballadores inmigrantes nunha nave situada na localidade de Anxeriz, no concello de Tordoia.
Declaracións á TVG do avogado da CUT, Brais González
As acusacións dun traballador derivaron na chamada “Operación Carcelero” instruída pola Garda Civil que provocou a detención dun empresario de 29 anos de Santa Comba, que estivo un mes en prisión provisional e na actualidade se encontra en liberdade. Hai sospeitas da posible comisión de varios delitos como detención ilegal ou trata de seres humanos.
Desde a Central Unitaria de Traballadoras(CUT), que comparece como acusación particular denuncian que oito persoas que representan “foron vítimas dos delitos de estafa, lesións, detención ilegal e trata con fins de explotación laboral”.
Polo de agora identificáronse nove presuntas vítimas, aos que este empresario orixinario de Santa Comba con propiedades agrícolas en Tordoia lles prometera altas na seguridade social e residencia de traballo.
Segundo o relato da CUT “Polo dagora téñense identificado nove vítimas, logo de que este empresario con intereses económicos agrarios en Tordoia lles cobrase entre 2500 e 420 euros por realizarlles contratos para traballaren como xornaleiros e xornaleiras. Unha vez incorporadas ao seu posto non lle foron abonados nin sequera os salarios chegando a traballar máis dun mes sen cobrar e sen seguros sociais. Cando as traballadoras e traballadores descubrían o contido da estafa e reaccionaban ao engano este prescindía delas de maneira fulminante. Ademais e nun dos casos o xallés atou de pés e mans a un dos compañeiros, ameazándoo cun revólver e golpeándoo para conseguir o borrado das probas que o traballador recompilara. O compañeiro foi abandonado acordoado nun monte próximo á nave industrial”.
O sindicato denuncia un “desinterese palmario” das institucións na investigación.
Foto- Páxinas Galegas