//A oposición critica a falta de licitacións por parte do goberno local//
O portavoz de Anova, Antonio Negreira, lamentou o atraso que está padecendo a construción dunha vivenda de emerxencia social no edificio do antigo consultorio médico de Portomouro, que foi un proxecto presentado polo anterior goberno dubrés, e aprobado polo GDR Terras de Compostela.
O proxecto tamén contempla o derrubo das vivendas dos mestres e o acondicionamento dun espazo de ocio neste lugar.Negreira critica que a execución das obras que lle corresponden ao goberno local «non se teñan realizado a estas alturas do ano» e que dada a proximidade ao colexio infantil e primaria «estas deberían ser realizadas no período de vacacións para non supoñer un perigo para os nenos nin dificultar alterar a actividade docente e o transporte escolar, pero incomprensiblemente, e sen que exista ningunha razón que o xustifique, a día de hoxe, as obras seguen sen iniciarse».
Outro factor que engaden desde Anova e que coa chegada do outuono e as choivas «tendo en conta a proximidade do río Tambre e as súas crecidas poden orixinarse dificultades e atrasos na súa execución que compliquen o cumprimentos dos prazos establecidos».
Queixas tamén no PSOE
Non é a única critica á xestión do goberno local neste eido. O Partido Socialista local denunciou «a profunda parálise» que existe na contratación de obras no municipio.
Os socialistas lembran que «dende o novembro do 2019 ningunha obra saeu a licitación na Plataforma de Contratación do sector público».
O grupo liderado por Diego Luis Díaz explica:»Ningún Concello da nosa contorna ten unha paralise igual. Seguiremos reiterando nos Plenos unha maior axilidade da nosa administración»