A Baña, Santa Comba, Val do Dubra, Negreira e Mazaricos
O vindeiro domingo 24 de novembro os concellos da Baña, Santa Comba, Val do Dubra, Negreira e Mazaricos celebrarán unha marcha de relevos transmunicipal para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A marcha «Nunca Camiñarás Soa» acompañarase en todos os municipios coa lectura dun manifesto a prol da erradicación deste tipo de violencia e a igualdade. A participación está aberta a toda a veciñanza maior de idade que se inscriba.
Segundo os promotores esta marcha «tentará visibilizar a escuridade da violencia de xénero cunha luz de esperanza que mostre que as víctimas nunca van estar soas neste duro camiño, xa que a unidade é a chave para combatir a escuridade da violencia”.
100 quilómetros de percorrido
Agárdase que na marcha participen máis de 100 relevistas que percorrerán durante 12 horas un traxecto de 100 quilómetros por estes concellos.
A marcha reivindicativa estará encabezada por «personalidades femininas galegas». Ao inicio da actividade, na chegada a cada concello e no remate darse lectura a un manifesto, co acompañamento de música.
Tamén se acenderá a «luz da esperanza» que permacerá acesa durante o 25 de novembro nos cinco concellos. Todas as persoas que queiran forman parte do equipo de relevista poden inscribirse nos respectivos municipios.