O presidente do Partido Popular de Galicia Alberto Núñez Feijóo, pediu aos galegos que se unan este domingo no Partido Popular para que todos os votos sumen escanos e haxa outro Goberno. E recalcou que, en Galicia, só o PP pode conseguir actas para formar un Executivo alternativo ao de Pedro Sánchez e os seus socios.
Durante un encontro con interventores e apoderados en Santiago, incidiu en non caer na trampa dos socialistas de dividir o voto de centro-dereita e pediu o apoio para cambiar a inestabilidade polas certezas, a frivolidade polo rigor e a responsabilidade, a inacción ante a desaceleración pola experiencia acreditada, o desinterese por Galicia polo respecto, un partido en permanente campaña electoral por un Goberno que xestione e un candidato, na Moncloa por un presidente.
«España necesita que Pedro Sánchez perda para que todos os españois poidan saír gañando» manifestou Feijóo que pediu que á hora de votar «non esquezamos aos traballadores de Alcoa, das centrais térmicas, do sector forestal, da automoción e do naval».
Para Núñez Feijóo o domingo 10 de novembro só hai dúas opcións. Así, apuntou que para que todo siga igual os españois teñen varias vías: quedar na casa ou votar PSOE, a Podemos, a nacionalistas e, tamén, a VOX e a Ciudadanos. Xa que, segundo dixo, dar o apoio a estas últimas dúas formacións divide o voto do centro-dereita e favorece directamente aos socialistas porque todos eses votos quedarán sen escanos e sen senadores. Pola contra, quen queira que haxa un presidente e un Goberno en España só ten unha vía: o Partido Popular.