O Obradoiro de garantía xuvenil para menores de 30 anos que o concello de Val do Dubra comparte con Santa Comba, A Baña, e Negreira arrancou con acto de presentación que contou coa presenza do delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro.
Tamén asistiron os alcaldes José Manuel Varela(Val do Dubra), David Barbeira(Santa Comba), José Antonio Pereira(A Baña) e Ángel Leis(Negreira), así como concelleiros dos catro municipios.
Este taller de emprego consta das especialidades de Agricultura Ecolóxica e de Animación Físico-deportiva e Recreativa cun investimento de 180.000 euros.
16 alumnos, seis meses de aprendizaxe
En total son 16 alumnos que realizarán a parte práctica das actividades de agricultura ecolóxica no centro da terceira idade, no pavillón municipal, na escola infantil e na Finca O Pombo en Val do Dubra e en varias zonas do concello de Negreira.
Os asistentes ao curso de animación deportiva e recreativa traballarán nas diferentes instalacións dos tres concellos e nos seus locais sociais.Este obradoiro terá unha duración de seis meses.
Estes catro concellos tamén participan nun Obradoiro de Emprego, de nove meses, promovido polo concello de Santa Comba.