A romaría de Santa Minia de Brión volveu a acoller este xoves a milleiros de devotos procedentes de toda Galicia (especialmente das comarcas de Santiago, Barbanza, Xallas e Ordes) ateigaron a contorna da capela de Santa Minia, desde primeiras horas do día.
O coordinador da festa, Alberto Álvarez, explica que “durante a tirada de fogos de artificio a carballeira estivo totalmente chea, así como as pulperías e os xogos para os máis cativos. E hoxe a afluencia é semellante a de anos anteriores, polo que agardamos que ao longo destes catro días pasarán unhas 35.000 persoas por Santa Minia”.
Pola súa banda, o alcalde brionés, José Luís García, agradece “o extraordinario traballo que están a realizar os traballadores municipais, así como os membros de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e persoal médico para que as festas se desenvolvan dentro da normalidade e sen ningunha incidencia”.
As visitas ao santuario comezaron ás nove da mañá. Nos momentos de máis afluencia, a iso das 13:00 horas, o tempo de espera era duns 20 minutos, se ben o tempo medio era próximo aos 10 minutos e mesmo houbo momentos nos que apenas había espera. Milleiros de devotos cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano.
Coma xa é habitual, por razóns de seguridade as velas de ofrenda que traían os romeiros non se depositaron na capela, senón na casa reitoral, onde teñen lugar as misas. Unhas figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa tras mercalos nos postos que rodean a capela de Santa Minia.
Festa
Por outra banda, a carballeira e a avenida de Santa Minia centralizaron un ano máis a parte máis festiva da celebración, se ben este ano as atraccións infantís concentráronse detrás da biblioteca municipal. A avenida de Santa Minia contou con máis de 150 postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados…
Outros que estiveron sempre cheos foron as cinco polbeiras emprazadas na zona, que non deixaron de vender racións de polbo e churrasco a 11 euros, entre outros produtos como carne ao caldeiro, pementos de Padrón, chourizo picante e mesmo algún con carta. A música da mañá correu a cargo da Charanga Os Jalácticos e do grupo de gaitas da Os Viqueiras de Ordes. A orquestra “Ibiza” encargouse da sesión vermú e protagonizará a verbena da noite canda “Marbella”.
As festas continuarán ata o vindeiro domingo.
Fonte- Concello de Brión/Redacción AG