AUDIO- Escoita a entrevista do alcalde de Val do Dubra a partir do minuto 30 de programa
O alcalde de Val do Dubra fai un balance “moi satisfactorio” dunha lexislatura “complicada e difícil” caracterizada “pola situación de minoría e con bastantes problemas de funcionamento” con varios secretarios e interventores que se sucederon durante o mandato”.
“Demos un trato igualitario aos veciños”
Nunha entrevista a Xosé Manuel Lema no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, Negreira considera “un milagre que a estas alturas Anova estea no goberno”, e confesou que lle dou total credibilidade aos intentos dunha moción de censura que non foi adiante porque había unha maioría social en contra e porque algún grupo “quería máis do que lle daban e non aceptaron a moción”.
O rexedor asegurou que houbo un cambio real no concello e que conseguiu “acercar o concello aos veciños e dar un trato igualitario a toda a poboación”. Afirmou que o goberno “demostrou capacidade para levar o concello adiante con toda a oposición que houbo”, quedando claro que “a única alternativa ao noso goberno é o noso goberno”.
O 90% do programa electoral iniciado
Lembrou que se puxo en marcha “unha rede cultural que non existía”, a humanización de núcleos como o de Cornes e precisou que 2º noventa por cento do programa está iniciado”.
Antonio Negreira Noya tamén se referiu a cuestións pendentes como a aprobación do PXOM “no que estamos reordenando algunhas cousas”. A súa “espiña cravada” e a mellora dos servizos sociais e a aprobación duns orzamentos.
“Non podemos desviarnos do camiño iniciado” reflexionou Negreira para pedir unha maioría absoluta:”Necesitamos un reforzamento de votos para ter un goberno con forza suficiente”. Volverá a liderar unha candidatura que será continuista con algunha incorporación.
Travesía de Bembibre
O alcalde valorou que se aprobara definitivamente o proxecto de humanización da travesía de Bembibre que “marcará un antes e un despois”. Unha actuación “urxente por seguridade” xa que se trata dunha travesía “perigosa”.