O concello de Compromiso por Galicia no concello da Baña, César Ramos Domínguez volverá a aspirar á alcaldía nas eleccións de maio de 2019, despois de ser proclamado polos afiliados e simpatizantes que participaron na asemblea da pasada fin de semana.
Ramos confía en que CxG sexa a opción que traia o cambio político ao concello da Baña en relevo do popular Andrés García Cardeso.Esta foi a declaración de César Ramos:
“No ano 2015 eramos un partido novo e descoñecido, nun panorama político moi complicado onde levaban demasiados anos PP e PSOE repartíndose os concelleiros/as. Naquel momento prometemos en campaña electoral que CxG ía ter representación, en oposición ao que aventuraban os demais partidos, e así o logramos. Cumprimos tamén todo o prometido e xustificamos o traballo de todos os puntos do noso programa electoral, nunha lexislatura moi difícil na que non contamos co apoio de ninguén máis da Corporación. Agora o panorama político é diferente, xa somos un partido coñecido e a nosa seriedade e dedicación constante están máis que demostrados. Neste proxecto político ten cabida toda a veciñanza que queira aportar e temos as portas abertas a todas e todos. Faremos unha lista electoral ilusionante que dará motivación e optimismo e que estará formada por homes e mulleres de aquí, con gañas de traballar na mellora do seu Concello, que queren e senten a Baña como propia. Compromiso por Galicia será a opción política que, despois de 24 anos de desgoberno do PP, traia o máis que necesario cambio político á Baña e unha forma máis transparente, participativa e moderna de gobernar o noso concello, significando un cambio xeracional moi necesario. Díxeno no 2015 e volvo dicilo agora, en traballo e dedicación non nos vai gañar ninguén. Este é o meu COMPROMISO!”