César Ramos quere que o alcalde retire unhas afirmacións realizadas no último pleno.
O portavoz de Compromiso no concello da Baña, César Ramos, solicitou un informe de intervención que aclare os pagos efectuados e pendentes á empresa Alicentis S.L. en concepto de xestión de redes sociais e de servizo de gabinete de comunicación.
A formación galeguista insiste neste tema e lembra que “O alcalde da Baña, en resposta a unha pregunta de CxG no pleno de maio de 2017, confirmaba que o Concello da Baña non contratara ningún persoal para a xestión das redes sociais, confirmando o señor alcalde que esa tarefa era desempeñada por persoal laboral do Concello”.
A aparición dunha factura por importe de 484 euros fai que desde Compromiso pidan explicacións sobre o traballo desenvolvido por esta empresa e se pregunten se o rexedor “mentía cando afirmaba que non había ningunha empresa contratada para realizar estas tarefas”.
Unha rectificación pública
Por outra banda, César Ramos solicitou a través dun escrito unha rectificación pública, no próximo pleno, por parte do alcalde Andrés García Cardeso, sobre unhas afirmacións nas que aseguraba que César Ramos realizara unha chamada á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Educación dende o teléfono do CEIP Barrie de la Maza de Santa Comba e facéndose pasar por secretario deste centro.
“En caso de non acceder á rectificación e retirada desas graves afirmacións no vindeiro Pleno do Concello de A Baña este concelleiro iniciará cantas accións legais estime oportunas, tanto de natureza penal como civil, para a protección do seu honor e profesionalidade” afirma Ramos.