3.8 C
Santa Comba
martes, abril 9, 2024

Santiago de Compostela acolle o maior encontro estatal da psicoloxía contra a violencia machista

IX Xornadas da Psicoloxía contra a Violencia de Xénero en Santiago de Compostela. Venres 24 e sábado 25 de novembro.

Este venres 24 e o sábado 25 de novembro, máis de 300 profesionais da loita contra a violencia machista daranse cita nas IX Xornadas da Psicoloxía contra a Violencia de Xénero en Santiago de Compostela, no Auditorio Abanca. Este encontro, que chega por primeira vez a Galicia, está promovido polo Consejo General de la Psicología, que agrupa a todos os colexios profesionais deste eido no Estado, e está organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Esta edición leva por título «Abrindo o foco. A violencia de xénero, un problema con rostros» e pretende facer fincapé en que a problemática da violencia machista vai máis alá da muller que a sofre, xa que as súas repercusións son evidentes sobre a súa contorna (fillos e fillas, outros familiares, amizades, etc.). O impacto na contorna directa da muller é innegable, aínda que adoitan considerarse como un «dano colateral»; a proposta é redefinir a loita contra a violencia de xénero e a protección como un concepto moito máis amplo e non centrado exclusivamente na muller como vítima.  

Na presentación esta mañá das Xornadas, a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez Prada, lamentou a vixencia da cuestión que centra este encontro profesional. «Tristemente, comprobamos que temos que abrir o foco cando analizamos a violencia de xénero: oito menores foron asasinados este ano como forma máis extrema da violencia machista. Non podemos presentarnos como unha sociedade moderna, desenvolvida, cando hai nenos e nenas que non só están a vivir nunha situación de violencia; están a ser asasinados como forma de provocar o maior dano posible ás súas nais». Á súa vez, agradeceu á secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, que tamén participou na presentación, o apoio para traer estas Xornadas a Galicia, que competiu con outras cidades que ofreceran a súa candidatura.

A directora de RSC de ABANCA, Tatiana Suárez, sinalou na presentación das Xornadas que o banco «ten unha profunda sensibilidade con todos os temas que afectan á nosa sociedade e non pode ser indiferente a un dos principais problemas de hoxe en día». Nese sentido, sinalou que ABANCA foi pioneira en adherirse «ao protocolo para a detección e tratamento de situacións de violencia de xénero producidas dentro e fóra dos lugares de traballo e tense sumado a diferentes accións para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de atopar unha solución ao problema».

Trátase dun encontro profesional de primeiro nivel, dirixido especialmente a profesionais da psicoloxía, pero en xeral a todos e todas as que exerzan a súa actividade no eido da loita contra a violencia machista. Conta co apoio de Abanca, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela, así como da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Preténdese construír un relato poliédrico e obter un retrato moito máis completo e ambicioso co que definir o impacto real da violencia por motivo de xénero.

Programa científico     

As Xornadas comezarán o venres 24 ás16 horas cunha mesa inaugural sobre as raíces da desigualdade de xénero, moderada pola xornalista Belén Regueira, e na que participarán a cantantautora Uxía, a psicóloga Concepción Fernández, a eurodeputada Lidia Senra e a historiadora Encarna Otero.

Á continuación, terá lugar a segunda mesa coa que visibilizar os outros rostros da violencia de xénero. A socióloga Silvia Pérez Freire reflexionará sobre a trata sexual feminina como máxima expresión da violencia de xénero, mentres a psicóloga dun centro de maiores María Lueiro abordará a violencia de xénero nos ollos das persoas maiores. As violencia contra as mulleres con discapacidade será exposta por Melisa Silva, psicóloga da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, e a seguir a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, falará sobre esta problemática no rural. Pechará a mesa a psicóloga e sexóloga Penélope Alonso, que rebelará as realidades da violencia de xénero no colectivo LGTBI.

Xa o sábado 25 de novembro abrirá a mañá unha mesa sobre o impacto da violencia de xénero na identidade e na saúde mental das persoas afectadas, exposta pola doutora en Psiquiatría e xefa dos Servizos de Saúde Mental do Centro Médico de Hortaleza, en Madrid, Cristina Polo Usaola. Os e as menores centrarán a seguinte mesa, que tratará a violencia de xénero desde a perspectiva do apego e será impartida pola psicóloga experta en trastornos da personalidade, trauma e disociación Paula Baldomir.

Á continuación, na última das mesas reflexionarase sobre o xénero: primeiro, o profesor da Universidade de Zaragoza e doutor en Psicoloxía, Santiago Boira Sarto, abordará as novas masculinidades e construción dunha autoestima positiva; e á continuación, Sara Berbel, doutora en Psicoloxía Social, directora xeral de Barcelona Activa e xerente de Política Económica e Desenvolvemento Local do Concello de Barcelona, invitaranos a coñecer os retos da igualdade de xénero na actualidade.

Finalmente, pecharase o acto cunha performance, Pasaescalabra, por parte de Blanco&Roja. Ademais, poderanse visionar o conxunto de comunicacións libres presentadas en formato póster e concederase un premio á mellor, dotado con 250 euros.

Fonte-Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos