O vindeiro sábado 18 de novembro ás 11,30 na Alameda de Santiago de Compostela.
O sindicato Unións Agrarias convocou para o sábado 18 de novembro unha mobilización baixo o lema “Non a abandono do rural”.O punto de encontro será a Alameda de Santiago de Compostela ás 11:30h.
O sindicato agrario denuncia que a ausencia de actuacións “dos nosos gobernantes” está afectando gravemente ao medio rural.
Decálogo de problemas no medio rural
Nun decálogo de queixas critican a falla dunha política forestal como consecuencia dos lumes e mencionan outros problemas que afectan ao rural como é a fauna salvaxe(lobos e xabaríns), o “IBI abusivo”, a “persecución fiscal” coa cesión dos dereitos de pago único, a falla de solucións ante o cambio climático(seca, xeada, pedrazo), o peche de escolas que provoca a desaparición de aldeas, o peche de centros de saúde, a falla de transporte e de acceso ás novas tecnoloxías e a ausencia de políticas de igualdade.
Lumes e Plans de Mellora
Recentemente e por mor da vaga de lumes que asolou distintos puntos de Galicia, o sindicato solicitou a creación dunha mesa de emerxencia para o rural, ante a situación que quedaron moitas persoas.
Desde UUAA advirten da “dramática transformación” que está a sufrir o medio rural galego, como efecto do abandono da actividade agraria. “Son os prados, pastos e terras de labor en activo, os verdadeiros cortalumes que funcionan, e onde se pode atallar o lume, nas condicións climáticas límite como as que se deron” recentemente.
Desde Unións Agrarias,o pasado 23 de outubro, tamén denunciaban que centos de gandeiros galegos quedarán sen axudas dos Plans de Mellora “polos retrasos provocados na tramitación nas consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente”.