Os populares dispoñen dun informe xurídico que botaron en falta a secretaria municipal e os demais grupos políticos para poder celebrar a sesión anterior. Tamén Queren explicacións sobre o proxecto de mellora da travesía de Bembibre.
Proposta de retirada temporal do soldo do alcalde
O Partido Popular do Val do Dubra presentou esta mañá no rexistro municipal a solicitude dun pleno extraordinario asinada polos concelleiros Ramón Varela, Jesús Neiro e Arturo Noya onde recuperan a petición de retirada temporal do soldo do alcalde e se recolle a problemática do proxecto de mellora da seguridade viaria na CP 1914 ao seu paso pola travesía de Bembibre.
Na anterior sesión Anova, Terra Galega e o independente Manuel Cándido Señarís decidiron deixar sobre a mesa o asunto seguindo os consellos da secretaria municipal, que aconsellaba que se acompañara un informe xurídico que avalara a proposta. Agora os populares presentan o citado informe.
Unha “humanización” sen consensuar
Pero na petición tamén se alude ás obras previstas na rúa Arcai. Os populares esixen explicacións ao alcalde por un proxecto xa aprobado na Deputación e que non foi consensuado nin cos grupos políticos nin cos veciños e lembran que “o señor Antonio Negreira goberna en minoría”.
Tamén queren que o alcalde explique se se realizou algún estudo sobre o impacto socioeconómico que causarán as obras en Bembibre, e se os traballos van a afectar a terreos privados, e nese caso, se teñen pensado recorrer a expropiacións.
Ademais demandan saber cantas prazas de aparcamento se perderán, se hai previsto algún aparcamento alternativo e se existe a posibilidade de que se modifique o proxecto recollendo as propostas dos veciños, ou estaría en perigo este investimento de 410.000 euros.