A plataforma Galiza con Catalunya reclama poder «decidir libremente o que queremos facer do noso futuro».
Máis de tres mil persoas, segundo as axencias Efe e Europa Press, manifestáronse en Santiago de Compostela a prol do referendo de Cataluña e do dereito a decidir dos pobos, nunha protesta promovida pola plataforma Galiza con Catalunya baixo o lema “Democracia é decidir”.
A manifestación, na que participaron entre outros Ana Pontón, Xosé Manuel Beiras ou o secretario da CIG, Paulo Carril, partiu da Alameda e rematou na praza das Praterías.
Segundo o voceiro da plataforma, Óscar Valadares, o obxectivo desta concentración era “mandarlles un apoio desde Galicia e reclamar para todos os pobos, incluso o pobo galego tamén, os mesmos dereitos e decidir libremente o que queremos facer do noso futuro”.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón declarou:“É evidente que o que está pasando en Catalunya fai tempo que se converteu nun debate que nos afecta a todos e a todas, porque xa non se trata só de independencia si ou independencia non, senón que está en xogo é a democracia, os dereitos civís e fundamentais e, ante iso, non podemos quedar cos brazos cruzados”.
Xosé Manuel Beiras acusou ao goberno do PP de estar aplicando as normas “dun estado de excepción clandestino” coa “inestimable colaboración” do Partido Socialista.A manifestacións desenvolvéronse tamén noutras localidades de Galicia.