Crónica do pleno da Baña.
A corporación local do concello da Baña aprobou a mellora do Muíño da Calexa, situado na parroquia de Fiopans, e que contará cun investimento de 14.000 euros.O alcalde explicou que se trataba dunha petición veciñal para “o único muíño que funciona” na actualidade. Desde a oposición apoiaron a proposta e emprazaron ao goberno a continuar coa recuperación deste tipo de estruturas.Tamén se deu o visto bo a unha adaptación á normativa do convenio para que a Xunta se faga cargo dos gastos do Centro de Sáude. Segundo García Cardeso este será xa “o impulso final”.
San Vicente e Luns de Pascua, festivos.
Tamén se elixiron os festivos locais. Houbo unanimidade en escoller o día de San Vicente(22 de xaneiro), pero non na outra data. O PP propuxo o Luns de Pascua, data que saíu adiante cos seus votos. Compromiso por Galicia, que realizou unha enquisa por internet, propuxo o venres 18 de maio e o PSOE (“despois de sondear aos veciños”) defendeu a alternativa do martes de Entroido.
Moción de Compromiso rexeitada
O pleno debateu unha única moción. O portavoz de Compromiso, César Ramos, pedía a adhesión do concello á campaña “En negro contra as violencias”. Contou co apoio do PSOE pero a moción foi rexeitada polo PP.
Para César Ramos era “unha boa opción para cumprir o acordo plenario que xa estaba aprobado”. Para Andrés García Cardeso a proposta non era máis ca “un copia e pega” dunha campaña do concello de Santiago.“Desde a Fegamp xa se firmou un convenio e temos que ir todos na mesma dirección” manifestou o alcalde.Ramos insistiu en que a sensibilización era boa nestes temas e a concelleira Alicia Blanco(PP) defendeu o traballo que se está facendo “día a día” desde o concello da Baña.
Rogos e preguntas
Na parte final do pleno, o voceiro socialista, José Antonio Pereira, presentou distintos rogos e preguntas relacionados con arranxos en camiños, a perda de poboación, as clases de música ou distintas problemáticas nas parroquias, como o caso das obras do campo da festa de Corneira “onde os veciños non quedaron moi contentos”.
Tamén preguntou por un poste da luz con contador localizado en Buchaín.Esta pregunta non lle gustou ao rexedor “pola ironía” o que suscitou un debate no que Pereira acabou reprochando que o goberno dificultaba a laboura da oposición ao non entregar as actas das xuntas de goberno.Sobre o contador, o alcalde asegurou que había unha autorización a unha comunidade de usuarios “e a luz é cousa deles”.
Pola súa banda, o voceiro de Compromiso, volveu a preguntar pola declaración de fillo predilecto a Avelino Pousa Antelo. De momento, sen novidades. Tamén pediu que as xuntas de goberno tiveran carácter público, e trasladou o malestar existente co servizo de autobuses da Festa dos Maiores.
Tamén falou dos efectos negativos dun desbroce realizado en Marcelle, e recriminoulle ao goberno que habendo un servizo de normalización linguistica o concello faga publicacións con “erros ortográficos”.Sobre publicacións, César Ramos interesouse pola Reitoral de San Mamede. O alcalde dixo que estaban pendentes duns informes e volveu a eludir a responsabilidade dunha publicación no Facebook do concello, ante a sorpresa do portavoz galeguista.