Pleno ordinario no Val do Dubra. A corporación apoia as demandas para a devolución do Pazos de Meirás e rexeita o referéndum de Cataluña.
O regulamento de participación cidadana impulsado polo goberno local do Val d Dubra quedou sobre a mesa tal e como solicitaron os grupos da oposición que pediron a oportunidade de facer as súas aportacións.Ábrese un prazo de quince días para alegacións.”Queremos que a xente participe” sinalou o alcalde Antonio Negreira, recordando que este documento era unha promesa electoral de Anova. Antes da quenda de mocións o portavoz do PP, Ramón Varela, advertiu que “por primeira vez hai reparos no concello e nós non nos facemos responsables disto”. O alcalde asumiu a responsabilidade e afirmou que “senón se levantan reparos o concello colápsase”.
Coa abstención do PP e o voto favorable do resto dos grupos aprobouse unha moción de apoio á plataforma que solicita a devolución do Pazo de Meirás e que foi exposta por Celsa Oreiro(Anova).O PP presentou unha moción de rexeitamento ao referéndum de Cataluña, que foi aprobada cos votos a favor de PP, Tega e independentes e coa oposición de Anova.
Tamén se aprobaron dúas mocións de Terra Galega por unanimidade. A primeira era para que se faga pública a información de actas plenarias e outros temas municipais.”Noutros concellos xa contan con este servizo” asegurou Óscar del Río. O outro texto referíase a petición de locais para a oposición. Desde Terra Galega lembraron que esta era unha petición do actual rexedor cando estaba na oposición. Antonio Negreira informou que “dentro do concello non hai espazos” pero comprometeuse a estudiar a posibilidade de buscar un local para compartir os grupos políticos da oposición.
O pleno rematou cunha batería de rogos e preguntas do voceiro de Terra Galega, Óscar del Río, que demandou a necesidade da fibra óptica no concello ou de repensar a Festa do Emigrante que “o último día foi un fracaso”. O alcalde dixo que estaban en contacto para a mellora da internet pero que esta era unha responsabilidade da Xunta. Sobre a Festa do Emigrante defendeu a programación musical pero admitiu a necesidade de “darlle unha volta” a esta celebración.
A falta de resposta ás demandas veciñais, a execución dunha obra en Malvarez, o transporte escolar ou uns verquidos detectados no río Dubra foron outros temas expostos por del Río nesta sesión, na que tamén se falou do soldo do alcalde e da faltad e pago a provedores.“Non admito que se diga que eu só funciono por cartos” criticou Negreira.