Ramón Varela:O único que censura o PP é a forma de gobernar dun executivo local que está a comprometer o tecido empresarial e a economía da zona cun período de pago a provedores inaceptable para un municipio serio”.
Acusan ao alcalde de querer silenciar á oposición
O Partido Popular do Val do Dubra quixo responder con celeridade ás críticas feitas polo alcalde Antonio Negreira, en relación á solicitude dun pleno extraordinario no que se formula a retirada do soldo do rexedor.“Resúltanos curioso que despois de máis de dous anos á fronte da alcaldía, o rexedor só reaccione cando se lle toca o peto” manifestou o voceiro popular Ramón Varela.
Varela denuncia o intento de “silenciar” á oposición por parte do goberno local “nunha actitude propia de réximes políticos chavistas e pouco democráticos”.
Sobre a afirmación de Antonio Negreira en referencia a unha moción de censura encuberta, desde o PP sinalan que “o único que censura o Partido Popular é a forma de gobernar dun executivo local que está a comprometer o tecido empresarial e a economía da zona cun período de pago a provedores inaceptable para un municipio serio”.
O PP pídelle ao alcalde que gane o seu soldo
Sobre o soldo que se cuestiona, o PP afirma:“Que pague aos provedores, e en canto así sexa, nós non teremos ningún problema en que se lle volva abonar esta cantidade. Si quere o seu soldo terán que gañalo como fan todos os traballadores”.
Os populares dubreses acusan a Antonio Negreira de abandonar as súas funcións como alcalde, o que “provocou que Val do Dubra perda unha axuda para a posta en marcha de dous obradoiros de emprego, un deles cunha achega de 180.000 euros, en colaboración cos municipios da Baña, Negreira e Santa Comba”.
Ramón Varela pensa que Negreira “En lugar de dedicarse a criticar á oposición, debería dar unha explicación convincente aos parados dos municipios que se quedaron sen un obradoiro que supuña unha gran oportunidade para atopar un posto de traballo”. Pídelle ao alcalde que deixe o papel de “vítima” e colla “o touro polos cornos”.