Antonio Negreira asegura que o concello ten liquidez económica e pide que o deixen traballar.
O alcalde do Val do Dubra, Antonio Negreira Noya (Anova) acusou ao Partido Popular de “facer unha moción encuberta” coa petición dun pleno extraordinario, co que os populares piden explicacións sobre os atrasos nos pagos e propoñen a supresión temporal do soldo do alcalde.
«Parte do atraso e dos problemas no retraso de pagos vén da mala xestión do PP na lexislatura anterior” xustificou Negreira, nunha comparecencia na que estivo acompañado polos concelleiros Celsa Oreiro e Óscar Blanco.
«Só unha persoa no concello ten dedicación.Precisase para facer un traballo digno para os veciños. Eles buscan que o Alcalde renuncie» manifestou o rexedor nacionalista que convidou ao PP a dar un paso adiante, e que non obstrúan a tarefa do goberno:»Se de verdade queren facer unha Moción de Censura, que a fagan”.
“O PP está en campaña electoral permamente”
Para Antonio Negreira:»O PP está en campaña electoral permamente.Só queren destruír todo aquelo que sexan forzas alternativas con ganas de facer as cousas distintas». Desde Anova-Son Val do Dubra critican que a formación que lidera Ramón Varela non asumiu aínda os resultados das pasadas eleccións municipais e «a súa única intención é que non haxa recursos para gobernar».
Negou que no concello haxa un “problema de liquidez” e enmarcou as críticas nunha estratexia do Partido Popular. Indicou que “os veciños do Val do Dubra demandan que nos deixen traballar e gobernar» e por iso entende que os populares deberían “adoptar unha actitude contraria á que están mantendo”. O alcalde demanda que o deixen traballar “e xa logo dentro de dous anos o pobo xulgará”.