O goberno da por feito este proxecto e recibe críticas desde a oposición.
O concello da Baña agarda que para o vindeiro mes de setembro se poida poñer en marcha na casa reitoral de San Mamede do Monte un centro residencial para atender a nenos enfermos psiquiátricos ingresados no Hospital Clínico, a través do proxecto desenvolvido pola fundación Anxiños.
Desde o goberno local do Partido Popular reiteran o seu apoio a este proxecto e agardan xa porque se resolvan os trámites burocráticos para a implantación deste centro. O alcalde da Baña descarta a posibilidade de destinar esta rectoral a vivenda sociocomunitaria “pola súa inviabilidade económica para o concello”.
Desde o goberno local xa dan por feito (contan con maioría absoluta) da posta en marcha do servizo pero indican que “será a Corporación municipal que tome a decisión definitiva”. Nun comunicado de prensa lembran que a asociación Anxiños está presidida por Ruth Gómez, antiga directora da Escola Camilo José Cela do Hospital Clínico de Santiago, sendo o seu vicepresidente o catedrático xalleiro Ángel Carracedo.
Un tema do que se falará no pleno deste martes
Pero o tema está provocando polémica e aínda que non aparece na orde do día da sesión plenaria que se celebra este martes, seguramente a oposición se interese polo asunto e dun xeito moi crítico.
No pleno do pasado mes de xuño, o alcalde Andrés García Cardeso aseguraba que sería a corporación a que se decantara “por un ou outro proxecto” pero agora xa se descarta a posibilidade do Centro de Día.
O portavoz de Compromiso por Galicia, César Ramos cualifica de “tomadura de pelo” o anuncio feito polo goberno local e lembra as palabras do rexedor no pleno:”Ao parecer o alcalde ía contar coa opinión da Corporación para tomar unha decisión final…pero a decisión ao parecer xa está tomada…lembremos que na reitoral segundo o programa do PP íase crear un fogar residencial para persoas maiores do Concello…”