Os suevos de Formarigo e Recarei (Trava I)

O lugar de Tibiáns, onde se atopa a pequena capela do Rosario de Tibiáns en Tordoia, debeu ser no seu tempo un lugar sagrado-relixioso situado á beira dunha carballeira e no nacemento dun regato. Seguramente lugar de culto na Idade do Ferro, foi tamén reutilizado como lugar relixioso coa chegada dos suevos á zona. De feito o topónimo de Tibiáns, derivado do xermánico «tiw» e do indoeuropeo «dyeu» ou «deiw», co significado de divindade ou lugar relixioso ou de culto, equivale ao deus Marte, e de «tiw» deriva tamén o termo inglés para o día martes «tuesday». No mesmo sentido a principal sé parroquial da zona e que dá nome ao concello de Tordoia é a parroquia de Tordoia, que posiblemente tamén faga referencia ao deus xermánico «Tor» ou «Torden», ou se cadra a unha «torre de vixilancia» ou «torre de ollar» ou «atalaia» ou «wachturm» en alemán. Tamén o topónimo xalleiro de Turnes vén do alemán «turm» co significado de «fortaleza».

O centro de poder e a capital dos suevos de Tordoia atopábase probablemente no monte da Raña xunto á aldea de Formarigo, cuxo topónimo fai referencia ao primeiro rei dos suevos en Galicia, chamado Hermerico, e a capital dos suevos de Santa Comba probablemente situábase no monte Sebei (de sebe), no lugar da Morouta xunto á aldea de Pereira e á aldea de Recarei e tamén xunto ó castro de Turnes e cuxo topónimo fai referencia ao segundo rei dos suevos en Galicia chamado Requila e ao seu fillo Requiario. Xa no século viii e ix coa chegada das incursións árabes e vikingas o centro de poder suevo desprázase no caso de Tordoia cara o próximo monte de Señarís onde se instala unha especie de «burh» altomedieval, orixe da famosa liñaxe dos Bermúdez de Montaos ensarillados ou irmandados coa liñaxe dos Bermúdez de Trava e moi próximo á parroquia de Viladabade fundada por Fernando Bermúdez de Castro «o abade». Pola cronoloxía semella que o núcleo de Formarigo precede no tempo a Recarei como asentamento suevo.

Un relato semellante ou parello atopamos tamén no concello veciño do Coristanco onde temos un presumible asentamento suevo no lugar das Quenllas que evolucionou no lugar de San Roque, que ao igual que o topónimo da Pereira fai alusión a «pedra» ou «roca», para despois na Alta Idade Media trasladarse ao lugar da Custodia ou Costoia como empalizada altomedieval de madeira e refuxio da poboación local ante as incursións sarracenas e normandas. O topónimo de Xaviña vén do termo galego «gavia» e fai alusión a un desaugadoiro ou canle ou zanxa para aliviar as augas da contorna e equivale ao topónimo do Barral en Tordoia. O topónimo do Coristanco fai alusión á característica forma redondeada do asentamento da Custodia e significa «asentamento circular». Tanto as empalizadas altomedievais de Coristanco, de Tordoia e de Xallas estaban na órbita da famosa casa de Trava, e de aí o topónimo de Traba e Trabuxans existente no mesmo concello de Coristanco xunto co tamén famoso castelo de Ferreira.

Tamén é moi común que empalizadas altomedievais de madeira do século x, refuxio fronte a normandos e árabes, vaian acompañadas do topónimo Piñeiro, coma as de Tordoia ou Coristanco, pasa o mesmo en San Martín Pinario vinculado á empalizada de madeira levantada por Sisnando en Santiago de Compostela.

No caso de Santa Comba o asentamento suevo do Monte Sebei en Pereira e Recarei estaba asociado tamén durante o século viii a un pequeno asentamento árabe no lugar de Negreira, no alto do Noco, «naq» e «niqra» son raíces árabes que significan «fondeira», e a nova empalizada de madeira ou o novo «burh» altomedieval desprázase en séculos posteriores cara a Pedra do Viso, á beira dun camiño e preto do río Xallas, no lugar de Boimente e Baçar, moito máis protexido das adversidades meteorolóxicas con respecto ao monte Sebei, e orixe da famosa liñaxe dos Trava de Trastámara. Neste caso o asentamento árabe asociado xa é o núcleo de Baçar (da raíz árabe «ba’sa» que significa «poder»). Existe tamén certa semellanza urbanística entre Vilamaior e Viladabade como pequenas vilas-capitais que xorden na Idade Media (s.xiii) tralo progresivo abandono das fortalezas altomedievais e a ocupación das terras baixas dos vales, moitas delas recibiron carta de vilas ou burgos libres por parte de Afonso X o Sabio, coma pasou con Ialles d’Alcaia. Neste sentido tamén existe unha sorprendente evolución urbanística similar ou parella co lugar de Recópolis e o lugar de Zorita de los Canes na provincia de Guadalaxara. tamén cunha importante presenza árabe e xudía, e polo tanto coa súa igrexa de San Xoán Bautista.

Tamén cómpre subliñar a existencia do topónimo de A Pereira ou O Pereiro como sinónimo de «pedreira» ou «pedreiro». En Galicia, en asentamentos fortificados suevos, é moi común que a aldea asociada aos pés dos mesmos adoite tomar o nome da Pereira ou do Pereiro, unha forma de destacar as novas construcións de pedra fronte ás perecedoiras construcións de madeira dos antigos asentamentos fortificados suevos. Tamén pasa o mesmo no lugar de Pieros aos pés do asentamento suevo de Castro Ventosa no Bierzo. Tamén podemos establecer neste caso un relato parello co asentamento suevo de Castro Ventosa no Bierzo e o seu paulatino desprazamento medieval cara as terras baixas do val fluvial do Sil, dando lugar novamente a asentamentos como Cacabelos, Ponferrada ou Vilafranca do Bierzo e que seguramente xa existían en época romana.

Na contorna deste lugar hai tamén un curioso topónimo de orixe xermánica que tamén cómpre prestar atención, é o lugar de Grixoa de Esternande, unha «grixoa» era unha «ecclesiola», unha igrexa pequeniña, un «grixario» ou «iglesario», e o topónimo de Esternande deriva do xermánico «estern», co significado de «Leste» ou «Este» pois é un asentamento moi protexido dos ventos do Oeste polos montes de Couso e pola contra moi aberto ás raiolas do sol procedentes do nacente do sol. Tamén ten unha suposta orixe xermánica ou máis ben normanda o topónimo de Sabaceda, do normando «sawz» ou «sauz», co significado de «sauce» ou «salgueiro» en galego. Pola contra, no núcleo das Figueiras, segundo o Arquivo histórico diocesano de Santiago, tiñan a súa residencia parte do famoso clan dos Vila-Vilas, de clara orixe ou ascendencia xudía. Curiosamente e historicamente os asentamentos xudeus ían sempre asociados a asentamentos árabes, ocorre o mesmo en Algalia-Almáciga en Santiago de Compostela ou en Bertamiráns-Perros en Ames, ou Abuín-Fajín en Santa Comba ou Baçar-Figueiras tamén en Santa Comba. Os asentamentos de orixe xudía sempre aparecen vinculados aos asentamentos árabes como se estivesen baixo o seu amparo ou protección. E os asentamentos árabes asociados sempre a entornos de poder real ou aristocrático.

Deste xeito e finalmente podemos enumerar os diferentes centros de poder que existiron na importante comarca de Xallas ao longo da historia: dende o Grandimirum ou gándara dos xefes que representaba o poder dos antigos pobos celtas ou nerios que loitaron no Medulio, temos Padreiro e Vilardante que representaba o poder político romano do «dominus» asociado ás minas de estaño de Varilongo, tamén o destacamento militar romano de Castrís, o núcleo de Pereira e Recarei que representaba o poder dos suevos, o lugar de Mira representaba o poder político das invasións árabes na Galicia, a Pedra do Viso en Boimente representaba o poder político altomedieval da liñaxe dos Trava na Galicia, Randulfe representaba o poder dos normandos en Jallas e por último a fortaleza de San Pedro de Xallas representaba o paulatino ascenso do poder eclesiástico da mitra compostelana durante os séculos xiii e xiv como capital da vila libre de Iallas de Alcayá. Para finalmente trasladarse durante a Idade Media a Freixeiro e a Ser coa dinastía dos Moscoso, continuadores dos Trava.


Asentamento suevo (verde) e empalizada altomedieval_Tordoia

Asentamento suevo (verde) e empalizada altomedieval_Santa Comba I

Asentamento suevo (verde) e empalizada altomedieval_Santa Comba II

Asentamento suevo (verde) e empalizada altomedieval_Santa Comba II

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!



Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,280SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos