Novos documentos sobre o canteiro de Ponte do Porto, Manuel Gamallo

Manuel Gamallo é un dos grandes canteiros do barroco final na Costa da Morte, con obras documentadas entre 1791 e 1811, do que xa temos falado reivindicando a súa condición de veciño de Ponte do Porto. Agora traemos novos documentos que reafirman esta condición polo que supón un agravio non facer referencia a súa verdadeira veciñanza.

Un dos mestres canteiros afincados na Ponte do Porto desde 1791 foi Manuel Gamallo que realizou numerosas obras nas igrexas de Nemancos e Soneira. Fillo dunha colla de arxinas da Terra de Montes, Manuel Gamallo o Vello era de Cerdedo, casou e afincouse na Ponte do Porto onde continuaron o seu traballo o mestre de cantería Manuel Gamallo o Mozo e o seu irmán Joseph. Traballa en 1791 en Cospindo, onde arranca a vida laboral coñecida do porteño Manuel Gamallo o Mozo, na colla do seu pai. Os arquivos da zona acreditan que era veciño das Barrosas na Ponte do Porto, polo tanto un artista noso a reivindicar. Son dous os novos documentos que aportamos, as obras na tribuna e fachada de Cereixo no 1811 onde se cita claramente que é «vecino de San Pedro del Puerto», e a obra da capela maior da súa parroquia de Ponte do Porto no 1795. O segundo traballo perdido pola desfeita do templo de estilo gótico mariño no 1953.

Imaxe de Ponte do Porto

CEREIXO. HACER ESPADAÑA CON SU ESCALERA, TRAGALUZ DE LA TRIBUNA Y REMATAR FACHADA. Manuel Gamallo. 1811. «Dos mil y trescientos reales que pague a Manuel Gamallo maestro cantero, vecino de San Pedro del Puerto por la espadaña, escalera para subir a ella, tragaluz de la tribuna con viga y remates de la fachada.» (Libro de Fábrica de Santiago de Cereixo. 1624 – 1834).

A PONTE DO PORTO. COMPONER CAPILLA MAYOR. Manuel Gamallo. 1795. «Yten siete mil reales vellón que se pagaron a Manuel Gamallo maestro de cantería por haver fabricado a cimenti la capilla mayor de bobeda y la mesa del altar a la romana, y por atrás con sus dos puertas la sacristía también de bobeda según se reconoce, (…)» (Libro de la Fábrica de San Pedro del Puerto. 1791-1856).

Manuel Gamallo, mestre de cantería, fai relación de obras acometidas na igrexa de San Cristovo de Carnés desde o 23 de abril a outubro de 1798, como aparellador. Así explica que é autor da fachada da igrexa coa súa torre, escaleira de adentro, a tribuna, a pía bautismal entre paredes, «como se reconoce adelantando a la Yglesia vieja de Huevo diez y seis quartas además del mayor grueso de las paredes».

O rector relata as obras de anchamento da vella igrexa feitas polo canteiro, descritas con bastante precisión. «Ytem las paredes de los costados no solamente del adelantamiento se hizieron desde los cimientos, sino también todo lo demás, por hallárense las viejas desplomadas, y con varios buches, tanto en la cantería de brazero, sin tronos y por adentro llenos de rebos mal puestos, con mal barro, según todo ello lo demuestra un pedazito viejo que se alla después de la puerta traviesa. Ytem se ha lozado de nuevo toda la Yglesia, y se ha echo donde cimientos la pared de atrio desde la puerta de la entrada hasta abajo del esquinal de la Yglesia reedificándose otros pontillos por atrás cuias obras fueron las de cantería, y se hizieron dos campanas nuebas por que dos pequeñas que havía se havían partido entrambas».

Manuel Gamallo e os seus fillos Josef e Manuel son canteiros con moitas obras na volta: Carnés, Ponte do Porto, Cereixo, Leis, Camariñas. En igrexas e particulares. Tamén no arciprestado de Soneira. Na última década do século XVIII e nas tres primeiras do XIX, Manuel e os seus fillos José e Manuel traballaron nas parroquiais de Serantes (Laxe); Treos, Carnés e Cereixo (Vimianzo); Leis (Muxía). Un Juan Gamallo obrou tamén na igrexa carballesa de Oza. Encóntranse aveciñados na Ponte do Porto, onde nacerían xa os fillos do fundador vido de Cerdedo. Os Gamallo no 1795 fan os altares, escaleiras de tribuna, escaleiras da capela maior de San Pedro de Leis. Tamén obras en Ponte do Porto, Serantes, Treos.

Cereixo

Veciño das Barrosas, Ponte do Porto

Temos a Manuel Gamallo como veciño de As Barrosas na Ponte do Porto en 1800, nunha lista de pagos. O apelido ficou como alcume dunha coñecida familia de comerciantes e propietarios que das Barrosas baixou ao Campo de San Roque onde construiu unha fermosa casona desde 1920 a carón da ponte medieval que da nome ao pobo. É unha «Lista de cobro de bulas de vivos y muertos, vinos y carnes, de la casa mayor diezmera» de 1800 en donde Ponte do Porto paga 409 reales de bulas e Cereixo 207.

As Barrosas é o lugar más poboado, 28 casas, que son 36 contando Vilarellos, Ferrerías, Costa. Nas Barrosas viven: Bonifacio de Anido, Thomas Barbeyra, Josef Gusmán, Antonio Ribas, Manuel Gamallo, Manuela Bermúdez, Andrés da Calva, Antonio Montáns, la viuda de Antonio de Castro, Dionisio Gusmán, Manuel Pérez, Rafaela de Lema, Benito López, Paula Suárez, Jacobo Rial, Andrés Pasantes, don Josef Blanco, Lorenzo Rodríguez, Nicanor Ramos, Rufina Pérez, Marcos Gusmán, María Martínez la curiosa, Basilio da Grela, Luis Figueira, Eusebio Rodríguez, don Gregorio Carril, Fermín García, Francisca hija de Bernardo Figueira.

No vecindario de 1829 non temos nas Barrosas a Gamallo pero si a don Joseph Blanco, alias O Gamallo, entre os maiores contribuintes. No século XX viven os Balsas Gamallo.

Alén de Nemancos

Non só traballaron en Nemancos. Un artículo de Juan Félix Neira Pérez fai unha pescuda destes Gamallo nunha cita de Pondal sobre a igrexa pontecesá de San Martiño de Cores. Nun poema de Pondal, Volvendo de longes terras, o bardo evoca «o Couto e o seu campanario,/ garrido e branqueador». Nas súas variantes textuais, que o poeta rexeitou como alternativas ao verso «garrido e branqueador», escribe o poeta: «que fixo Gamallo bo» e que «Gamallo antigo obrou». Informa Neira que o Libro de Fábrica de San Tirso de Cospindo confirma que en torno a 1791, o frontispicio (a fachada) e laterais da igrexa do Couto estaban «demasiado avejentados, y destruidos», e o visitador eclesiástico invita a reedificalos e a branquear o edificio.

Temos a tres canteiros apelidados Gamallo traballando nas obras: Manuel Gamallo el Viejo, que cobra 10 reais diarios; Manuel Gamallo el Mozo, «maiestro», 7 reais; e José Gamallo, irmán deste e cun soldo de 6 reais ao día. No ano 1800, aséntanse os seguintes cargos na contabilidade parroquial: ao mestre Manuel Jamallo páganselle 1412 reais por 176 días de traballo (8 reais diarios) na «fábrica del frontis y torre de dicha iglesia». Joseph Jamallo, tamén mestre, recibe 1092 reais por 172 días empregados na mesma obra. O Vello era da freguesía de San Martiño de Figueroa, no actual concello pontevedrés de Cerdedo, na comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

O apelido Figueroa, vido con eles, estará noutra caste de arxinas de sona na nosa parroquia. En 1795 traballan en San Pedro de Leis a colla dos canteiros Pedro Pérez, Roque Figueroa, Ignacio Figueroa, Manuel Gamallo e Joseph Gamallo, que cobran 412 reales de vellón por facer colaterales, escaleiras da tribuna e da capela maior. Os apelidos Pérez e Figueroa son da veciñanza de Carnés e Ponte do Porto, e terán herdanza de pedreiros.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!



Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,280SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos