O Mundo de Regina

Regina Muñiz Gerpe é un exemplo de muller emprendedora, dinamizadora cultural, amante do mundo rural e da nosa lingua. Deulle vida a unha casa rural familiar que denominou “Villa Regina”, convertida nunha aula da natureza pero que é moito máis. Villa Regina é todo un mundo de lembranzas e tradición, de natureza e de poesía.


Un recuncho para as palabras


É unha illa onde palabras en desuso loitan contra o abismo da memoria: “Hai palabras que se están perdendo porque hai traballos que xa non se realizan. E nós temos un recuncho onde colocamos palabras que non se usan habitualmente”, explica Regina.

“Roga”, “meda”, “colmeiros”, “rello” ou “mulido” teñen a súa vida nese espazo. “A nosa fala é moi bonita”, sentenza.
É un lugar onde os versos escritos por Muñiz, xunto cos vellos contos da lareira que herdou dos seus devanceiros, conviven coas bolboretas, coas galiñas, co galo cantor, coas cabras e co gato negro. Todo baixo o control do sarxento “Raio”, un can xoguetón que observa cada movemento dentro do territorio.


Co recendo das flores, coa gorxa constante da auga que percorre o seu traxecto, baixo a inmensidade do ceo que cobre A Castiñeira, na parroquia de Bazar (Santa Comba).


Unha visita a Villa Regina


Nenos de pouca idade xogan nese recuncho de aire limpo. Escoitan as historias de Regina e interactúan na procura do tesouro da “nena moura”. Pero tamén rapaces maiores se emocionan ao ver como Regina elabora o pan ou un biscoito preto de apeiros de labranza que sobreviven á modernidade.


Nunha visita a Villa Regina, percorren a horta e collen coas súas mans fresas, arandos e coñecen unha ampla variedade de flores aromáticas e herbas medicinais. Hai un labirinto de millo ou centeo, e non faltan os recitais de poesía, os xogos tradicionais e mesmo as persoas que se achegan poden participar en tarefas agrarias como recoller patacas, kiwis ou o millo: “Aos nenos encántalles debullar o millo e son moi agradecidos. E as persoas maiores emociónanse”.


“Mil bicos que non che dei”


Alí tamén poden ver onde nace o río Xallas e o castro de Turnes, dous puntos que Regina Muñiz reivindica desde o seu espazo, no que se celebran obradoiros de regueifa, presentacións literarias e sesións de contos na lareira da veterana casa de pedra.


Unha pequena parte dos seus poemas está recollida no libro Mil bicos que non che dei. Pero tamén forman parte dun disco do grupo Folk On Crest, liderado pola xalleira Yoli Río. Agora iniciamos unha viaxe ao “Mundo de Regina”, escoitando os seus versos e a súa historia neste vídeo no que ela é a protagonista. Boa viaxe!

O MUNDO DE REGINA

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos