9.2 C
Santa Comba
jueves, marzo 5, 2026

Tres xalleiras participan nun estudo pioneiro sobre o TDAH

Tres investigadoras xalleiras participan nun estudo pioneiro sobre o impacto sensorial do tratamento para o TDAH

As investigadoras Olalla Maroñas, Sheila Recarey e Eva Gerpe, veciñas de Santa Comba e integrantes do Grupo de Farmacoxenómica e Descubrimiento de Medicamentos (GenDeM) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), participaron nun estudo que demostra que o tratamento máis habitual para o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) non só mellora os síntomas conductuais, senón que tamén inflúe na forma en que nenos, nenas e adolescentes procesan os estímulos sensoriais.

O traballo, desenvolvido en colaboración cos grupos de Xenómica e Bioinformática e de Cognición, Neurodesenvolvemento e Xénero, consistiu nunha revisión sistemática de preto de 600 publicacións europeas. Os resultados indican que o metilfenidato (MPH), o fármaco máis utilizado para o TDAH, mellora o control postural e a percepción do dolor, aínda que pode afectar á capacidade para distinguir cheiros.

En Radio Xallas

Durante a súa entrevista en Radio Xallas, as tres investigadoras explicaron con claridade o alcance do proxecto e o valor do traballo conxunto. “Traballamos todas no mesmo equipo, e é unha marabilla poder facelo xuntas”, destacou Olalla Maroñas, que lidera o grupo de farmacoxenómica. A científica subliñou tamén o apoio do doctor Ángel Carracedo, referente internacional en medicina xenómica, “un grandísimo profesional e unha persoa moi próxima coa que se aprende moitísimo”.

Pola súa banda, Sheila Recarey explicou que o estudo buscaba comprender mellor a resposta individual ao medicamento: “Queríamos ver se había algún biomarcador xenético que nos indicase como van responder os pacientes ao tratamento e como afecta o metilfenidato a nivel sensorial”. A investigación confirmou melloras no equilibrio e na percepción da dor, pero tamén un deterioro na discriminación olfativa.

Eva Gerpe destacou a importancia de traballar nun grupo multidisciplinar, no que colaboran biólogas, psicólogas e outros perfís profesionais. “Cada un aporta a súa perspectiva, e iso amplía o coñecemento sobre o TDAH e sobre como os tratamentos inflúen nas persoas”, explicou.

As investigadoras coincidiron en que o estudo representa un paso máis cara á medicina personalizada. “Ata agora non había ningún estudo europeo que explorase esta relación entre farmacoxenética e percepción sensorial”, apuntou Maroñas. O equipo pretende continuar nesta liña, buscando novas aplicacións que permitan axustar as doses de maneira individualizada.

En canto ao labor investigador en Galicia, lembraron que a comunidade “leva máis de 25 anos cunha fundación de medicina xenómica que é referente e ofrece análises xenéticas que noutras autonomías aínda non existen”, subliñou Recarey.

As tres científicas coincidiron en que o seu maior estímulo é o impacto directo nos pacientes. “O que máis nos move é pensar que o que facemos pode mellorar a vida das persoas”, afirmou Maroñas. Recarey engadiu: “Hoxe mesmo recibimos unha mensaxe dunha psiquiatra dicindo que un neno mellorou grazas ao noso estudo; esas cousas fan que todo pague a pena”.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos