9.7 C
Santa Comba
sábado, enero 31, 2026

Cantareiras do Xallas: a memoria viva da tradición

Posiblemente a lista podería ser longa, mais estas Cantareiras do Xallas representan á perfección a esencia do que queremos transmitir: a importancia da cultura propia e de poñer en valor ese facho que, durante décadas, mantiveron aceso mulleres como as que a continuación homenaxeamos.

Concepción Mouro: a primeira mineira e memoria das coplas

Concepción Mouro Rodríguez foi a primeira muller mineira na histórica mina de Varilongo:

“Eu fun a primeira que comezou un día que estaba coas vacas. Viñeron uns homes da zona de Grixoa e Cuns con martelos, petando nas pedras, buscando volframio. Eu tiña uns once anos. Desde aquel día non volvín á escola. Non perdín nin un só día de ir ó mineral”.

Desde nena demostrou unha especial habilidade para as coplas e, grazas á súa memoria prodixiosa, converteuse nun referente cultural. Polo seu fogar de San Salvador pasaron investigadores e músicos, como Xabier Díaz, quen incorporou ao seu repertorio pezas aprendidas da súa querida «Concha» que figura tamén no Cancioneiro Galego Serodio 1989-2012.

Sobre ela, declarou Díaz nunha entrevista en Radio Xallas:»É unha das informantes e das persoas das que gardo un cariño máis especial. Concepción é unha fonte de sabedoría, unha muller marabillosa, pausada, lúcida… un faro».

Na súa familia a música formou parte do ADN:“Cantar e bailar veunos de raza a todos. A miña avoa cantaba moi ben, e o meu avó tamén. Tiñan castañetas e meu avó bailaba ó solto con tres ou catro mulleres”.

A ledicia aparecía mesmo nos tempos duros:“Meus avós chegaban á curva de Santa Sabiña, guindaban os zocos novos e ían para o campo, de merenda, e cantaban”.

E así lembraba as súas terras de mocidade:


“Para Padreiro vou rindo, para Castriz vou cantando.
E para San Salvador vou coma truita nadando.

San Salvador, Padreiro, Castriz, Boaña de Arriba…
Eran os catro lugares onde eu me divertía”.

María Mourelle: “Se hai que cantar, cantamos”

María Mourelle García, nacida en Grixoa de Esternande e residente en Boaña (parroquia de Castriz, concello de Santa Comba), medrou tamén entre o tráfico do wolframio.

Desde pequena estivo ligada á pandeireta:“Cando era rapaza ía ao baile a Grixoa. Había unha patroa que tocaba e sempre me pedía que tocara con ela. Así aprendín”.

A música acompañouna sempre: “Na casa cantaba co meu avó. Cando traballaba na mina de Varilongo, sempre volvíamos a casa cantando. Era a nosa diversión”.

Pasou décadas sen tocar, até que hai uns anos volveu facelo e, coma por milagre, ducias de coplas agromaron dos seus beizos, sorprendendo á familia e aos veciños. Hoxe participa en eventos e medios de comunicación e acode onde faga falta: “Se hai que cantar, cantamos”.

Carmen Armán: unha loitadora de Cícere

A historia de Carmen Armán tamén está atravesada pola música. Como ela mesma lembra: «A miña afición comezou no ventre de miña nai, que tocaba moi ben a pandeireta. Acórdome de tocar toda a vida».

Desde moi nova animaba as ruadas da súa parroquia de Cícere:“Na casa onde naceu miña nai había unha taberna e facíanse ruadas con pandeiretas. Nós eramos nenas e tocabamos para que bailaran as mozas. Ata que chegou o tocadiscos”.

Carmen valora a continuidade da tradición: “Temos costumes incomparables e unha fala meiga. Encántame que a xente nova faga esta música, cos seus cambios, como é lóxico”. Foi noticia, xunto coa súa veciña Manuela Pose Blanco (DEP), polo mural das «Superavoas» pintado por Yoseba MP na rúa Bernardo Barreiro de Santiago de Compostela.

Toca tanto a pandeireta como o acordeón, e forma parte do grupo “As Loitadoras”, que ensaia no Centro Socio-Comunitario de Santa Comba e participa en diversos eventos.

Maruja da Cataliña, paixón pola pandeireta

María Amarelle García, coñecida como Maruja da Cataliña, é outra referencia. A súa voz figura eternizada no Arquivo do Museo do Pobo Galego (APOI), grazas ao labor de recollida de Francisco Manteiga e Ismael Marcos, quen gravaron cantigas transmitidas por ela e por Maruja do Americano (DEP).

Hoxe continúa repartindo música coa súa pandeireta, formando parte dun cuarteto que ensaia na antiga Casa da Escola de Sabaceda (Bazar), preto da súa vivenda, e tamén no grupo “As Loitadoras”, alén de participar en foliadas por toda a bisbarra.

Dispón dun amplo repertorio gardado no “disco duro” da memoria, incluídas pezas moi antigas aprendidas da súa avoa:“Nunca se me esquencen. Ela era quen mas ensinaba polas noites”.

Sempre transmite o valor do oído e da memoria. Antes non había tantos avances tecnolóxicos: “Escoitabamos as cancións e quedaban gravadas. Ó chegar á casa, miña compañeira Maruja máis eu tocabamos duro a pandeireta ata que saían”.

As ruadas eran para ela un espazo de socialización: “Eran o noso divertimento, porque tocabamos para estar as mozas e os mozos xuntos”. Por iso considera esencial manter vivas estas tradicións e celebra que nos últimos anos a música e o canto popular teñan máis repercusión.
“Cantar é moi bonito. Mentres cantas, esqueces todo”, sentencia Maruja, que aínda conserva a súa primeira pandeireta, agasallo da avoa.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,240SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos