Os documentos que falan da xurisdicción do Xallas no Antigo Réxime traen moitos datos de interese. Uns deles useinos para os meus estudos da toponimia da comarca que hoxe ocupa Santa Comba e Mazaricos pero antes tiña outro perímetro.
O interesantisimo documento «Interrogatorio do Catastro de Ensenada» cotexado por min no orixinal no Arquivo do Reino de Galicia é un censo de doce fegresías da xurisdicción do Xallas, das que varias forman parte do actual concello de Santa Comba. Deste legaxo extraemos unha serie de datos de valor para o noso traballo de onomástica.
Jurisdicción de Jallas: Santiago de Loroño, San Miguel de Couso, San Vizente de Cuns, San Salvador de Padreiro, San Pedro de Jallas de Castris, San Jinés de Entrecruces, santa María de Anxeris, San Pedro de Santa Comba, San Pedro de Ser, Santa María de Barro, San Felix de Freixeiro, Santa María de Grixoa de Esternande, operadas por Juan Martinez Miguez, correxidor da villa de Arzúa, na fegresia de San Felix de Freixeiro o 25 de maio de 1753.
Asisten ó acto: D. Cayetano Antonio García, xuiz e xustiza ordinaria da xurisdicción. Cristoval Trillo y Vermudez, escribano de número da mesma. Andrés Perez, Andrés García, Antonio Carballo, Francisco Lois, Juan Gómez, Andrés do Río, Alonso Suárez, Alberto Calbo, Manuel Cambón, Alphonso Varela, Alphonso Romero, Pelagio Rodriguez Canzela, Domingo Fernandez, Tomás de Avelenda, Juan Blanco, Raphael Suarez Lozán, Pablo de Castro, Roque de Lens, Joseph Landeira, Juan de Castro, Juan García, todos peritos pola xurisdicción nomeados cada un para as respostas das respectivas fegresias.
Ademáis figuran os peritos nomeados pola S. M. pola ausencia dos que nomeou D. Manuel conde, subdelegado, que son: Francisco Varreiro, alverto de Alamancos, Mathias de Anido e Joseph de Castro.
Nas primeiras respostas aparecen topónimos curiosos como: San Amed de Bassar, Cousso, Montouto, San Vizente de Arantón, Alón, Santa María de Villa Maior.
No campo dos dezmos, Esternande paga o cura e a Joseph Valenzuela de Orense, que aparece logo escrito Joseph Vermudez de Sangro y Balenzuela, e o voto do apóstol Santiago. Castriz á Universidade de Santiago, o voto, e o cura. Freixeiro a D. Francisco Pardiñas Villardefrancos de Santiago, ó voto, e ó cura. San Pedro de Santa Comba ten estipuladas pensións e dezmos a Don Andrés de Leis, a confraria de San Clemente de Pazo, a don Francisco de la Barrera e a Don Vicente de Soto.
Un aspecto do noso estudo foi o de esculcar os nomes de ríos, montes, pobos que aparecían nos vellos mapas, moitos feitos por estranxeiros.
Comezando polo topónimo do rio Xallas que tanto conforma este vello Couto. No mapa de Pedro Texeira chámase rio Eçaro e este precioso documento describe moi ben o seu nacemento a par do castelo de Xallas, coa súa torre debuxada e con gran precisión trazada a a desembocadura (1622). Rio Ezaro, rio Lézaro chámanlle Ojea (1603), Munster (1551), Hondius (1616,1630) . Xa en Tomás López (1784) e Crussefeld (1800) aparece o rio Jallas e tamén a forma Tierra de Jallas. Rio Jallas é chamado por Fontán (1817), von Reilly (1789-1806), Valverde-Alvarez (1880), E. Massinger (1849), Elías (1847) e aparece o étimo Xallas en Boronat no 1870. Na documentación medieval, temos o topónimo Ripa de Isaro, Mazaricos; onde de novo vemos a presenza reforzada dun hidrónimo.