Imos facer hoxe unha viaxe pola toponimia dunha parroquia de Santa Comba célebre polo seu patrimonio.
PARROQUIA DE SAN FINS DE FREIXEIRO (Del Hoyo. 1607). (AV. 1546)
FREIXEIRO
A flora conforma un dos aspectos máis importantes da toponimia galega e máis nunha terra como esta que sempre dependeu dos froitos da fértil terra. Nesta parroquia as paraxes naturais ofrecen un espectáculo para a vista cos prados verdes, paisais, montañas de árbores de distinto tipo. Freixeiro é un canto a unha destas nobres árbores, o nome venlle o lugar (cun fermoso pazo, unha igrexa románica, o seu castro irto sobre o val) da existencia de freixos, codiciado arbusto de aprezada madeira e bendito polos druidas, deidade celta. Os bardos levaban unha vara de freixo. O freixo, do latín fraxinus, da familia das oleáceas que ben se da en zonas húmidas foi a orixe deste fitónimo. Neste caso, fai referencia a un so exemplar, e como dá nome a unha parroquia coa mellor obra románica da volta e do Concello de Santa Comba, en medio dun antigo souto, debemos pensar nunha árbore sagrada. Freixeiro ten unha igrexa románica, principal elemento deste tipo do concello e sinal da presencia dunha fegresía medieval adicada a san Fins xa desde o s. XII.
AS ABELEIRAS
Igual que as formas semellantes Abelar, Abelares, Abeleira, a voz Abeleiras dun núcleo de poboación da parroquia de Freixerio fala da existencia de abelás, abeleiras ou abelairas, que en latín recibe o nome de abellana nuz, ou noz da cidade italiana de Albella, famosa por ter abelás. Hai un nome Abeleiras en Mazaricos.
AMENZONS
Os Ameixóns é outra forma pola que é coñecido popularmente o lugar. Un fitónimo, lugar de ameixas, froito das ameixeiras, un cerollo, abruño ou cirola silvestre. Este topónimo Ameixeiras, máis común; tamén como apelido. Temos no latín myxa, cirola silvestre, chamada no castelán majal. No Manuscrito de la Renta del Tabaco de 1752 aparece como AMENSOES, o que documenta a nosa versión.
Noutra hipótese, imos a forma Meixón, «montón, morea», da toponimia galaica e astur. Meixón Frio falaría dun lugar de buratos no terreo para converter a auga en xeo, neveiras naturais.
Amenzons, como se escribe hoxe sería un topónimo singular porque non temos constancia doutro semellante. Dá nome a un lugar desta parroquia, que fai fronteira co Val do Dubra e coa Baña. Pode proceder dun plural, dun abundancial do ameneiro ou abeneiro, o alnus glutinosa da familia das betuláceas que delimita os nosos ríos marcando as súas formas sinuosas, retortas, por entre os prados. Amento é a florescencia do castiñeiro, e abend, un xermanismo, como terra occidental. Abenza, terreo donado, ou aforado. Un lugar con améndoas, pode dar un Amendo.
Amieiro é voz que indica o preindoeuropeo ab/ am «auga», e ten na toponimia nomes como Amieiro, Amenedo, Amenal, Amedo. Ambosores, Ambía, son confluencia de correntes de auga. A ría do Burgo era Ama. A forma amenzóns tan singular e da que non temos referencias doutras iguais achégase a este significado de augas que corren.
Tamén se pode tratar dun inicial -armenzón, entón si que non teriamos dudas, co significado do actual galego armenteira, conxunto de gando que se cria, rebaño. É posible a perda do r e pasar de Armenzón orixinal a Amenzóns , «varios rebaños de gando cercados»; non é inusual no idioma e mais en formas tan vedrañas e cargadas de historia. Sen referencia documental, imos cara un hidrónimo, de am/amb, terras regadas, de cursos de auga, como Ames. Pero neste caso imos a forma OS AMEIXONS.
O CASTRO
Hai dous lugares en Freixeiro que marcan a existencia de recintos fortificados dos constructores de castros, neste caso a tribu dos céltigos supertamaricos como a chamaron os primeiros historiadores, os habitantes deste anaco da Trastámara. Ó pe dunha importante via de comunicación, nada menos que cara a capital relixiosa dos galegos, a Asecconia, cidade xa esgrevia antes da cristianización, nunha terra onde as pegadas da historia son evidentes.
Hai un nucleo de poboación CASTRO e outro CASTRO POMBO (castro do Pombo). Non ofrece dudas de que se trata de dous castros, fortes da cultura castrexa inventariados e protexidos polo concello. Do latín castru e do medieval castro.
A ILLA
Abaixo do Castro Pombo, nos terreos agrarios colonizados polos primitivos habitantes do monte, cando se adicaron a labranza tras as etapas de maior actividade guerreira e inestabilidade vemos que naceron nucleos de poboación como Terroal, Porto Carreiro ou A Illa. Este último topónimo a carón do nacemento do rego da Illa ou río Ser, co seu nome claramente nativo e prerromán, levanos a ver unha forma perdida que marca precisamente «corrente de auga». Illa pode ter un semellante en Fonte de Illo (Barro, Pontevedra), incluso en Ulla, famoso río.
Temos as formas Vlie (883) e Vlia (915). As palabras ulleiro, illó, ulló responden a un «manacial, charco, pantano». A Illa, mais que unha insua, é un terreno humido, de moita auga, regado por un río de seu.
PORTOCARREIRO
Os castros erguíanse sobre terreos que defendían, e albiscando vellas sendas, camiños cunhas direccións ben definidas, rutas de vida e a veces de morte. Baixo o pe do castro, o Castro Pombo, estaba un porto seco, un paso. De aí este nome de lugar, Porto Carreiro. Un pasaduiro repetido dúas veces no significado, pois tanto porto como carreiro veñen dicir o mesmo: camiño de carro, via, pero especialmente significativa, como unha estrada xeral de hoxe, importancia afirmada co tema porto, do latín portus.
Lugares semellantes hai moitos na nosa xeografia, que nada teñen que ver cos portos de mar: Portomouro, Portor, Portocarreiro, Portomarín, Portomedal. Portocarreiro hai en Antas de Ulla e Vilalba, e na Coruña só sei deste do Xallas.
Pasou como apelido e incluso se castelanizou en Puerto Carrero. Carreira, carrera derivaron en vías de carro, de rodas, pero que ían de norte a sur; para diferenciar de calle, call, e corredor, que van de este a oeste. Podemos velo nas nosas «carreira» e «calle real».
PORTOCHAN
Outro porto seco, pasaduiro de camiños, neste caso cara Val do Dubra, na raia entre o concello xalleiro e este, temos Portochán. Tratase dun lugar enclavado nun terreo de chaira, para distinguilos dos pasos terrestres entre montañas e falar da bonanza da súa vía. A veces a forma chan (lat. planum) non fala precisamente da superficie plana senón dunha singularidade do lugar, dos seus colonos, aprezando que son xente vilán, chan e non privilexiados (campechán), polo que nomea xente obrigada a pagar foros ou gabelas. Esgotar esta posiblidade nun paso con cancela en onde se pode obrigar a un fielato non se debe descartar.
TERROAL
A orografia presenta moitas formas e distingue con palabras dunha mesma raiz semántica as súas peculiaridades. Esta fai referencia a constitución do terreo cun abundancial en -al, e a base latina «terra». Indica un fundo, un territorio de labranza pero con particularidades. En galego temos terroeira e tarrugueiro, tamén terroñal. Son terreos nunha depresión onde se amontoan teras, pedras. Estes pilóns ou medas a veces constitúen construccións cativas, de forma redonda. Por exemplo hai unha en Sabadelle-Vimianzo. Son comúns na Mancha, co nome de majano. Un terroal pode ser unha porción de terra separada das leiras e marcada por unha morea de croios, terra, que a limitan. Ou o conxunto desta morea de pedras e terra.
VILARNOVO
Unha fórmula de núcleo de poboación, de asentamento colonizador é este lugar da parroquia de Freixeiro. Un vilar de nova fundación, característico da Idade Media onde se foron asentando novas xentes en espazos, searas, fundos, anteriormente baldíos ou do común nunha comarca nunca moi poboada.