16.5 C
Santa Comba
jueves, marzo 21, 2024

85 Cabodano da morte do mestre Jesús Álvaro Brenlla das Travesas

Rafael Lema-

O profesorado foi un dos piares nos que a República Española apoiou o seu programa de rexeneración nacional, moi marcado no eido educativo, e polo tanto sufriu a dura represion tras o golpe militar de 1936. Esta semana foi o 85 cabodano da morte dun destes mestres vítimas da represión desa fatídica data, o xalleiro Jesús Álvaro López Brenlla, mestre en Louro-Muros, paseado o un de setembro de 1936 na Corredoira Fonda de Louro. Brenlla naceu no lugar das Travesas, da parroquia de Santa Sabiña (Santa Comba), ás dúas da mañá do 28 de novembro de 1911. Cursou estudos de maxisterio e en 1934 e exercía de mestre na escola de Louro no 1936.

Mestre en Louro, onde fundou unha sociedade obreira

Tras o golpe do 18 de xullo, en agosto as autoridades locais de Muros entre os informes do profesorado da zona engadiron o expediente de Brenlla, como significado militante das esquerdas e promotor das súas ideas. Jesús Quiroga, delegado militar de Instrución Pública recibiu así o dossier onde explicaban estas fontes que o mestre era un elemento socialista e dirixente da Fronte Popular, estaba afiliado á Asociación de Traballadores do Ensino, era lector do xornal socialista Claridad, fundara en Louro unha sociedade obreira afecta á UGT, inculcaba nos nenos ideas contrarias á relixión católica.

Foi delegado do Congreso Rexional de Traballadores do Ensino celebrado en Vigo entre o 17 e o 24 de maio de 1936, onde naceu a federación galega da FETE (Federación Española Trabajadores de Enseñanza). O mestre será destituído da súa escola polas autoridades militares o 21 de agosto e logo separado definitivamente do ensino en xullo de 1940. Cando xa levaba catro anos morto.

Datos de Narciso de Miguel

Segundo datos de Narciso de Miguel a morte de Brenlla vai unida a varios nomes de represores significados. Brenlla foi mobilizado como recluta do bando nacional en Santiago. José Leseduarte González, capitán da Garda Civil e delegado de Orde Pública en Santiago de Compostela, foi informado de que o soldado foi líder do «movemento revolucionario» en Muros así que reclamou a súa presenza para interrogalo.

Segundo o atestado, o mozo confesou a súa actuación e mesmo recoñeceu saber onde estaba agochado un depósito de armas e explosivos, que identificaría se lle permitían ir a Louro. Entre outros moitos represaliados, ingresou no cárcere. En Santiago estaba o comandante do posto da Garda Civil de Muros, o brigada Matías Fernández de la Guerra, e o delegado encomendoulle a misión de conducir a Brenlla até o lugar onde estaba o depósito. O 31 de agosto de 1936 foi trasladado nunha camioneta cara a Muros. Alí, ao ser tarde, o mozo foi recluido no cárcere. Ao día seguinte, algo antes do abrente, o brigada, un garda civil e dous milicianos falanxistas subiron a un coche de aluguer que os levou a Louro.

Según explicou no seu traballo Narciso de Miguel, o grupo aparcou o vehículo na estrada, apeáronse e pedíronlle ao mestre que identificase o lugar onde estaba o arsenal. Este colleu primeiro por un camiño existente á dereita, mais axiña rectificou e retornou á estrada. Continuou andando, seguido pola comitiva formada polos gardas e os milicianos, e algo máis adiante desviouse por un camiño de carro, coñecido como Corredoira Fonda, que conducía ás casas do lugar.

Logo o mestre tomou un carreiro cara unhas leiras de millo situadas á esquerda e a máis altura, pero cando xa «subira unhas pedras pasadeiras botou a correr», e o brigada, «desde a mesma beira do camiño, berroulle dándolle o alto por tres veces». Como non fixo caso, «e por temor a que se metese entre as plantas de millo e escapase», deu orde de que disparasen, como así fixeron o garda e os dous falanxistas, armado o primeiro cun fusil e os segundos con sendas pistolas. O mestre caeu fulminado, e unha vez comprobada a súa morte, a Garda Civil regresou a Muros para dar parte do sucedido e os milicianos quedaron custodiando o cadáver.

O informe non corresponde con outras fontes orais e todo semella ter sido un dos centos de paseos que nos dous bandos se cometeron sementando o país de gavias cheas de cadáveres.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos