18.3 C
Santa Comba
jueves, marzo 21, 2024

A campá do SS Priam en Santa Cristiña de Berdoias

//Rafael Lema//

Os barcos gardaban unha aureola divina na Costa da Morte. Os seus nomes eran usados para marcar o tempo, como os deuses de antes. Antes do Serpent, o ano do Nil, o ano do Boris. E as súas campás ceiban badaladas de bronce tal os peitos dos heroes en moitas espadanas das nosas parroquias, convertidas nun referente espiritual, anunciando asambleas de crentes, festas e acompañando aos defuntos. Un barco inglés con nome de heroe homérico deu pasado o Nadal de 1889 nas costas bergantiñás.

A pequena igrexa de Santa Cristiña de Berdoias (Vimianzo) ten como sino do seu campanario un bronce sacado dun famoso naufraxio, o do mercante inglés SS Priam, caído nos baixos da Sistela ao oeste das illas Sisargas as cinco da madrugada do 11 de xaneiro de 1889. O seu pecio pódese ver na Latitude:43.3576374721 e Lonxitude:-8.82820129395. foi o investigador de Camariñas Xosé Troiano quen deu con ela nesta pequena aldea do territorio de Nemancos, que garda especial vencello coa veciña Carnés.

De feito a santa Cristiña téñena por irmá ou compañeira de san Cristovo, e foi lugar famoso polos seus curros de cabalos, propiedade dos condes de Altamira desde o século XVI. Xa a temos citada noutros artículos entre outras campás de naufraxios que tocan en moitos templos da zona e fomos descubrindo. A do Agra de 1897 segue tocando en Camelle, o Nil de 1927 en Arou, o Maria Laar de 1950 en Santa Rosa de Laxe, Angélica Schulte na Virxe do Monte, a do Hebburn Hall de 1873 na capela do balneario de Arteixo, a do Kurfüst do 1904 no santuario de Pastoriza.

Restos do Priam

O barco foi obxecto de varias campañas de desguace e xa no seu día deu pe a unha das maiores carretadas de raqueiros coñecidas, con verdadeiras feiras en varias aldeas onde se vendía o xénero pillado do barco. Pezas como teas, louza, reloxos de ouro e prata, e ata un piano que despois de varios trafegos rematou na igrexa de Santiago de Arteixo, concello onde foron parar a maior parte dos «tesouros» do barco.

Curioso foi o que lle pasou a José Naya de Arteixo, parente do meu veciño José Gago Naya, Pepe do Roán. Naya apañou un feixe de «estampiñas bonitas» coas que fixo lume ou armou cigarros de tabaco. Ata que un día nunha tenda lle dixeron que aquelas estampas eran libras esterlinas.

Santiago Abuelo

Os mergulladores da casa Santa Cruz ou os Dosil de Carnota tamén deron conta do mellor material do casco do buque na posguerra. Entre outras cousas, Manolo Dosil mentres andaba moceando por Malpica sacou a campá de bronce do barco que lle entregou ao párroco de San Xulián de Malpica, Santiago Abuelo Alvite, dunha familia ben coñecida en Mazaricos e Dumbría, en todo o arciprestádego de Nemancos. Abuelo estivo en Malpica desde 1921 ata 1946.

Foi inmortalizado nun coñecido cadro de Fernando Álvarez de Soutomayor, «Desayuno del abad». Así que tuvo que ser a intermediación do abade Abuelo a que levou o sino ata Santa Cristiña. A igrexa local é unha pequena nave rectangular, cunha capela maior de planta cadrada. Ten unha fachada de esquema pentagonal que remata nunha pequena espadana.

O erudito bergantiñán Xosé Pumar Gándara fixo no seu día a semblanza do abade Abuelo. Santiago Abuelo Alvite naceu en Colúns (Mazaricos) no ano 1884. Estudou no Seminario de Santiago, licenciándose en Teoloxía. Ordenouse presbítero no 1906. Foi coadxutor de Seavia (Coristanco), co seu tío e padriño Santiago Abuelo Lado de párroco. No ano 1914 exerce de sacerdote en Chacín (Mazaricos).

Desde 1921 pastorea en Malpica de Bergantiños. Finou no 1946. Benigno Rocamonde Carril é o novo párroco. Enterrado en Malpica foi trasladado polo seus familiares ó cemiterio de Colúns. Se os Abuelo deron varios cregos no século pasado e no presente, tamén os Alvite, vencellados a Vilastose (Muxía) e Cereixo (Vimianzo). Pariente era José Alvite Ameijeiras, dunha familia de Santa Comba de nove irmáns que tras exercer durante a guerra civil de cura en Lousame vén despois da mesma a levar as parroquias de Cereixo e Carnés.

Antes fóra capelán castrense na Coruña e tiña o grado militar de tenente. Polo tanto este contacto directo entre Abuelo e o seu parente José Alvite propiciaría a necesidade da campá para a capela veciña, tan venerada pola xente de Carnés e Cereixo. Alvite era curmán de Abuelo e dos Alvite de Vilastose. Chegou a Cereixo no 1941.

SS Priam, un barco mercante inglés de ferro

O SS Priam era un barco mercante inglés de ferro, impulsado a vapor (620 I.H.P.) e vela, e construido en 1870.Tiña 95,5 m. de eslora, 10,4 m. de manga e 8.6 m. de puntal, con 2039 de T.R.B. Pertencía á Blue funnel line –Ocean Steamship Company, e o seu capitán era Edward Thomas Jackson. O 11 de Xaneiro de 1889, en ruta de Liverpool a Shanghai transportando carga xeral, con 42 tripulantes e cinco pasaxeiros a bordo, por mor da borraxeira, tocou nun baixo perto das Illas Sisargas e embarrancou. Partiu en dous, morreron nove persoas.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos