16.3 C
Santa Comba
miércoles, junio 7, 2023

Sálvora. Cando a Illa das Mentiras quixo ser Papillon

Rafael Lema

A paradisíaca illa de Sálvora en Ribeira foi lugar de traxedias mariñas, tamén asento de salgaduras e núcleo habitado durante séculos. Na súa dilatada historia tamén foi proposta a presidio durante a guerra de África, o que levou a mobilización veciñal de toda a ría e da provincia.

A directora galega Paula Cons pon de actualidade Sálvora pola súa longametraxe de ficción «A illa das mentiras». A historia da madrugada do 2 de xaneiro de 1921 cando o buque Santa Isabel, con 260 pasaxeiros a bordo e destino Bos Aires, afundiu fronte ás costas da illa. Tres mulleres da illa, María, Cipriana e Josefa, conseguiron salvar a 48 persoas, aínda que recibiron o mal pago das sospeitas, de que roubaran aos cadáveres. Cons achégase aos sentimentos daquelas mozas, a perspectiva das tres mulleres, interpretadas por Nerea Barros, Victoria Teijeiro e Ana Oca. Así indaga no impacto do naufraxio nas relacións sociais da illa, o rol da muller ou a dura situación case feudal na que viven os colonos de Sálvora.

Proposta do Penal de Sálvora

Antes do naufraxio do Santa Isabel e dos actos das heroicas mulleres da illa, foi famoso este peculiar arquipélago arousano por unha campaña veciñal en contra da proposta do Goberno de España de facer alí un penal no 1904.

A prensa da época colleu o resón dunha campaña en contra desta idea (El Noroeste, Heraldo, La Voz de Galicia), pero especialmente combativo foi o diario liberal El Miño de Ourense, que na súa portada o 30 de agosto de 1904 inclúe unha longa carta a tres columnas enviada ao presidente do consello de ministros pola Cámara de Comercio Industria e Navegación de Vilagarcía de Arousa, presidida por José M. Abalo y Sousa, con Epifanio Deza como secretario.

Neste caso protestando contra o plan. O xornal faise eco de que «todas las autoridades y demás representaciones de la región denuncian este descalabrado proyecto, a excepción del alcalde de Santa Eugenia de Riveira, cuyo gracioso telegrama á el Heraldo ya hemos publicado». Supoñemos que o Goberno ofertaría unha suculenta doación ao Concello a cambio da illa, ou promesas de investimentos. A resposta da cámara non deixa de ser un canto do comercio contra a política africanista, a impopular guerra, no medio da crise do 98 e as arbitrariedades do poder. Unha defensa da ría e dos intereses locais, máis tamén un ataque directo aos «proyectistas», aos intereses privados en contra do público e a nefasta situación penitenciaria nacional. Unha boa lambada na cara do Goberno con retórica decimonónica de casino e retranca galega.

Na carta a cámara denunciaba «la medida de gobierno que se intenta, de trasladar los dos mil penados del presidio de Ceuta o de Melilla, á la isla de Sálvora, situada en la embocadura de esta grandiosa ría de Arosa, dotada por Dios de incalculable belleza y los mayores encantos, envidiada así de propios y extraños». «Es decir, que lo que no quieren en África por inconveniente y perjudicial, pueblo considerado hasta ahora por la mayoría de la gente como bárbaro e incivilizado, nos lo envían a nosotros considerándonos sin duda de peor y más ínfima condición que los moros. Y esto, según de público se dice, por razón de no sabemos que conquistas políticas y mercantiles en aquel ardiente suelo, que sueña realizar nuestra sabia y perspicaz diplomacia» ironizan no escrito.

Da conta a misiva da pouca calidade da illa polas súas dimensións e cercanía a pobos para tal empresa, non podendo atender a un penal e a súa gornición e que este presidido estaría «expuesto a frecuentes evasiones de los rematados que llevarían la alarma y el terror á estos pacíficos lugares», polo que coidan que «la idea no puede ser más descabellada, ni más infernal, tan solo propia y sugerida por algún ambicioso, algún espíritu maléfico reñido con el sosiego y la moralidad de estos honrados habitantes».

Fan saber que a protesta é unánime e recordan que este tipo de presidios están en terras moi illadas, como Fernando Poo ou Muni, á imitación do modelo que usan Inglaterra, Francia, Portugal, e non nunha ría de 70.002 almas. Asimesmo claman por cambios para que «esos antros llamados presidios, escuelas hoy de inmoralidades y de crímenes, se conviertan en lugares de justa corrección y penitencia sí, mas de salvadora reintegración moral del ser humano envilecido».

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,842SeguidoresSeguir
1,130SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos