6.9 C
Santa Comba
lunes, abril 1, 2024

Juan e Pero de Camelle, dous tratantes do 1534

//Rafael Lema//

No meu último libro «Costa da Morte, crónica marítima» (GALP 3) teño falado da importancia desde a Baixa Idade Media do comercio marítimo galego e tamén de varios portos da nosa comarca participantes activos deste negocio (Muxía, Fisterra). 

Una liña aberta séculos antes, pero por falta de documentación pouco sabemos dos fondeadeiros, fachos e loxas que servían de apoio aos vellos navegantes, o que leva a algún a converter lendas en crónicas, con bastante abuso do maxín. Unha destas lendas fala da fundación de varios portos da Costa da Morte por vascos ou outros cántabros (incluso atlantes), algo que non acorda coa documentación dos arquivos galegos.

Sí foi importante nalgunhas épocas a presenza de pescadores e comerciantes cántabros (legais e ilegais) nas nosas costas, dos que teño falado no libro citado. Tamén a de baleeiros. Pero en xeral viñan facer a costeira, uns meses ao ano, como facían os meiriños das Rías Baixas, as veces provocando tortos e revoltas dos nativos. Moitos foron ficando entre nós, pero en pobos que xa estaban fundados, sen mudar moito a xenética local. Na Idade Media van aparecendo nomes dos nosos primeiros veciños, sobre todo na documentación monacal, e no século XVI na parroquial, señorial. Son apelidos en xeral ben galegos e ben nosos, só unha minoría resulta estraña, poucos destes forasteiros permanecen nos primeiros listados, xa da Idade Moderna.

A caza da balea na Costa da Morte

No caso dos baleeiros, ademáis da miña aportación, debemos destacar o traballo do meu bo amigo Felipe Valdés. A caza da balea foi importante en Galicia na Idade Media, e algúns mosteiros como os de Santa Mariña do Tosto (Camariñas) ou o de Caión, mesmo o cabido compostelán, cobraban rendas pola súa caza. No caso de Santa Mariña aparece unha «renta de ballenería de Tosto» no 1292. Este mosteiro nacido como un ancestral eremitorio da primitiva tradición galaica no século IX pasou logo a San Paio de Antealtares, e contaba con moitas rendas en toda a chamada terra de Traba ou territorio de Nemancos, que incluía o tramo de mar que logo herdou o pósito de Camelle.

Pero xa no século XII tiña problemas, e os seus bens serán ocupados por outras abadías (Ozón, Moraime) ou nobres da zona. De San Paio o cenobio xaviñán pasou a San Martiño Pinario, sendo xa unha capela sen frades. Con todo Pinario aínda sacaba no 1607 boas rendas do lugar, un santuario de moita sona. No 1465 San Martiño Pinario afora a Gonzalo de Serrano e María de Bens, a hermida de san Bartolo de Arou, do vello cenobio de Tosto, co seu fundo, para que ergan a capela e unha morada. No 1505 Pinario afora ao conde de Altamira herdades en Camelle.

Maior importancia ten a caza da balea na Costa da Morte no século XVI e aquí sí hai unha importante xestión por parte dos vascos, que nos teñen no medio da súa ruta a Terranova. A mediados do século XVI Gaspar de Sarrondo de Zaraitz e García de Olaso de Getaria faenan en Camelle. O normal é que levasen as baleas fora da poboación, polo seu fedorento traballo (mais ben na zona da Gandriña, Sabadelle), e, como adoitaban, vivisen en alonxadas casas-almacéns provisionais chamadas vicharras, nome que ficou en Camelle e Arou.

Este porto de Camelle non aparece antes do século na documentación, pertence a vella parroquia de San Pedro do Porto (ten toda ela 29 casas a final do século XVI, en 15 lugares). San Pedro do Porto fórmana: «Puente del Puerto, La Iglesia, Garás, Oallo, Dor, Outeiro, Barrosas, Curros, Casas Nuevas, Vao del Puerto, Rodeiro, Camelle de Arriba, Camelle de Abajo, Arou y Lazo».

Nos libros parroquiais e de señorío (Altamira) temos datos de Camelle de Arriba e Camelle de Abaixo. Ao seu carón neste século están os lugares de Arou, O Rodeiro e Sabadelle (Carantoña). Os listados dos primeiros veciños coñecidos destas cinco aldeas citadas é de apelidos ben presentes hoxe na zona, e comúns a estas aldeas. Non hai vascos.

Confraría e capela do Espíritu Santo de Camelle  fundada por Gregorio de Lema

A mesma confraría e capela do Espírito Santo foi fundada no 1690 por Gregorio de Lema de Sabadelle, non por baleeiros. Pero xa desde estes primeiros datos vemos a presencia en Camelle de pescadores, de baleeiros e de comerciantes que veñen a facer cargas ao seu esteiro. Ou sexa, ademáis de labregos e gandeiros (eran ben coñecidos os seus curros de cabalos) había xente de mar. Aquí vou falar dos dous primeiros camelláns que coñezo, tratantes precisamente de gando e de comercio mariño.

Aínda que noutros artículos teño ampliado o relatado nestas liñas vou dar agora un apunte sacado dos pregos do mosterio de Moraime, que no XVI tiña bens na nosa parroquia e arredores (Porto, Xaviña, Cereixo, Traba, Santa Mariña, Buría). Da importancia socio-económica do cenobio deron conta tamén M. Lucas Álvarez e J. E. Benlloch. E do valor artístico J.R. Ferrín González.

Este mosteiro vendía os seus excedentes de trigo por mar en barcos que saían do ancoradoiro de Area Maior, tamén dos portos de Muxía e logo Camariñas. Desde 1346 Muxía ten foro de vila e reclama o seu dereito sobre a zona costeira, ata onde chega a auga salgada. Así manterá moitos preitos cos monxes denunciando cargas de barcos na ría. Desde 1547 os monxes contan con permiso real para os embarques e manterán durante toda a Idade Moderna un fluido comercio; tamén con estranxeiros, malia a obriga por algunha disposición real a venderen dentro do reino, polas faltas que hai de cereal na terra. No século XV a ría era lugar de refuxio para a flota veneciana, e moitos barcos de toda bandeira que pican nela. O alcalde de Muxía, por exemplo, di que ten dereito a inspeccionar «naos francesas, cargadas de paños, surtas en la Arena Mayor» no ano 1554, cargando para os monxes. 

Por iso non nos estraña a veciñanza de xente da costa nas terras dos monxes, na estiba ou de patróns. Dous dos seus vasalos nunha época dourada do comercio mariño da ría podemos consideralos entre os primeiros veciños de Camelle, que se asentaron en Muxía e Moraime polos seus tratos de gando e comercio mariño. Aparecen citados no 1534, sendo prior Miguel Yans (Eáns). Son Juan e Pero de Camelle, veciños de Muxía e de Moraime, que viven ou teñen bens na xurisdición dos monxes, e por iso aparecen nas listas de tortos de Moraime gardados no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago. O seu apelido de orixe é claro. Os monxes cando teñen disoutas coas autoridades de Muxía fan valer o seu dereito a secuestrar bens que están baixo o seu foro, e este ano é especialmente complicado por un torto entre as xurisdicións de Muxía e Moraime, polos lindes. Os de Muxía aproveitan para pedir novos postos de goberno. O cartapacio desta disputa pode verse en (AHUS, Clero, Carpeta 2, cartapacio 1180. fº nº 36v a fº39r).

Juan e Pero de Camelle

O 19 de xaneiro de 1534 o escribán de Moraime, con Afonso Lobrans como testemuña, preitea contra Bartolomé de Lema e outros, porque «Tiene de renta en casa deste testigo en cada un año tres ferrados de trigo. E qˆ Horraca Afonso otros dos ferrados e medio en cada un año. E Juan de Camelle de Mugia cinco ferrados e se los debe y qˆ eso mysmo tiene Juan Darliña quatro o cinco presas de vacas de las quales el dicho Juan Darliña tiene la mitad tanbyen se le secuetran en su poder». Aquí aparece o noso primeiro caso, Juan de Camelle, veciño de Muxía que lle debe cinco ferrados de trigo ao demandado.

Na mesma data, 19-1-1534, coa testemuña de Bertolame de Sançon (Sanzón), o escribán acusa a Pero de Camelle de ter no seu prado sete égoas e seis pezas de gando, que lle levaron o mesmo Sançón, Yanes e Ferreiro. Di a testemuña: «Traxera una yegoa e la metyera en prado de este testigo e que dicho Aº Yañes tyene en lugar donde este testigo bibe e mora cinco o seys pieças de ganado e que estan en la corte deste testigo. E que estan mas en la grei deste testigo cinco o seys pieças de yegoas las quales dize qˆ en ellas, Gregorio Ferreyro vzº de Mugia, no sabe qˆ tanta parte.. secuestro en su poder».

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos