4.8 C
Santa Comba
jueves, marzo 28, 2024

Cando Corcubión era a gran base carboeira coruñesa.A loita dos pontóns entre Muros e Corcubión

Rafael Lema

Unha das industrias máis recordadas en Corcubión é a de aprovisionamento de carbón aos barcos que se surtían nos pontóns no medio da baía, que foran os cascos de barcos con grandes historias detrás. Pertencían a «Compañía general de carbones s.a. de Corcubión», propiedade de Plácido Castro, que tiña permiso para «la importación de carbón mineral extranjero para suministrar a la navegación a vapor». Era intenso antes da guerra civil o fluxo de barcos carboeiros para cargar os almacéns flotantes e de barcos que aprovisionaban de carbón, unha industria que chegou aos anos sesenta do século pasado.

Placido Castro Rivas fundou a estación Carboneira de Corcubión, a Cape Finisterre Coal Depot Ltd no 1885. Ao menos desde 1900 ven exercendo esta actividade coa nova empresa que deu lugar a presencia de axentes, consignatarios e consulados en Corcubión. Detrás dos pontóns estaban vellos barcos: Monkbarns, Sorrento, María Luisa, Burdeos, Mayagüez, Condor. Estes e os barcos de salvamento formaban a estampa habitual na ría nas vellas fotos. Na praia da Viña (Corcubion) estaban nun primeiro plano as embarcacións empregadas nas tarefas de recuperación de barcos, ao fondo, o vello peirao de ferro e as instalacións de José González Cereijo, un dos pioneiros no salvamento e recuperación de vapores naufragados na costa galega, cando Camelle e Corcubión eran o centro desta actividade.

Unha historia menos coñecida foi a rivalidade inicial entre Muros e Corcubión por facerse coa base carboeira, aínda que en ambas tiña monopolio Plácido Castro, nun principio con socios como Alberto Aznar y Tutor. Santiago Llovo ten falado sobre os inicios en Muros de Castro, para evitar ter alí un rival, e como trasladou cedo todo o traballo a Corcubión.

O 6 de xullo de 1909 publícase na Gaceta de Madrid a autorización, da Dirección General de Obras Públicas, para a instalación no porto de Muros de dous depósitos flotantes de carbón mineral a nome de don Alberto Aznar y Tutor. O 9 de decembro do mesmo ano publicase outra autorización, esta a nome de Ambrosio Herreros Torres. Pero axiña ao mando da industria se puxo o empresario corcubionés Plácido Castro. Según Llovo en varios números do periódico quincenal local de principios de 1910 «La Liga de Amigos», aparece o empresario interesado nos depósitos de carbón.

En agosto de1910, Plácido Castro desprazouse a Muros para mercar o vapor inglés Cairnryan, que se atopaba fondeado na súa rada, co obxecto de destinalo a pontón, mais non resultou o plan. Por iso en novembro o banqueiro, armador e consignatario local Secundino París Pardiñas pedise tamén autorización para a instalación dun pontón en Muros. Isto apurou a Castro, e así o número de 30 de decembro de 1910 da Liga de Amigos publica a seguinte noticia: «Nuestro muy querido amigo, el opulento banquero y entusiasta protector del pueblo de Muros don Plácido Castro, ha adquirido en la Puebla del Caramiñal el buque de 2.000 toneladas María Luisa, que con el Sorrento establecerá punto en nuestra bahía (…)». O Maria Luisa foi remolcado dende a Pobra polo coñecido vapor de salvamento marítimo Finisterre e chegou o 5 de febreiro de 1911. O 15 de xuño de 1911, o xornal local conta: » El próximo día 20 saldrá de Inglaterra un nuevo barco para establecerse como segundo pontón de don Plácido Castro en Muros (…)». Era o Cawdor, despois chamado Condor, do que teño falado. Pero queda en Corcubión, e no seu lugar vai para Muros o Sorrento, que xa operaba en Corcubión.

En setembro de 1911, en Muros «empézanse a chamar as pantasmas aos dous pontóns fondeados na súa rada xa que tanto o María Luisa como o Sorrento levaban en Muros dende febreiro e xullo respectivamente, e aínda non cargaran carbón» indica Llovo. Ante esta falta de actividade volve o empresario local Secundino P. Pardiñas a solicitar permiso para abrir a súa estación.

En xaneiro de 1913 chega a Muros o vapor Galaico co primeiro cargamento de 800 toneladas de carbón para os pontóns fondeados. Pero nacen as críticas contra Plácido Castro: «que nadie espere transatlánticos, vendrán vapores menores, don Plácido es de Corcubión y es allí a donde llevará lo más importante «. A primeiros de marzo de 1913 entrou a carbonear en Muros a primeira embarcación, o vapor holandés Vilenond, de 50 toneladas. Logo o vapor Puebla. En abril cargaron os vapores ingleses Snilword e Tavián. En xullo cargaron 11 vapores. «Esta extraordinaria actividade viña derivada dunha folga que mantiñan en Corcubión os traballadores da empresa de Plácido Castro, e conseguintemente este desviou a actividade cara a Muros» é a explicxación que da Llovo deste estraño fluxo. Remata a folga e tamén a actividade. No resto do ano 1913 non consta entrada de ningún barco en Muros para avituallarse. O 15 de marzo de 1914 unicamente entrou un vapor inglés de gran tonelaxe que carga todo o carbón do Sorrento. Non hai mais datos da estación de Muros e Corcubión será a base carboeira de referencia durante medio século.

A Gran Guerra causa estragos. Plácido Castro vende os depósitos no 1916 a Compañía General de Carbones de Barcelona, vinculada ao capital inglés, nacida este ano con 5 millóns de pesetas. E compran os que explotaba en Marín D. José Alcántara. Habendo alcanzado a concesión do Estado para establecer un depósito flotante en Vigo, envían alí o pontón Cawdor de 4.000 toneladas, que estaba en Corcubión. No 1917 foi nomeado Presidente del Consejo de Administración Local de Inglaterra, o Vice-Presidente primeiro da Compañía, The Right Honourable Barón Rhondda of Llanwern. O Marqués de Alhucemas, Presidente do Senado, aceptou o nomeamento de Vice-Presidente segundo. Os ingleses moveron fíos e «compraron vontades políticas» dun xeito descarado, gañando a guerra Muros-Corcubión. Esta empresa armou un verdadeiro monopolio de depósitos flotantes en España. Outra historia de interese á a folla de servizo dos barcos usados en Corcubión como pontóns, do que falaremos noutros artigos.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos