9.5 C
Santa Comba
sábado, marzo 23, 2024

Lacenas e Alvarizas. A importancia do mel da Costa da Morte

Texto:Rafael Lema/ Foto portada- Asociación Patrimonio Galego.

A produción de mel e cera procedente de cortizos, lacenas ou alvarizas na Costa da Morte, Bergantiños e Xallas sempre foi un apéndice importante da economía rural. Galicia era coñecida xa en tempos dos romanos pola cantidade e calidade da súa mel e a zona costeira non foi menos. Coa toponimia podemos localizar vellas alvarizas nos nosos montes, onde tamén seguen presentes algúns restos desta peculiar arquitectura popular. Algunhas son coñecidas como as do Monte Faro de Vimianzo ou Castrobuxán, outras menos (Ponte do Porto, Montecelos, Sabadelle, Pedra do Frade). As lacenas nas casas son un tipo singular de cotizo de abellas da nosa zona. Os antigos mosteiros da comarca recollen citas a colmeas e cobros en mel e cera (Moraime, Ozón, Seavia), pero no Catastro de Ensenada de 1752-54 temos a mellor relación de colmeas históricas nestas comarcas, con nomes dos seus donos, e danos conta dunha importante produción.

Contribucións na Idade Media

Na Idade Media e Moderna as contribucións son sobre todo en cereal (trigo, millo, centeo e logo millo groso), cartos, gando, e peixe nos portos de mar. Mais contamos con citas a outros pagos, entre eles a cera e o mel. No compendio dun cento de parroquias de Nemancos, Soneira, Seavia, Céltigos, que recolle Jerónimo del Hoyo nas «Memorias del Arzobispado de Santiago (1607)» só aparece a mención a un cobro en mel na de San Pedro de Ponte do Porto, con datos referidos a 1597. Fala das rendas da fábrica en trigo e gando ao cura e leigos, pero ao citar a existencia das ermidas do Espírito Santo de Camelle e «otra de San Bartolomé, junto a la marina, cuya propiedad es del monasterio de sant martín» (Arou), da que levan os décimos os herdeiros de Fernando de Leis indícase que «Al Retor dan un azumbre de miel».

É o único caso de pago en mel das curas e sincuras das parroquias costeiras. É habitual en Galicia que as comarcas especializadas nalgún tipo de froito podan abonar pagos nesta especie, cada foreiro paga na renda máis común do lugar, por iso o dato apunta a existencia dalgún cercado ou alvariza na parroquia porteña, do que hai dúas referencias polo menos en a grixa, preto da igrexa parroquial, aínda que no Catastro de 1754 xa non estean en uso. Son a Alvariza do Locaio e o Tarreo da Alvariza. Tendo en conta que a confraría do Espírito Santo de Camelle foi fundada polo fidalgo Gregorio de Lema de Sabadelle, que axudou a reforma do templo, tampouco se descarta que o mel sexa da alvariza que había no seu solar (no rego da Alvariza, Sabadelle). O azume castelán ten catro cuartillos, algo máis de dous litros.

Os outros datos de produción de mel témolos nos citados mosteiros de orixe medieval, que apuntan cobros nesta especie para gastos correntes. Os priorados de Moraime, Ozón e Baiñas pasan a depender no século XVI de San Martiño Pinario, que recibe a maior parte das rendas, sobre todo polos foros de terras. Neste século, o trigo ocupa unha posición de supremacía, e a grande distancia seguen o millo e o centeo. No século XVII o millo groso (americano) despraza aos dos últimos. En Ozón e Baiñas o 57% das entradas de cereal eran en trigo, un 25% en centeo e un 16,5 % xa en millo groso. Para a venda vai o 97 % do trigo, o 87% do centeo e o 87,5% do millo. En Moraime as dúas terceiras partes son en trigo, un 22% en millo e un 11,5% en centeo. Destinan á venda todo o trigo e millo, e o resto para consumo interno. O tres priorados enviaban á casa central un 88 ou 90% dos ingresos. Tamén reciben ingresos en cartos e en especies variadas (galiñas, polos, carneiros, manteiga, peixe, leña). E cera e mel. No caso de Ozón, as contas de 1677 citan a cobra anual de dous azumes e un cuartillo de mel. En Baíñas, medio azume de mel e unha libra de cera. En Moraime, tres azumes de mel. Víctor Manuel Castiñeira Castro recolle estes apuntamentos nas súas táboas económicas destas abadías entre 1669-1692, seguindo coa pauta no século seguinte, onde Moraime mantén un importante peso económico para a casa matriz.

Riqueza apícola desde o Catastro de Ensenada

No inventario do Catastro de Ensenada de 1752-54 recollido da miña obra «Costa da Morte, crónica marítima» (Galp 2016) fixen un achegamento a nosa riqueza apícola desde o Catastro. Os delegados reais xuntaban un grupo de parroquias para facer o inventario dos recursos, e entre eles aparece a cita as colmeas. Os prezos para a libra de cera tratada ou bruta e para o cuartillo de mel varían en cada xurisdición. Cada colmea renda 4 reais. O mel anda en 2 reais e medio o cuartillo. A libra de cera sen labrar costa entre 6 e 7 reais, e labrada de 10 a 11 reais.

En Bergantiños destacan as parroquias de Brantuas con 238 e Ardaña con 116 colmeas. En Soneira: Calo ten 236, Vimianzo ten 225, e Soesto 131. En Nemancos a actual parroquia de Carantoña acada 260 colmeas. En Brantuas, Antonio do Souto do Raposo ten 117, e Francisco Domato 64. Antonio dos Santos de Vimianzo ten 70 cortizos. En Calo, Andrés de Lema ten 44 e Jazinto Castiñeyra 41. En Soesto Alverte Lema, 38. Serían donos de alvarizas, grupos de cortizos nunha cerca protexida dos animais e ladróns. O catastro cita a veces a voz alvariza, pero sobre todo «corral de abejas». Nas mencións a 1 colmea podemos ver a presenza de lacenas. En xeral os donos de preto de 20 cortizos terían unha cerca, curro ou alvariza. En Vimianzo hai 4, e outros dous con 15; podían ser algunhas do Monte Faro. En Calo hai 7, algunhas no Monte Faro e Castrobuxán aínda existen. En Soesto, 4. En Carantoña, 4, e dúas con 15. En Brantuas 3, e unha de 15. En Cambre 2. En Sarces 2. E polo menos unha en: Seaia de Malpica, a Aldea de Corme, Leis, Bértoa e Ardaña.

A RELEVANCIA DO MEL NA COSTA DA MORTE NO CATASTRO DE ENSENADA

Nos nosos montes aínda se ven vellas alvarizas de mel. No inventario do Catastro de Ensenada de 1752-54 recollido da miña obra «Costa da Morte, crónica marítima» (Galp 2016) temos unha visión da importancia no século XVIII en moitas aledas do mel e da cera das abellas.

No primeiro grupo parroquial analisado (Malpica, Vilanova, Barizo, Brantuas, Corme, Cambre) reunido o 21-2-1753 «bajo la supervisión del sudelegado don Diego Antonio Cortiñán» vemos que se paga o cuartillo de mel a 2 reais e medio; a libra de cera sen labrar a 7 e ladrada a 10. Renda cada colmea catro reais.

As colmeas que «aportan miel y cera a cuatro reales cada una son»: En Malpica: Francisco García ten 8, Joseph Chouciño 1. En San Xián: Francisco Cerdeira de Seijas 4, Francisco Pose de Villar 2, Adrián Camiño 1, Francisco Cousillas de Pontella 9, Ignacio da Costa 8, Jacinto Varela 7, Francisco Varela de Monte 2, Francisco Nobo de Vigo 3, Gregorio Facal y otros de Seaya 14, Joseph Pose de Seaya 2, Antonio de Zela 7, Antonio Chousiño 1. En Vilanova: don Francisco Martínez del lugar de Beo 6, Manuel Gómez de Beo 2, Antonio Facal de Beo 3, Diego Pose de Beo 2, Juan Cousillas de Beo 1, Francisco Varela de Beo 8. En Barizo: Domingo Serantes de Barizo 2, Josepha García 1, Francisca de Sian 2, Francisco Torrado 2. Don Martín de Cores, párroco de este lugar, 5. Brantuas: Antonio do Souto do Raposo 117; Francisco Domato 64, Antonio Laiño 4, Manuel Varela 17, Antonio de Doldan 4, Andrés Varela 7, Antonia Varela de Brantuas 15, Francisco Antonio de Prado 3, Antonio de Souto de los Ángeles 2, Antonio Ferreiro de Ruanova 4.

En Corme: Martín Doldan y consortes do Roncudo 8, Cayetano Rodríguez do Porto de Corme 4, Domingo Re 3, Joseph Rodríguez 1, Domingo Moreira 1, Felipe de Castro 1 (todos de Corme Porto). Don Pedro Rodríguez y consortes del lugar de la Aldea Grande 15, Salvador Centeno de La Aldea 3. Lorenzo de Chans 1, don Joseph Bento de Pazos del lugar de Froxán 1, Domingo Piñeiro en Gondomil 3. Pedro Varela 1, Antonio Doldan 1.

En Cambre: Adrián Vidal de Abiño 26. Martín Blanco de Abiño 4, Cosme de Mens de Seiscasas 4, don Diego Romero cura 1, Pedro Rodríguez Lantaño 7, Juan Varela del lugar de Paradela 5, Diego Varela de Seiscasas 12, Francisco do Outeiro 2, Feliciana do Regueiro 20, Francisco de Noboa 3.

No segundo grupo reunido en Caión (Rebordelos, Lema, Lemaio, Bértoa, Carballo, Sofán, Ardaña, Berdillo) «en la feligresía de San Salbador de Rebordelos, jurisdicción de la villa de Cayón el once de agosto de 1752» tamén hai noticia de cortizos.

En Rebordelos-Caión hai 62 colmeas: de Andrés de Mato 4, Dominga Rodríguez 2, Jazinto Phelipez 11, Manuel Bázquez 6, Juan Bouselle 15, Juan Barral 17, Antonio Rodríguez de Arijón 3, Francisco Freire 4, «que rentan 4 reales cada uno». En Lema hai 64 colmeas. En Lemaio 28 colmeas. En Ardaña, 116 colmeas. En San Juan de Carballo, 20 colmeas. En Bértoa, 77 colmeas.

Outro grupo onde temos cortizos é no de Vimianzo (Leis, A O, Soesto, Brandoñas, O Esto, Mira, Follente, Sarces, Carantoña). En Vimianzo proceden ao interrogatorio das fegresías de «San Vicente de Vimianzo, San Pedro de Leis, Santa María de la O, Suesto, Brandoñas, el Hesto, Mira, Follente, Sarzes, feligresía y coto de Carantoña». Hay bastantes donos de colmeas, rendando 4 reais por cada.

No couto de Carantoña: Andrés Álvarez 18 colmenas, Antonio de Baña 1, Andrés de Lema 15, Andrés de Santiago 20, Agustín Pereira 3, Domingo de Baña 1, Domingo Antonio Xerpe 9, María González 3, Francisco Barro 1, don Manuel de el Allo y Noboa 4, Joseph Gerpe 12, Joseph de Canto 1, Juan de Lema 20, Rafael Varro 10.

En San Martiño de Carantoña: Andrés do Mouzo 13, Andrés Álvarez 1, Angel de Canto 1, Christoval Paz 1, Domingo Pereira 4, Domingo Carril 6, Domingo de Lema 3, Domingo Vázquez 11, Estevan Álvarez 10, Florencio Castiñeira 5, Ygnacio Mouzo 3, Ygnacio Coo 1, Ygnacio Domínguez 1, Ygnacio Domínguez 4, Juan de Moreiras 1, Jacinto do Allo 1, Julián de Canosa 6, Joseph de Lema 6, Lorenzo Carril 1, Lorenzo de Lemos vecino de Santiago de Cereijo 20, Manuel de Braño 3, Mathias de Sar 15, Mathias Castiñeiras de Cereijo 10, Pablo Vermúdez 1, Pedro Martínez el Viejo 4.

En Sarces: Antonio do Muiño 22, Domingo das Bouzas 3, Domingo Thomé 3, don Florencio Durán de Lage 1, Ygnacio Baliña 16, Jacinto Pose 1, Pedro Cabrejo 10.

En Brandoñas: Alonso de Quintáns 1, Agustín Trillo 6, Angel Vermúdez 4, Carlos Suárez 1, Candida de Carril 8, Diego Vermúdez 12, Frutuoso Rio Maior 4, Francisco Jallas 6, Ygnacio García 7, Ygnacio Rodríguez 1, Juan de Otero 6, Juan Rigueiro 3, Luis López 1, don Manuel Rigueiro 2, Mario del Mouro 1, Manuel Vermúdez 4, Pablo de Quntáns 2, Rosa de los Santos 1. En Leis: Antonio Castiñeira 10, Joseph de Leis 6, Juan de Lema 6, Jacobo Posse 18, Pedro de Lema 1.

En Soesto: Alverto Posse 20, Alverto Lema 38, Antonio do Monte 1, Antonio de Lema 1, Adrián Posse 3, Eugenio Posse 17, Francisco Posse 5, Frutuoso Vidal 3, Joseph Durán el Biejo 7, Julián Gándara 1, Joseph Mouzo 3, Joseph Durán el Mozo 2, Matheo de Serra 2, Marcos Vázquez 3, Matheo Suárez 6, Pedro Mouzo 3, don Rodrigo de Leis de Berdoias 16. En A O: Alonso Moreira 10, Andrés Canosa 4, Domingo Castiñeira 1, Joseph Álvarez 6, Luis de Leis 4, Martín Álvarez 4, Sevastiana Vermúdez 4.

As parroquias de Vimianzo e Calo recóllense noutra relación, na de Datos de «San Vizente de Bimianzo y San Juan de Calo» tomados en Cambeda «el 30 de noviembre de 1752, ante Pedro Alonso de Arredondo». «No hay esquileo ni ganado. Hay algunas colmenas» indica o listado:

«En Vimianzo y aldea de Valiña tienen colmenas»: Francisco de Castiñeira 2, Dorotea Rodriguez 1, Bernardo dos Santos 2, Antoñio Castiñeyra 2, Alverte Rodríguez 2, Clemente dos Santos 1, Andres de Leis 6, Andres dos Santos 2, Luzilia Gonzalez 2, Antonio dos Santos 70, Cathalina Perez 2, Domingo Carreira 1, Domingo de Lema 21, Dionisio de Sar 4, Dionisio de Leis 2, Gregorio Cundins 10, Ignacio de Jallas 4, Ygnacio Castiñeyra 15, Juan de Lema 2, Joseph de Ynsua 10, Lucas de Leis 3, Luisa Gonzalez 7, Pedro Corzon 35, Raphael Vidal 17, Caietano Beltran 2.

En Calo: Antonia da Ynsua labradora 2, Andres Rodriguez 23, Andres Albarez 4, Antonio Carril 1, Alverto Rodriguez 5, Andres Duran 4, Andres de Lema 44, Carlos de Castro 1, Domingo Martinez 2, Domingo Perez 7, Francisco Martinez 6, Francisco de Toja 1, Florenzio Gonzalez 3, Jacinto Perez 4, Joseph Soneyra 1, Michaela Martinez 1, Manuel Suarez 6, Thodoro Castiñeyra 1, Pedro Perez 7, Andres Varela 24, Jazinto Castiñeyra 41, Francisco Pereira 30, Gregorio Mendez y Manuel da Toja 18.

Noutras parroquias que investiguei presentes son Catastro indícase que «non hay corral de abejas». Pode haber algunha colmea ou lacena, pero non se anota no catastro ou non temos a relación. Entran no listado: Vila de Muxía. Ponte do Porto, Carnés, Traba, Serantes, Xaviña, Camariñas, Cereixo. Laxe, Berdoias, Coucieiro, Gándara, Baio, Treos, Vilastose. Corcubión. Fisterra. Baiñas, Ozón e Nemiña. Cee.

Na Terra de Xallas o catastro indica que «hay colmenas y ganado», pero non temos a relación por lugares e donos. Entran neste cupo a «jurisdicción de Jallas: Santiago de Loroño, San Miguel de Couso, San Vizente de Cuns, San Salvador de Padreiro, San Pedro de Jallas de Castris, San Jinés de Entrecruces, santa María de Anxeris, San Pedro de Santa Comba, San Pedro de Ser, Santa María de Barro, San Felix de Freixeiro, Santa María de Grixoa de Esternande», operadas por Juan Martinez Miguez, correxidor da villa de Arzúa, na fegresía de San Felix de Freixeiro o 25 de maio de 1753.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos