19.1 C
Santa Comba
martes, octubre 1, 2024

A Viaxe Real de Alfonso IX á ría de Camariñas

Alfonso o Nove de León e Galicia fixo unha viaxe a pobra de Cereixo o 23 de xuño de 1228, datos que coñecemos por un gran traballo do investigador Julio González de 1943 sobre a figura deste gran soberano. //Rafael Lema//

Investigadores como L. Rodríguez Ennes ou S. Parga Pondal comentaron o mesmo. A viaxe foi posta de novo en relanzo pola recreación que fan en Camariñas en xullo, máis advertimos o evidente: que o rei non desembarcou en Camariñas, nin ven por mar senón por terra. Chegou a Cereixo polo camiño real atravesando as terras de Soneira e Xallas, e os algareos dos promotores locais desta «arroutada histórica» non van cambiar para nada a viaxe real nin a Historia de Galicia. Nin o encaixe naceu en Camariñas, nin este rei desembarcou alí, nin nada ten que ver con esta artesanía, que tardaría catro séculos en chegar á nosa ría; nin o rei ven a acabar con ningún foro ou arranxar lindes locais. Camariñas ten unha rica historia e moita lenda con tradición, sen necesidade de inventar nada.

Podemos intuír as verdadeiras razóns da viaxe á nosa ría pero non modificar un recorrido ben claro e documentado. Deste rei que fixo medio cento de viaxes por Galicia, só aparece esta referencia a unha visita a nosa comarca; deixando pegada escrita en Cereixo, Xaviña, Soesto e Serantes. Os catro da entón chamada terra de Traba, e os dous primeiros da división chamada territorio de Nemancos; como acreditan os documentos coñecidos (doazóns a Moraime, etc). Chega coa súa curia cumprida, ao xeito da aula carolinxia, cunha ducia de bispos e grandes nobres, e supoñemos que o seu cento de cabaleiros e escudeiros, criados e menestrais.

Alfonso IX fai o recorrido desde Santiago, onde se encontraba o 21 de xuño procedente de Pontevedra (estaba alí o día 13). Pasa por San Miguel de Treos (Vimianzo) o día 23 e chega á ría de Camariñas o 24, concretamente a Santiago de Cereixo (Vimianzo). Alí morou na casa forte onde se ergueron as actuais torres, principal símbolo durante séculos de poder señorial na ría, na única vila e porto recoñecido entón na mesma; pasa a noite en Cereixo e o día 25 cruza a ría pola Ponte do Porto para deterse brevemente en Santa María de Xaviña, unha viaxe curta, dunha légoa. Sendo parte da actual ponte porteña do mesmo século puido estar feita ou ser unha manda deste rei; con todo era posible o paso do río do Porto en barca ou augas arriba, na mesma parroquia, e os restos do camiño real da Calzada son visibles y visitables. Firma seis documentos en Cereixo, dous en Xaviña, todos de privilexios monásticos.

A cita de Treos fai que a viaxe se faga polo paso de Portomouro, atravesando as terras de Xallas e Soneira, vella ruta dos xalleiros. Por Freixeiro, Ser, Santa Comba, Arantón, Follente, Castro, Muíño, Serramo, Treos, Tines, Vimianzo. É posible que tomaran o camiño real da Calzada cara Ponte do Porto, principal vía de acceso entre Santiago e a nosa ría; xa que a volta de Xaviña a Soesto conta cun «camiño francés» que atravesa Carantoña, Calo, Traba, e logo vai a Laxe e Ponteceso, facendo así unha viaxe redonda polos dominios da tenencia de Traba.

O rei é un gran viaxeiro, de porte distinguido, cunha corte itinerante que o acompaña, e que sería un acontecemento ao seu paso pola zona, polas ricas vestes da curia rexia e os seus magníficos cabalos. As cinco légoas que van de Treos a Cereixo fan unha xornada. Os cabalos e viaxeiros precisan repouso, vituallas, nunha casa rica que poda atendelos, e na única poboa, vila real que entón coñecemos na comarca, a de Cereixo. É un feito claro de apoio a esta fundación a visita do monarca, concorda coa súa política. Ven a Cereixo, apoia a súa vila e concello, e viaxa a outra cara da ría para ver as posibilidades de crear outro porto ou unha pobra, neste caso deténdose en Xaviña, nunha breve galopada. Con todo ata tres séculos despois non vemos aflorar Camariñas como porto e vila de referencia na ría. Esta cita documental a unha «Populationen de Seregia» evidencia a existencia dunha vila, unha poboa en Cereixo; cos seus alcaldes e xuíz, asemblea popular que ordena e fai xustiza no nome do rei, non do señor eclesiástico ou laico.

Toda esta ría conta con terras do rei pero tamén de mosteiros veciños que han ser poderosos e frear as aspiracións das vilas que non van adiante (Moraime e Ozón, antes Tosto). Igrexa e nobres, á morte do monarca, evitan que os poboadores de Xaviña e Cereixo consoliden algún intento de concello vilán na ría ou porto real. O mesmo pasará neste tempo coa vila de Xallas de Castriz. A visita ao día seguinte a Xaviña e rápida, alí tería lugar o almorzo probablemente na rectoral ou na casa fidalga de Pións (dos Bermúdez e Leis) e seguen sen demora catro légoas a Soesto e Serantes, onde moran. En Soesto usarían a casa grande do Arrueiro que logo sería o pazo dos Pose, como breve parada; e en Serantes a casa do Carrabete, vencellada tamén aos Lema e Leis de Traba, onde moran. Que Cereixo e Serantes acollan a noite real con toda a corte falan da presenza de importantes fidalgos, ricos homes locais, baixo a protección dos tenentes da terra, os Traba. O día 26 segue en Serantes, firma catro documentos, e o 28 aparece en Lendo (Laracha), para chegar no mesmo día a A Coruña. Nos textos aparecen nomeados os lugares de distinto modo: «tremos, tremes, seregiam, seregia, saregia, iavinam, iauinam, leedo».

Por suposto que non se trata dos actuais pazos, senón das casas patricias onde estes se ergueron. En Cereixo ou nas torres do Allo hai evidencias de cimentos de sedes anteriores. A viaxe faise «per loca marítima», pola costa, baixo a sombra dese castellum ou castronela de orixe sueva de Traba de Laxe que da nome a toda a «terra», pola costa que os seus nobres enseñoran no nome do rei. Os restos do castelo da torre da moa conservan dous lenzos de muro e unha cerca medieval de 40×25 m. Os Traba son os máis importantes nobres do rei e dos seus antepasados. Tamén a torre vixía do antigo faro de Hércules é deles, e apadriñan as encomendas do Temple das terras bergantiñáns e mariñáns nas que se detén o rei. Así que unha das razóns da viaxe é apoiar a nova creación da vila e concello de Cereixo, percorrer esta costa na procura de abrir portos ou crear novas pobras nunha nova era de comercio mariño e relacións atlánticas, sen o acoso abafante de normandos e sarracenos doutros tempos. Ver o estado de camiños, pontes ou falta deles, as defensas e vixías; apoiar aos seus principais partidarios na súa terra: nobres (Traba e vasallos), fidalgos e vilegos.

O Rei apoia sobre todo a orde do Císter, e nesta terra os mosteiros son todos bieitos, polo que nestes instrumentos asinados non obteñen dádivas. Son asemade rivais claros da súa vila de Cereixo, á que asfixiarán. Con todo, o mosteiro bieito de Toxos Outos aparece no documento asinado en Soesto e en tres de Cereixo. Nesta vila hai outra mención a San Martiño de Fóra ou Pinario, tamén bieito. O cisterciense de Melón é obxecto dos demais instrumentos de concesións nesta viaxe. Isto non supón que este rei non apoiase por exemplo a Moraime, como fixeron os seus antepasados e farán os sucesivos, mais só sabemos dun caso. Temos un documento outorgado polo rei en Santiago en maio de 1211 confirmando a Moraime a doazón feita por Fernando II da vila de Merexo (Muxía) no 1175 (villam de mereio). Onde se cita a primeira «piscatoria», pesqueira de captura e almacenamento de peixe na ría (1175).

Alfonso IX na Catedral de Santiago

DOCUMENTOS

En Cereixo firma o rei seis instrumentos, algúns confirmando cesións anteriores, coa disculpa que os selos estaban gastados, xa que a cera é fráxil e podrece axiña. Os preitos por fundos son numerosos e tamén os roubos e perdas de pregos. Confirma o día 24 a súa cesión de 16-10-1219 ao mosteiro de Melón das viñas de Sanim. A Melón confirma doazón dun casal en San Pedro de Retorta, feita o 20-8-1221. Acouta o mosteiro bieito de San Martiño de Fóra de Compostela. Concede o 25 a Toxos Outos o realengo de Ratis, nas beiras do Tambre. Confirma a Toxos Outos o privilexio do couto dado por Alfonso VII o 5-12-1135. Confirma ao mesmo cenobio o privilexio de Fernando II do 1177 do seu couto e portádego. Nos documentos de Xaviña, o día 25 nun confirma a Melón o seu privilexio de 23-6-1223; e noutro a súa doazón a Melón da metade da igrexa de Couso de Vilariño o 8-1-1227.

En Soesto o día 25 confirma a Toxos Outos a súa doazón da igrexa de San Xián de Pereira, en Nemancos (Pereiriña, Cee), feita o 15 de xuño de 1219. O 26 outorga catro documentos na tamén parroquia laxeira de Santa María de Serantes. Confirma a doazón de Vega de Francelos feita por Fernando II a Melón en marzo de 1166. Confirma a súa doazón da igrexa de Santa María de Daravo a Melón do 15 de abril de 1201. Confirma a Melón e traslada a súa doazón de Mera de 5 de febreiro de 1193. Confirma o privilexio de varios dereitos, concedido por el a Melón o 14 de marzo de 1218.

Estamos ante unha corte itinerante que se despraza en boa parte co rei. Ao carón dos bispos ía un pequeno grupo de magnates ou rico homes de forma continua ao lado do rei. O máis distinguido era o conde Gómez González de Traba, o máis poderoso nobre galego. O rei non usa o nome de conde para estes cargos, senón o de tenente, como se ve neste conxunto diplomático e foi unha orde do seu reinado, unha prohibición.

Os confirmantes están sinalados gardando orde fundamental de columna primeira para os bispos (Bernaldo, arcebispo de Santiago, Xoán, bispo de Oviedo; Rodrigo de León; Nuño, de Astorga; Lorenzo, de Ourense; Miguel, de Lugo; Estevo, de Tuy; Martiño, de Mondoñedo). Son do reino e os máis implicados na súa política, como comenta Ennes. Nun documento de Cereixo tamén aparecen Martiño II de Zamora, Paio de Salamanca, Miguel de Cidade Rodrigo, Pedro de Coria.

A segunda ringleira é para os nobres segrares, tal o infante Don Pedro, mordomo real e tenente de León, cargo principal da curia (maiordomo domini regis tenente Legionem, Taurum, Zamoram, Extrematuram, Transserram et Limiam); Rodrigo Fernández, alférez, tenente de Oviedo (signifero domini regis, tenente Oaetum, Astoricam, Maioricam et Beneventum). É o segundo cargo en relevancia, encargado de liderar a milicia real coa responsabilidade e honor de levar a insignia rexia no campo de batalla. Rodrigo Gómez de Traba (tenente Montem Rosum, Montem Nigrum et Trastamar). Fernando Gutiérrez, pertigueiro de Compostela, tenente peculiar do arcebispo compostelán a quen aseguraba a función señorial e a percepción de determinadas rendas (tenente perticam Sancti Jacobi et Lemos). A redacción de documentos foi encomendada a un funcionario eclesiástico como se deduce claramente do contexto: «Domino Petro Petri magistroscolarum auriensis, canonico compostellano, existente cancellario domini regis». O notario aparece ao final: «Martinus Fernandi, domini regis scriptor, scripsit». Os documentos están redactados en latín pola chancelería, dependente do arcebispo compostelán.

Como indica Rodríguez Ennes «Que el rey despacha los asuntos durante sus desplazamientos queda de manifiesto cuando utiliza expresiones como in camino, o cuando señala que determinados diplomas se fechan en lugares muy secundarios». «Lo ordinario era dormir pocas noches en un mismo lugar y cabalgar mucho. Durante este continuo viaje iba el rey despachando sus asuntos, haciendo algunas paradas breves, en función de su actividad militar, repobladora y política» explica Ennes.

Destacamos o nome de Rodrigo Gómez, neto do conde D. Pedro Fernández de Traba, figura galaica principal durante boa parte do século XIII; presente en memorables empresas e mencionado en numerosos documentos, tamén nestes como vimos. Dono dunha personalidade singular, con grandes amigos e inimigos. Por iso recorda Villa-Amil y Castro que os coetáneos falan del como «valeroso guerrero, magnánimo otorgante de fueros municipales, prudente árbitro de enconados litigios, piadoso favorecedor de corporaciones religiosas, espléndido donante a iglesias y monasterios o devoto expedicionario a Tierra Santa» pero tamén como «ruín facineroso, azote de villanos y de eclesiásticos, detentador de propiedades eclesiásticas, robador de hombres, ladrón de cabalgaduras y ganados, exactor de impuestos indebidos, simoníaco codicioso, o desleal hasta la felonía y causante de tropelías y males sin cuento del género más bajo y repugnante».

EL REI Alfonso IX

Alfonso o Nove foi coroado aos 17 anos en León, no 1188, coa coroa dúplice de León e Galicia (rex Legionis et Gallecie). De feito ata a súa morte no castelo de Sarria en setembro do 1230 foi un gran monarca galego, que gobernou con acerto; venceu en Mérida, tomou a Estremadura con galegos, e apoiouse en homes libres para manter a raia a nobreza. Fomentou o comercio, o libre paso entre vilas e cidades, reformou a xustiza, apoiou a lírica dos trobeiros e a música sacra, suprimiu o título de conde e as tenencias hereditarias. Fixo doazóns a moitas igrexas e abadías, pero especialmente á orde do Císter.

Concedeu en dote ás súas fillas Sancha e Dulce o 6 de xaneiro de 1.217 o castelo de Traba. No 1188 crea a «curia regia», unhas cortes coa asistencia de cidadáns, consideradas a primeira asemblea parlamentaria europea. Foi un rei construtor de pontes e arranxador de camiños, que fomentou o apoio dos elementos urbanos e a fundación de vilas. Santiago foi unha das súas cidades predilectas, onde máis tempo pasou, ao igual que amou o noso reino. En Compostela estaba á morte de Fernando II; en Galicia foi armado cabaleiro, aquí morreu e en Compostela foi sepultado. Estivo na consagración de súa catedral e alí celebrou algunhas curias, como a da primavera de 1211.

A súa política de promover novas vilas, para compensar o poder da nobreza e da igrexa levouno a fundar poboas, como Xallas de Castriz e Cereixo. Ambas colleron sorte semellante, non saíron adiante, cando o fillo do rei, Fernando III, monarca castelán, herdou a coroa leonesa. A expansión ao sur levou as ansias da monarquía en contra dos intereses galegos, e os nosos señores da guerra adicáronse a recuperar o terreo perdido. Os nobres non deixaron medrar estas dúas vilas ata que esmoreceron. Castriz caeu baixo o poder do arcebispo de Santiago, que ergueu un castelo coa súa xurisdición no lugar. Cereixo viu como os Traba e mesmo o monacato da ría (Ozón, Moraime) ocupaban o seu espazo, ata caer na Idade Moderna baixo o señorío dos Altamira. Unha torre defensiva pasou a dar sombra ao soño vilego. Atrás ficou ese curto tempo no que a poboa quixo ser o porto real da ría, cun concello de seu. Na Idade Moderna as vellas marcas medievais ficaron nos concellos señoriais do estado de Altamira, como Traba e Cereixo.

Na documentación do s. XIII vemos como o noso rei conta na nosa comarca con poderosas armas, os castelos gobernados polos seus homes de confianza (sobresaíndo os Traba), dous deles cunha clara vocación de defensa mariña. No monte do Pindo destaca o de San Xurxo -que limita cos de Traba (Laxe) e Ferreira (Coristanco)-, que o rei entrega a mitra compostelá no 1209, pero recupera no 1214. O castelo de San Xurxo controla a vella terra galaica e sueva de Céltigos, parte dun novo territorio como destacan os documentos eclesiásticos xa desde 1177. O «archidiaconado» de Trastámara contén os «archipresbiterados» de «seagia, soneyra et de nimancis et de intinis et de celticis et de barchalla et de dubria». Marcas milenarias que chegaron aos nosos días.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,310SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos