9 C
Santa Comba
jueves, marzo 21, 2024

A regueifa está na mesa, memoria dos regueifeiros da Terra de Nemancos

Rafael Lema//

Non é moi coñecido que na ría de Camariñas a tradición da regueifa era tan significativa como na terra de Bergantiños, as últimas comarcas onde foi popular esta tradición nacida arredor dun molete de pan de ovo, ou regueifa, pola que se había que bater en loita poética nunha voda, nun fiadeiro ou -sobre todo nesta banda- nas palilladas, para logo chegar as tabernas en días de festas e feira, con «profesionais».

A finais do século pasado aínda quedaban con vida algúns dos últimos regueifeiros da terra de Nemancos e tiveron lugar competicións en Carnés, Ponte do Porto. A Casa Rodríguez ou «do Caldereiro» en Carnés foi dos últimos templos do xénero nesta zona. En Muxía os últimos cantadores foron Xaime Castiñeira de Caberta e Francisco Canosa o Nemiñán de Risamonde. O Nemiñán ou o Caldeireiro nas últimas actuacións chegaron a regueifar con algúns dos célebres de Bergantiños, como Fermín, Calviño e Suso de Xornes.  Así o recordaba o Nemiñán, á morte do Caldeirero: «agora non hai cantadores, xa veño no castromil, hai que chamar a Calviño e mais ao guardia civil».

En Camariñas, Vimianzo e Muxía houbo unha gran tradición no século pasado de regueifa e son recordados moitos dos seus cantadores, e célebres combates, en festas ou nas ferias de Ponte do Porto, Quintáns e Senande. Na volta destas feiras naceron os grandes da regueifa, un xénero apenas estudado nesta parte. Bergantiños sí contou con entusiastas investigadores e bardos chegados aos nosos días. O mestre dos regueifeiros de Nemancos foi Manuel de Sánchez o Seixas Vello, do lugar de Aboi (Morquintián), e pai doutro dos mitos desta arte, Benedicto o Seixas. É lembrada unha regueifa onde xa empezaran a rifar os mellores da época: o Seixas Novo, o Torto de Prado, o Nemiñán, o Caldeireiro. Chega tarde o Seixas vello, xa veterano, tido polo mestre desa nova fornada, e dilles aos novos: «doademo tales fillos e a alma que os pario, que están facendo as partillas, inda seu pai non morrio».

En Muxía aos dous Seixas de Aboi temos que xuntarlles cantadores como O Torto de Prado, Xaime Castiñeiras de Caberta, Francisco Canosa Barrientos o Nemiñan de Risamonde (Moraime), Pepe Grande de Quintáns; pero tamén había mulleres e moi boas, como «a vella de Senande» ou Filomena de Teresa de Buiturón «a Lovaia». Na maior parte nados entre 1913 e 1920, foron morrendo sen relevo xeracional. Na volta de Carnés (Vimianzo) o máis célebre foi Cándido Rodríguez o Caldereiro de Carnés, que chegou a grabar un Panorama de Galicia na Tve.  Ou o Pandilla, tamén chamado o Piollo. No mesmo municipio había bos cantadores na zona de Cambeda; estaban os irmáns Santos, e outro chamado a Morte. 

Son moi recordados longos combates entre as estrelas da época que remataban por esgotamento, como os do Seixas Novo (que era coxo), nas feiras de Senande ou Ponte do Porto, contra o Torto de Prado (perdeu un ollo na guerra, na fronte de Asturias). «Chámome o Torto de Prado, que son torto xa o sei, pero na terra dos cegos quen ten un ollo é o rei» foi unha resposta dada por éste ao Caldereiro (vendedor de foguetes), que se meteu co seu ollo: «aquí tes un fogueteiro, non me ves Torto de Prado, vai revirando a cabesa para mirar co ollo sano». E seguiu o Torto un bo anaco: «todos me chaman o torto, eu son torto porque quero, se saco un ollo que teño non son torto que son cego. Anque eston sen un ollo, a eso chega calquera, e un grado mui grande ser mutilado de guerra». Nunha, o Seixas dille ao Nemiñán: «eu fun nacido en Aboi, bautizado en Morquintián, fillo de Manuel de Sánchez e de María Guzmán». Replica o outro: «se foras fillo de alguén, farías máis largo o conto, es fillo de pouca cousa porque acabastes mui pronto».

Copla recollida en Cee

Recordadas foron as batallas do Seixas contra o Caldeireiro, nos muiños, e contra a Lovaia en Senande. O Santos contra «a vella de Senande», que lle dou unha pasada. Na regueifa dos Muiños dille o Caldereiro ao Seixas (era coxo): «aquí tes a Benedicto, sentado aquí nesta mesa, coa súa parta torta e máis con muita riqueza». Contesta o outro: «aquí tes a Benedicto, e coxo como me ves, énchoche o cú a patadas desde aquí hasta Carnés».

E en Carnés, o Caldereiro contra os irmáns Santos e outro alcumado «a Morte», onde logo de lidiar cos primeiros e ver que vén descansado o terceiro, dille: «arnagado sexa dios pola miña pouca sorte, acabei cos santos todos e agora mandasme a morte». Pero tamén houbo combates a miles de legoas, porque a maiora foron emigrantes, como un no centro galego de Bos Aires, entre o Torto e o Pandilla de Carnés. As veces cantaban por calquer cousa, ao andar pola rúa ou ver algo curioso. Un día o Caldeireiro ve ao Piollo que chama as galiñas desde a fiestra da casa, e solta: «na miña vida tal vin, nin aquí nin en Baiñas, un piollo na ventana tornando polas galiñas».

No Outeiro de Baiñas vive o derradeiro mestre desta zona de Vimianzo e do Xallas o «Fasido do Ribeiro«,  chamado Antonio Antelo, natural do veciño lugar dos Baos, Mazaricos, nado no 1927. Fasido ainda é quen de regueifar, marchou para Baiñas fai medio século ao ficar o seur lugar asolagado pola construción do encoro da Fervenza. A súa muller é a compoñedora e gran pandereteira Preciosa do Quintanexo. Memoria viva dunha parroquia que xa non existe e derradeiro bardo popular de Soneira e Xallas

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos