7.4 C
Santa Comba
jueves, noviembre 30, 2023

Carme Parafita:»O idioma galego axudoume moitísimo»

 «Non nos interesa a normativa, senón o que fala a xente». Carme Parafita Couto, profesora de Lingüística na Universidade de Leiden. Natural de Santa Comba.

@xmlema

A profesora Carme Parafita Couto é unha desas persoas, ás que non te cansas de escoitar. Que achega os seus coñecementos cunha cercanía estupenda. Que esperta a curiosidade e as ganas de saber máis.Parafita é unha referencia no campo da lingüística, exerce a docencia e a investigación na Universidade de Leiden, en Holanda, despois de estudar Filoloxía Inglesa (en Santiago de Compostela e abrirse camiño noutros centros educativos do mundo, como Ohio ou Kansas, nos Estados Unidos ou en Gales.

 
Recibímola na redacción de Adiante Galicia. Porque Carme, xalleira de Vilar de Céltigos, regresa con frecuencia a súa localidade natal. Da nosa terra marchou porque «saíu unha oportunidade que aquí non había». Sempre foi unha apaixonada da lingüística e xa na escola de Santa Comba sentía unha atracción especial por estas materias. Agora está centrada na sintaxe teórica. En descubrir e explicar o uso dos idiomas en comunidades bilingües. Centra o seu traballo en persoas que «mesturan idiomas». Con bases de datos e recursos como os electroencefalogramas, busca confirmar «se hai realmente un patrón universal nese fenómeno que é o cambio de códigos» nas costumes de falantes de distintos lugares, ou existe un influxo social determinado en cada sitio que poida «modular» eses comportamentos.

Unha arquitectura complexa e unha tarefa laboriosa que desenvolve Carme Parafita, cun grupo de colaboradores. «Non nos interesa a normativa, senón o que fala a xente» comenta a nosa convidada. Deixa claro que as persoas que máis mesturan os idiomas teñen un maior dominio da linguas.  

 
Evidentemente na conversa tiña que saír o galego.«Estanse perdendo falantes e a min iso dáme pena» manifesta. «A min o idioma galego axudoume moitísimo. Doume unha entrada ao portugués enorme ao bater con xente do Brasil». De feito unha das investigacións que está desenvolvendo a nosa profesora é un estudo sobre o infinitivo conxugado en comunidades de falantes de portugués no Brasil, en Portugal e de galego no noso país. Unha temática que xa analizou nunha tese.

Por se fora pouca a súa actividade frenética, Carme Parafita publica con certa asiduidade en revistas especializadas. Está convencida de que tamén resulta moi importante a divulgación ó público en xeral, para que os estudios e investigación teñan un impacto na sociedade.

O seu grande desexo sería «poder facer os mesmos estudos en diferentes comunidades dunha forma coordinada, para poder realmente comparar e responder ás preguntas porque ás veces hai resultados contraditorios». Ampliar o mapa de traballo require importantes investimentos económicos. Pero desde o punto científico, Carme, ten claro que sería un avance relevante.

Se poder resumir en cincocentas palabras os noventa minutos dunha agradable conversa é difícil, imaxinámonos a amplitude do seu campo de acción.Cando se fala de talentos galegos distribuídos polo mundo, as veces parece que son algo afastado. En absoluto. Son de carne e oso e deixan a bandeira do país por todo o alto. Este é o caso de Carme Parafita, de Vilar de Céltigos. Da Terra do Xallas para o mundo.

@AdianteGalicia

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,190SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos