11.6 C
Santa Comba
viernes, marzo 22, 2024

Loitas submarinas en Galicia na Gran Guerra

Galicia foi un refuxio de espías e submarinos, de pactos secretos e estranos movementos. De batallas na sombra. Todo grazas a posición privilexiada do país de Breogán.

 

Rafael Lema

 

Invitáronme a falar na Universidade do Porto sobre a literatura xuvenil e a Primeira Guerra Mundial, tema que tratei na miña novela U49 publicada no 2007, libro do ano Edelvives en galego e finalista do premio Martín Sarmiento de narrativa. E certamente esta obra trata de asuntos que ilustran ben esta época. A guerra submarina, o exilio, o racismo, o militarismo e o nacionalismo patrioteiro, o carto que non entende de bandos nin bandeiras. O contrabando e a corrupción da política e a administración. No medio dun mundo cruel e en decadencia, un grupo de mozos e mozas intentan vivir, amar, crear. Entender o que pasa, facer algo por axudar a mellorar as cousas, dentro da súa penuria e insignificancia, ente colosos que se matan, destruíndo una xeración, un mundo que xa non voltará a ser o mesmo. Para ben e para mal.

 

 

Entón pouco sabiamos dese fabuloso navío, esa pantasma das lendas dos avós. Logo, coa miña tarefa de investigador de naufraxios apañei mais datos. O U-49 era do tipo U-43, construído no estaleiro Kaiserliche Werft, Danzig (Werk 27) por orden 4 agosto 1914. Botado o 26-11-1915. Comisionado o 31 maio de 1916. Comandante: Richard Hartmann, 31 maio 1916-11 setembro 1917. Agora sabemos que o 11 de setembro do 1917 foi afundido por un mercante artillado tras levar por diante 39 barcos na súa andaina bélica. Cando escribín a novela sabiamos que desaparecera no Mar de Biscaia, o que me prestou para darlle outro final, mais literario.No cabodano do inicio da Gran Guerra compre recordar, ou mais ben aclarar, que Galicia non foi nin moito menos neutral no conflito. Autoridades, comerciantes, veciños, axudaron a un e outro bando por razóns ideolóxicas pero sobre todo comerciais. Moitos sacaron tallada da neutralidade oficial aínda que logo ben unha forte recesión e suba de prezos que afectou as clases populares. Os portos galegos foron usados para entrada e saída de barcos con mercancías aos países en guerra, e como refuxio de submarinos e espías.

 

 

Nestas facetas destacou Galicia, pola súa posición privilexiada, no principal paso de mercancías imprescindibles cara Inglaterra e Francia, e por tanto punto vital no bloqueo submarino a estas liñas de navegación. Espías ingleses e alemáns establecéronse na Coruña, Vigo, Vilagarcía, pero tamén en lugares de posición privilexiada como Estaca de Bares e Fisterra. No cabo fisterrán unha emisora ao cargo do médico e o cura da vila daba aviso a submarinos alemáns, e aos comerciantes galegos que lles axudaban, como o demostra un informe do espionaxe inglés de 1915. Eran estes “amigos” vapores de Vilagarcía pero tamén veleiros e pesqueiros de Corme, Corcubión, Camariñas. Ás rías de Camariñas, Muros e Corcubión entraban submarinos famosos e con moitas baixas de mercantes na súa lista negra, como o U49, U46, U21, UB25. No século pasado testemuñas daqueles intres, ou veciños que lles escoitaron aos seus pais historias, falaban destas visitas, das descargas de mercancía en lugares como a Casa Campos de Camariñas, a de Alfredo Noia de Ponte do Porto. En Corme e Malpica. Das arribadas de mariños alemáns nas tabernas coa noite e a complicidade das autoridades. Un lucrativo negocio, onde a cambio de axuda para desvalixar mercantes e recibiren avisos, os komandants dos ubootes compartían o botín, como modernos corsarios. De feito a arma submarina alemá rexíase pola vella lei do corso, herdada dos prusianos e copiada dos aragoneses no medievo. A batalla do Atlántico nas dúas guerras mundiais tivo pois protagonistas galegos tamén.

 

 

A miña novela U-49, publicada pola editorial Tambre-Edelvives, recupera nesta ocasión a historia dun submarino alemán, o U-49, que na I Guerra Mundial causou o afundimento de numerosos mercantes británicos e aliados nas augas da Costa da Morte, na Bay of Biscay. É un dos submarinos ao que máis naufraxios se lle atribúen, nos anos 1916 e 1917, en relación as nosas augas. No ano 1917, coa guerra total submarina, Inglaterra estivo a piques de pedir unha tregua ou un armisticio por mor deste bloqueo. Pero tamén por esta causa, tras o afundimento do transatlántico Lusitania por un submarino, EEUU entrou na guerra e as cousas mudaron definitivamente.

 

 

Malia que España era un país neutral durante a Gran Guerra, Galicia non puido manterse á marxe. Os submarinos alemáns actuaban como corsarios, afastados das súas bases e sen autonomía, nin repostos. Necesitaban apoios en terra. Sabían que non ían regresar nunca, eran kamikazes do mar; o 90% da frota e da tripulación submarina perdeuse. Daquela a lei de presas, recoñecida polo dereito internacional, sostiña que se podía asaltar un barco e coller o botín sempre que se deixase a tripulación libre. En caso de bandeira neutral revisaban a lista de bens do barco e se había nela mercancía que podía ir á industria bélica requisábana.

 

 

O que pasa é que todo era requisable e nada se escapaba a rapiña. No último ano, nin as tripulacións se respectaron. Froito deste compadreo, na I Guerra Mundial deuse en Galicia un fenómeno curioso, produciuse unha reactivación económica porque houbo moito contrabando coa entrada de botíns de submarinos. E coa expansión do cabotaxe para aprovisionar as aliados. Todo canto valía para flotar enviouse ao mar e floreceron estaleiros de ribeira. Portos como Corme, Camariñas ou Corcubión viviron un boom do comercio, aínda que foi unha riqueza efémera, xa que se lucraron catro e durou pouco tempo. Encheu sobre todo a algúns comerciantes, autoridades. Fixo novos ricos. E estableceu contactos aproveitados na Segunda Guerra Mundial. Os galegos cultivaban o compadreo con ambos os bandos aínda que ás veces eran sorprendidos. Había redes de espionaxe en terra e cando o Goberno inglés descubriu que os submarinos alemáns se refuxiaban nas costas galegas, houbo unha ameaza de bombardeo ás costas galegas. Numerosas queixas diplomáticas, hoxe coñecidas.

 

 

Todo isto forma parte da ambientación da novela, na que moitos dos personaxes son reais, pero que parte dunha trama ficticia dun mozo bretón fuxido da fronte que se refuxia na Costa da Morte onde coñece dúas rapazas galegas e os tres se verán envoltos nunha trama de espionaxe. Intentei facer unha historia para a xente nova, ó modo das vellas novelas de aventuras de Stevenson, Verne ou Salgari pero con personaxes galegos, tecendo relacións de amizade e solidariedade entre os mozos da novela, que teiman en cambiar a sociedade no medio dunha guerra como nunca se vira e na que non existían neutrais. Sobre a verdadeira historia do U49 e doutras ducias de ubootes tratei desde 2012 en artigos de prensa e obras como costa da morte un pais de soños y naufraxios, ou catálogo de naufraxios. O que fago na novela é darlle uns meses mais de vida literaria a unha nave que desapareceu no Atlántico nunha data da que apenas mais se sabía. Así fágoa entrar de novo en Camariñas cunha nova tripulación e unha misión, a derradeira. A verdadeira historia contareina noutro artigo.

 

 

FOTO- @mmemoriagrafica

 

 

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos