A casa natal de Cristovo Colón atopábase no lugar do Reguengo, no concello da Baña, e a casa natal do seu pai, Fernando de Boyn, atopábase a escasos 500 metros, no veciño lugar de Abuín, no concello de Santa Comba, moi pretiño da Pedra Simón e da quinta de Fafia (do hebreo «ha vila» «a vila») e onde membros do clan dos Louzán tiñan a súa residencia pola volta do século xviii.
Procedentes do lugar de Vilas na parroquia de Perros en Bastavales («basta» é «mercado» ou «extender» en hebreo ou árabe) e onde os Luaces tiñan amplas propiedades, constátase unha importante presenza xudía nos lugares de Abuín, Reguengo, Suevos e Vilarnovo, na comarca de Xallas, que se pode rastrexar polo seu peculiar modo de habitaren e construíren as súas vivendas. Eran vivendas moi sinxelas, de dúas alturas, cunha característica ventá situada sempre sobre a porta de acceso. Eran vivendas cun largo de 4 ou 5 metros que se adosaban unhas ás outras formando ringleiras ou bloques habitacionais moi chamativos, de considerable lonxitude, con moitas portas e moitas ventás pero sen cuadras nas plantas inferiores.
Tamén era moi habitual que preto dalgunhas destas portas existise unha pequena xanela que permitise ver quen chamaba pero sen necesidade de abrir a porta. Era unha tipoloxía que se repite de xeito moito máis depurado no casal do Terroal-Pomboleiros ou no casal de Perros en Carballo, lugar de residencia pola volta do século xviii de Juan Bermúdez Pombo y Carracedo, relacionado estreitamente cos García Villardefrancos de Artes e os Bermúdez de Castro de Montaos. Neste último lugar aínda se conserva e pódese observar na súa fronte un pequeno «escudo» coloreado que representa un limón ou citrón e unhas follas de mirto ou palmeira, símbolos da famosa festividade xudía do «sucot» e motivo principal polo cal en Galicia aos xudíos se lles chamaba tamén vulgarmente «palmeiros» ou cando non «zapateiros», por ser o traballo do coiro unha das súas principais ocupacións e que tiña a San Xoán Bautista, co seu característico pelexo de camelo, como patrón. Outra das profesións xudías era a de vendedores de panos como a famosa palmilla de Cuenca, neste sentido os mercadores Sebastián Palmeiro e Lorenzo de Cortinela foron nomeados rexedores dos panos da cidade de Santiago e os seus arrabaldes, actividade pola cal cobraban impostos reais ou alcabalas nos lugares chamados reguengos, como no lugar do Reguengo na Baña ou no lugar de Xavestre en Trazo, do suevo «gewebesteuer».
En Galicia o cobro de alcabalas reais nos lugares ditos reguengos comezou a funcionar a partir do ano de 1430, polo que é probable que fose nesa data cando Fernando de Abuín trasladase a súa residencia dende Abuín ata o próximo lugar do Reguengo, co seu espazo acondicionado para cocheiras, e onde nacerían con posterioridade Cristovo Colón (Rodrigo Louzán) e Bartolomé Colón (Xoán Louzán) pola volta do ano 1435 e do ano 1437, respectivamente.
María Colón, filla de Bartolomé Colón, naceu cando el tiña 71 anos de idade, quedando orfa de pai e nai aos 3 anos de idade nun convento da cidade de Sevilla. Aparentemente desapareceu do relato historiográfico oficial sen deixar rastro algún, mais no seu testamento, Bartolomé Colón, déixalle unha herdanza de 500.000 maravedíes coa condición de que se gastasen en bens inmobles para a súa dote en caso de querer casar. Neste sentido e casualmente nos documentos do Arquivo da Catedral de Santiago aparece unha tal María Palmeiro, neta de Fernando de Boyn, como foreira das quintas de Fafia e do Terroal, sen lugar a dúbidas unha muller potente e con moitos cartos. Curiosamente na quinta de Fafia residían pola volta do século xviii Ana, María e Pedro Louzán. ¿Era pois esta Mariña Palmeiro dos documentos catedralicios a filla perdida de Bartolomé Colón (Xoán Louzán) e bisavoa de Martín e Xoán Pombo do Terroal? Neste sentido consérvase un importante documento nos arquivos diocesanos onde aparece a súa neta Marina de Campañon como nai do devandito Martín Pombo, varón que daría orixe á famosa estirpe neogranadina.
Tamén o apelido Nariño xurdiu neste mesmo lugar, Juan de Nariño Domínguez aparece como residente no lugar do Reguengo segundo o Catastro de Ensenada e é un apelido de orixe xudía pois «na’ar» significa «mozo» ou «criado» en lingua sefardí, o mesmo que o apelido Luaces, do hebreo «loaz», para designar coloquialmente a aqueles xudíos que xa non falaban o hebreo, isto é sefarditas, e que xa se consideraban estranxeiros, ou o apelido Guiance, do hebreo «genizah». Tamén o apelido Pombo, Louzán ou Vilas son do mesmo tronco familiar e tamén son de suposta orixe xudía-sefardí. Luaces, Pombo, Palmeiro, Nariño, Giance, Vila, Vilas ou Louzán son unha ristra de diferentes apelidos para designar ao mesmo clan de persoas de orixe xudía, unhas veces facendo alusión ao lugar de procedencia, outras veces a un grupo étnico ou relixioso ou a un simple mote ou alcume e outras ao lugar habitual de residencia ou ao sobrenome verdadeiro.
Deste xeito resulta moi sinxelo trazar un fermoso e cirúrxico fío de continuidade histórica de máis de 300 anos dende os primeiros xudeus apelidados Louzán de Vilas, procedentes da parroquia de Perros en Bastavales e residentes no lugar de Abuín e recadadores de alcabalas reais no lugar do Reguengo na importante xurisdición de Altamira, pasando polo famoso Diego de Campañón, tamén recadador e maior dezmero real do arciprestado de Dubra, ata chegar a Manuel de Pombo, tesoureiro da casa da Moeda do virreinato da Nova Granada, e Vicente de Nariño e Vásquez, natural do Reguengo e tamén contador real na localidade de Santa Fe en Colombia e pai do famoso Antonio de Nariño, autor da primeira tradución ao castelán da Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789, estes últimos a súa vez como precursores da independencia da República da Gran Colombia.
Mais malia ser unha teoría ou hipótese moi sólida, ben documentada e ben construída, que mesmo roza a obviedade e que se retroalimenta ela soa constantemente con novos datos e achados, segue a ser silenciada e ninguneada de xeito deliberado ou, cando non, claramente secuestrada, confinada ou menosprezada, mesmo no propio país, algo curioso e insólito.
O ADN de Colón ¿Ciencia ou presunta fagocitación dunha investigación galega do ano 2008? Toda esta información, amais da publicada en diferentes xornais galegos de comunicación durante os anos 2009, 2018, 2022 ou 2024, foi comunicada previamente e de xeito totalmente colaborativo e de boa vontade en xullo do ano 2008 ao historiador Marcial Castro, membro do equipo do dr. Lorente do proxecto ADN Colón promovido pola universidade pública de Granada, tamén ao Imelga de Santiago de Compostela, coa finalidade e a intención benfeitora de resolver por fin o chamado «enigma colombino».
Pola contra, cal é a miña sorpresa cando me encontro con que toda esta valiosa, meticulosa e traballosa información, nun acto desconsiderado de falta de reciprocidade académica con quen gastou parte do seu tempo en recadar e conseguir a devandita información, foi aparentemente omitida ou desprezada durante alomenos 18 anos ou se cadra dosificada no tempo ou manipulada de xeito nesgado mediante medias verdades ou con fins ou maniobras supostamente torticeiras para aparentemente semellar querer esquivar ós poucos tal que malabares a respetuosa e recíproca lei de propiedade intelectual, o cal constitúe cando menos un defecto de omisión que vulnera o máis básico e elemental dereito de cita, unha falta de consideración á cal se sumaron tamén de forma cómplice e acompasada diferentes axentes culturais do país, o cal constitúe cando menos unha mala praxe ética, digna de estudo ou investigación de semellante agravio comparativo.
Non se pode plantexar unha investigación de ADN coa finalidade de determinar a orixe verdadeira dunha persoa sen un soporte documental sólido e serio detrás, é inviable como investigación científica que aspira a ser publicada e revisada por pares, é como buscar unha agulla nun palleiro. Grazas a unha exhaustiva investigación en arquivos parroquiais resolveuse o crime de Elisa Abruñedo, do contrario nada de nada, e menos inferir a partir do ADN e por arte de maxia a súa pertenza a un grupo relixioso xudeu. Esta é a diferenza entre unha investigación que nutre datos constantemente e presenta xenealoxías que manteñen a súa trazabilidade no tempo e que son rastrexables e contrastables historicamente e documentalmente por calquera e despois están os estudos de ADN lúdico-mediáticos-random que non son quen de pasar unha mínima revisión por pares porque son incapaces de garantir unha mínima trazabilidade histórica e coherente nas súas mostras de ADN.
Mesmo semella que, pese á miña actitude complacente e servil, houbese unha consigna ou interese oculto por sementar ruído para faceren a Colón antes valenciano que galego sen ningunha base documental que o respalde e por moito que os xudeos entraran na península ibérica por Ibiza ou Valencia. Non sei, non quero ser desconfiado, pero todo isto xa desprende certo cheiro sospeitoso de falta de transparencia ou opacidade hacia unha información cun alto grao ou estándar de verosimilitude que xa é do ano 2008. O dito, non se pode ousar plantexar unha alternativa ao Colón xenovés sen unha base documental que sustente dita proposta, resulta moi difícil de entender ou cando menos moi estrano ou sospeitoso que posuíndo e coñecendo de antemán toda esta información dende 2008 optasen supostamente pola omisión, polo silencio ou polo desprezo, canto tempo perdido e canto tempo desperdiciado de xeito supostamente deliberado ou intencionado.

Abuín, Santa Comba, casa natal do suposto pai de Cristovo Colón

