Silvia Gómez(Tordoia)-
Exercer como concelleira no Concello de Tordoia, un concello rural da provincia da Coruña, con pouca poboación e moi envellecida, permite coñecer de preto unha realidade común en moitos puntos de Galicia: municipios nos que o mesmo partido leva gobernando dende hai décadas, ou incluso desde o inicio da democracia.
Esta continuidade adoita traducirse en maiorías absolutas amplas que deixan pouco espazo para o debate político real. Nos plenos municipais, moitas decisións chegan xa pechadas, e a oposición sabe que dificilmente poderá modificar o resultado final das votacións. Aínda así, a nosa función segue sendo necesaria: fiscalizar, preguntar e representar a unha parte da veciñanza que pensa diferente.
A oposición no rural galego enfróntase, ademais, a unha clara desigualdade de medios. Mentres o goberno conta coa estrutura municipal, cunha visibilidade constante e cos recursos do propio concello para comunicar a súa acción, a oposición non dispón de orzamento nin de medios propios, especialmente cando non forma parte de ningunha das grandes siglas políticas, senón dun pequeno partido independente. O traballo político faise no tempo libre, en horas roubadas ao descanso, á familia e ao traballo, con recursos persoais e cun compromiso que raramente conseguimos facer visible para a maioría da veciñanza e que, moitas veces, queda reducido a un pequeno círculo. Todo isto acaba xerando desánimo.
Con todo, e precisamente por iso, tentamos exercer unha oposición que non sexa de confrontación permanente. Cremos nunha oposición útil e responsable, sen instalarnos no “non” por sistema. Por iso, cando unha proposta do goberno é boa para Tordoia, apoiámola. Votamos a favor do que consideramos positivo para o concello, con independencia de quen o propoña, e expresamos o desacordo só cando o consideramos necesario.
Porque a democracia local non se sostén unicamente na alternancia, senón tamén no respecto, no control e na capacidade de poñer o interese xeral por riba das siglas. Mesmo desde a minoría, facer preguntas, pedir explicacións e colaborar cando toca tamén é facer política.
Falar desta realidade non é queixarse, senón visibilizar unha forma de compromiso silencioso. Nos concellos pequenos, a democracia mantense grazas a persoas que, malia as dificultades, seguen estando, tentando facer as cousas con sentido común, responsabilidade e pensando sempre no ben común.
Silvia Gómez Gómez
Concelleira do Concello de Tordoia e portavoz de UCIN GALICIA
Foto- Silvia Gómez con José Luis Calo

