José Manuel Caamaño
Portavoz do PP de Mazaricos
Deputado provincial do PP
Fai uns días publiquei un artigo titulado Tolstoi e a defensa das traballadoras do SAF, e no que co recurso literario ao clásico relato sobre a morte de Iván Illich pretendín facer unha defensa da non sempre recoñecida labor que fan todas esas persoas que se dedican á axuda no fogar. A raíz desa publicación recibín numerosas solicitudes pedíndome unha explicación sobre este importante servizo e o seu funcionamento. Porén, estas breves liñas non son máis que unha resposta sinxela a esas peticións.
O primeiro que hai que dicir é que o servizo de axuda no fogar responde a unha necesidade do contexto poboacional que estamos a vivir: moita xente maior, moita dela vivindo soa por diversas razóns, e ademais con algún tipo de dependencia que impide que moitas desas persoas poidan desenvolverse con normalidade nas súas tarefas rutineiras. No fondo o servizo de axuda no fogar é unha forma de intentar que esas persoas, a pesares das limitacións que teñen, poidan seguir vivindo no seu entorno habitual, fundamentalmente nas súas casas, que é onde maioritariamente quere vivir a xente ata o fin dos seus días.
Desde fai tempo a axuda no fogar é un servizo ofrecido polas administracións. No caso de Galicia funciona desde os anos 90, aínda que a súa forma actual está regulada na Lei de servizos sociais aprobada polo bipartito PSOE-BNG no ano 2008 e na posterior orde de 2009 na que se regula o funcionamento concreto do servizo. Lembremos que no ano 2006 apróbase a nivel nacional a coñecida como Lei de dependencia, de xeito que a axuda no fogar tamén é unha forma de dar cumprimento a unha esixencia de dita lei. En calquera caso o SAF, como di a orde galega, “ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar”.
En aras da brevidade non imos detallar todos os obxectivos e contidos do SAF, algo para o que abonda botar unha ollada á normativa mencionada. Ademais seguramente case todos e todas sabemos xa das múltiples tarefas que fai quen se dedica a este servizo, sobre todo as referentes á axuda na realización de actividades básicas da vida diaria das persoas usuarias, algo que incluso se foi ampliando co tempo. Neste sentido penso que pouca xente pode poñer en dúbida a gran contribución social que están a facer as traballadoras da axuda no fogar, na maioría mulleres que en moitos casos chegan a facer cousas que non lle corresponden e que nin sequera están xustamente remuneradas.
Con todo, fai tempo que se ven producindo moita disputa política en torno ao SAF, e por iso penso que en aras de contribuír a un debate sosegado, e a pesares de ser críticos en varios aspectos, deberíamos ter en conta algúns elementos que simplemente pasamos a mencionar brevemente.
E o primeiro que hai que ter en conta é que o SAF é un servizo comunitario básico de competencia municipal, tal e como establece a Lei de servicios sociais de Galicia. De feito cada concello elixe o modelo de xestión que prefire, que vai desde a xestión pública ou municipalizada ata a xestión privada ou externalizada. Exemplos de xestión pública serían os casos de Fisterra, Corcubión ou Dumbría, mentres que de xestión privada poderíamos mencionar a Cee, Outes ou Mazaricos. Entre eses modelos tamén existen sistemas mixtos como son os casos de Muros, Carnota ou Santa Comba, sistemas público-privados que combinan a xestión municipal coa contratación dalgunha empresa para realizar o servizo.
Como vemos trátase de modelos de xestión diferentes que van máis aló das ideoloxías ou dos partidos políticos que gobernan en cada concello. De feito, e aínda que a alguén lle pode sorprender, o 69% dos concellos gobernados polo PSOE teñen xestión completamente privada, o mesmo que o 66% dos concellos gobernados polo BNG, algo que baixa ao 58% nos concellos gobernados polo PP. En calquera caso trátase de modelos de xestión que cada concello elixe debido á competencia que ten para facelo e que tamén nos da que pensar sobre a lixeireza coa que tantas veces tratamos a cuestión da privatización dos servizos. Tal vez porque o importante é que o servizo se preste coa maior calidade posible para os preto de 25000 usuarios en toda Galicia, e tamén coa maior eficacia desde o punto de vista da xestión política e económica dos concellos, que é o que debe buscar quen ten responsabilidades de goberno.
Máis complexa é a cuestión da financiación do SAF. Deixando a un lado o coñecido como SAF de libre concorrencia, é dicir, aquel que presta o propio concello a persoas que non dispoñen de certificación da valoración da dependencia, temos que dicir que a financiación do SAF básico corresponde en partes iguais ás Comunidades Autónomas e ao Goberno Central, ademais dunha pequena cantidade aportada polas persoas receptoras do servizo en función da súa renda ou patrimonio. Dito de xeito simplificado: a financiación do SAF debe ser ao 50% entre a Xunta de Galicia e o Goberno de España, tal e como establece a lexislación que regula a dependencia.
Pero é aquí onde desde fai tempo se ven producindo algo anómalo, e é que o Goberno de España non está cumprindo a súa obriga legal, o que leva a que xa se estea preto de acadar unha débeda con Galicia que rolda os 2900 millóns de euros. De feito no ano en que estamos non só non se cumpriu coa financiación debida, senón que incluso se produciu unha baixada na aportación do Estado, do 40 ao 34,9%, algo a todas luces incomprensible porque repercute directamente na axeitada atención á dependencia, á que Galicia vai dedicar no 2026 máis de 840 millóns de euros, dos cales 148 millóns destinaranse ao SAF.
Trátase de algo que non é baladí dado o custo actual do servizo, que para os concellos supón un esforzo considerable. Neste momento a Xunta achega 12 euros/hora aos concellos, pero sabemos que o servizo se está licitando por enriba desta cifra, diferenza que teñen que asumir os propios concellos. A intención da Xunta é aumentar a aportación de xeito paulatino, tal e como se puxo de manifesto na negociación aberta coa FEGAMP, que é o órgano que representa aos concellos. Polo momento non hai acordo, pero esperamos que coa boa vontade por ambas partes ao final se consiga unha solución o máis xusta posible.
Pero sen esquecer que tamén o Goberno de España debe cumprir non xa coa súa obriga moral, senón coa obriga legal que lle corresponde por servizos esenciais para que as persoas en situación de dependencia poidan ter os coidados que merecen, tal e como sen embargo si acaba de facer co País Vasco debido aos pactos de goberno con PNV e BILDU. Como dixemos, no caso concreto do SAF, mentres a Xunta de Galicia está aportando o 65% (96 millóns de euros), o Goberno de España non chega ao 35% (52 millóns de euros), cando a lei esixe o 50% por parte de cada administración.
Probablemente a ninguén se lle escapa a necesidade de abordar a reforma da financiación autonómica e local, de xeito que os concellos poidan afrontar con seguridade a prestación dos servizos necesarios para a cidadanía. Pero en canto iso non se produce sería desexable canto menos cumprir co establecido polas diversas partes. E por certo, que ademais da estrañeza por este incumprimento por parte do Goberno Central, sorprende tamén o recurso de inconstitucionalidade que puxo ao Plan de choque posto en marcha pola Xunta de Galicia, o co que se pretende axilizar os procesos de valoración da dependencia e da discapacidade, algo que é unha demanda continua por parte da cidadanía, pois todo o mundo reclama máis axilidade e non ter que esperar ata dous anos por unha valoración. Resulta difícil entender por que o Goberno de España pon paus nas rodas intentando que en Galicia non se poidan axilizar as valoracións e teñamos que ter á xente con longas esperas ata dispoñer dos servizos que precisan. E sorprende aínda máis cando pon un recurso a unha norma que practicamente acaba de copiar na súa proposta de reforma da lei estatal de dependencia.
Por último, xa dixemos que as traballadoras do servizo de axuda no fogar desempeñan unha tarefa fundamental na mellora da calidade de vida de moitos dos nosos veciños e veciñas. Por iso tamén aquí sería desexable que os concellos —xestionen directamente o SAF ou o teñan privatizado— velen non só para que os salarios sexan xustos e que os contratos estean actualizados, senón tamén para que se cumpran os protocolos e que as traballadoras so SAF poidan desenvolver as súas funcións do xeito máis seguro posible.
En definitiva, somos conscientes de que o SAF non resolve todos os problemas. De feito existen outras alternativas que tamén son moi demandadas. Pero aínda así, e tendo en conta o contexto social que nos tocou vivir, segue a ser un servizo moi importante e que por tanto sempre precisa de melloras, non só por ter que chegar a un cada vez maior número de persoas, senón porque tamén sempre é necesario que se preste coa maior calidade posible. O que cabe esperar é que os representantes públicos, máis aló das súas ideoloxías ou das súas lexítimas aspiracións políticas, sexamos capaces de atopar os puntos de unión necesarios nesta cuestión, polo ben das traballadoras do SAF pero, moi especialmente, polo maior ben das persoas que precisan deste servizo e dos seus familiares.

