Na vosa comunidade autónoma o partido do goberno tivo o voto de 2,6 cidadáns maiores de idade de cada 10. O partido da oposición obtivo o voto de 1,7 cidadáns de cada 10. Entre os dous partidos alcanzaron o voto de 4,3 cidadáns de cada 10 cidadáns maiores de idade.
Os dous partidos, o do goberno con legal e procedimental maioría absoluta e o da oposición con igual lexitimidade procedimental, teñen 8,6 deputados de cada 10 do parlamento autonómico. Cando ides pola rúa debedes ter presente que de cada 10 cidadáns maiores de idade, o partido do goberno representa a 2,6.
A realidade do goberno do Estado é a mesma. Na última elección de deputados, o partido do goberno tivo o apoio, voto, de 2 cidadáns maiores de idade de cada 10. E o partido da oposición obtivo o voto de 2,1 cidadáns de cada 10. Os dous partidos maioritarios do parlamento estatal obtiveron o voto de 4,1 de cada 10 cidadáns maiores de idade, e teñen asignados 7,3 deputados de cada 10.
Esta realidade é básica para coñecer o funcionamento do réxime político e as políticas que implementan os partidos do réxime no goberno; todos os partidos en todos os gobernos, desde o Estado até os concellos. Así, calquera partido do goberno céntrase en políticas económicas, sociais, culturais, morais, estéticas dese sector entre 2 ou 2,6 de cidadáns de cada 10 cidadáns. Ese é o seu apoio necesario ou esencial para seguir ou continuar no goberno.
E hai un detalle que debedes analizar, e nunca esquecer: os impostos páganos os 10 cidadáns, páganos todos os cidadáns, pero a política para repetir no goberno só necesita manter o apoio dos necesarios ou esenciais, que son eses 2 ou 2,6 cidadáns de cada 10 maiores de idade.
Esta situación explica as políticas que aplican os gobernos nos seus mandatos. A modo de exemplo, gastar a mancheas e nunca aforrar, nunca!, nunca aforrar para o futuro sempre incerto. Todo goberno endebédase o máximo posible para manterse no poder.
Tamén nos manifesta o incremento de certos sectores laborais que son seccións garantes da estabilidade do réxime existente. Así, de cada 10 cidadáns que traballan, 2 traballan para o sector publico (contabilízase tamén o concelleiro de festas e bromas liberado, alcaldes peatonizadores, deputados etc). É un sector determinante de todo partido do goberno e sobre todo do réxime político. A masa asalariada privada maiormente non vota.
Nunca se debe esquecer que os impostos os pagan todos os cidadáns pero só necesítase o apoio dese sector minúsculo do electorado: entre 2 e 3 de cada 10 cidadáns maiores de idade. Coa recadación de todos ¿transvásase o capital de todos aos sectores necesarios ou esenciais para manterse no goberno, transvásase capital a ese 2 de cada 10 cidadáns esencial para o goberno de quenda?
É por iso que o réxime é incapaz, por ser contrario á súa lóxica e natureza, de facer proxectos, planificacións ou aforros. O sistema é incapaz de deseñar un plan de crecemento industria xa que se necesita 2 ou 3 lexislaturas /mandatos para o seu implementación.
No presente político inmediato os partidos políticos teñen unha autoridade transitoria, usufructo, para saquear a sociedade. As melloras tecno económicas de longo alcance e acumulación de capital para ter un futuro prospero non son de interese dos partidos políticos. Imponse unha preferencia temporal inmediata. Para garantir o seu mando recórrese ao suborno político, (lobby) a subornar aos votantes necesarios ou esenciais.


