Subía ao escenario da Gala Michelín en Murcía, o chef Manuel García para facer historia. Unha segunda Estrella Michelín que premiaba ao seu establecemento. Para valorar unha oferta gastronómica de primeiro nivel, desde Santa Comba para o mundo.
O “Retiro da Costiña” é un referente referendado pola súa clientela e por numerosos recoñecementos. É un recuncho culinario para vivir unha experiencia inolvidable. Pero é algo máis. Hai esencia. Hai un ADN que se alimenta da terra.
Hai dúas cousas que admiro enormemente das persoas. Que teñan presentes as súas raíces e que camiñen pola vida con humildade. E tamén a xente que loita con paixón polos seus soños, que se esmera no seu traballo. E no chef xalleiro temos un exemplo.
Manuel Costiña, con dúas exclusivas estrelas no seu peito, falou da súa familia, do seu equipo, dos seus provedores, clientes e da súa terra “Santa Comba, o corazón da Galicia verde”. Un detalle que define a grandeza desta persoa.
Días despois tíveno diante miña en Radio Xallas. E emocionouse. Notei que as súas palabras non eran actrices edulcoradas dun discurso de márketing. Falaba desde o corazón, cos ollos vidrosos e a voz entrecortada.
En cada prato, en cada bombón, en cada vermú está Santa Comba. E iso é algo de agradecer eternamente para os que son de aquí e para os que levamos máis de dúas décadas camiñando entre a néboa xalleira. Parabéns Manuel Costiña.