Manoel Vello Salvado foise para o alén o 17 de decembro do 2022, aos 50 anos de idade. ETERNA SAUDADE
Non é fácil escribir sobre Manolo Vello. Unha persoa a que coñezo desde hai anos, que colaborou e animou na singradura de Adiante Galicia, desde o principio.
Un activista cultural. Un amante de Galicia, do seu idioma e da súa historia. Defensor da necesidade de ter voz propia. Do diálogo e do entendemento. Unha persoa atenta a afectuosa. Nobre.
Coincidimos no camiño e chegamos a ser amigos. Uníanos a paixón polo rock (foi o presidente do club de fans de Badana). E por esta marabillosa terra na que vivimos. Tamén involucrouse na actividade política (BNG, Compromiso por Galicia).
Non era dos que buscaba a foto. Non era dos tantos figurantes e oportunistas que hai na sociedade e na política hoxendía. Era un currante. Un obreiro cultural e social ao servizo do seu país. Que soñaba con construír unha Galicia mellor.
Manolo culminou a súa historia terreal sendo moi novo. 50 anos. Doe a alma cando se vai un amigo. E doe máis cando marcha unha persoa boa e necesaria. Con soños polos que loitar. Cun inmenso patrimonio humano.
Boa viaxe benquerido amigo. Galeguista auténtico. Quedo cos teus consellos e tantos recordos. Alimentarei o xardín da memoria para que non te vaias nunca.
Á parte de todo o persoal, gustaríame reiterar que es da familia de Adiante Galicia. Un dos nosos. E sempre estarás con nós. Grazas Manolo.
Lembramos a entrevista que lle fixen a Manolo Vello en 2016