Chegou o momento de explicarvos de que se trata todo iso. «Lobos de Metal» é unha confraría de amigos do rock. O soño dun neno que con 14 anos falaba de heavy metal nun programa que tiña o actor Carlos Blanco na Radio Galega. O mesmo soño daquel rapaz que, cos seus amigos, desprazouse a Corcubión e pediulle ao alcalde Rafael Mouzo que lle deixase facer un programa na emisora municipal.
«Lobos de Metal» é un programa de radio. E algo máis.Varias décadas despois creo que chegou o momento de cumprir o soño. E desde as ondas de Radio Xallas, polo 107.5 da FM para a comarca e por internet para todo o mundo, arrincamos setembro con esta novidade. Empezamos cun formato semanal. Co seu correspondente podcast e coa difusión das redes sociais @ LobosdeMetal.
Aliámonos cun animal totémico. Moi arraigado na nosa cultura. Podería ser de carne e óso, de porcelana ou de plástico. O noso lobo, por un estraño encanto é de metal. Pero ten vida e autenticidade. E é o faro de moitos lobos que sabemos que pululan. E que se unirán a esta manda de amantes do rock.Entendemos que o rock é cultura. A poesía tamén o é. Por iso no noso programa non faltará a poesía. E outras expresións artísticas.
Noticias, cancións, entrevistas, sorteos, poesías, axenda de concertos, reportaxes. Soarán cancións de bandas actuais pero tamén teremos «As cancións do lobo» para lembrar eses temas que nos engancharon a esta paixón. E moi importante. Estaremos atentos aos grupos galegos e españois.
Emitiremos os luns ás 20:00 en directo con varias repeticións e días sucesivos. O audio (podcast) poderá escoitarse cando se queira tanto en Facebook como na plataforma Ivoox. O primeiro programa será o luns 6 de setembro, coincidindo coa nova tempada da emisora do concello de Santa Comba, onde cada día de 11 a 13 h emítese o magacine » Na Encrucillada», con noticias, entrevistas e tamén moita música.