O meu benquerido José Manuel Vázquez Gómez estará pensando o mesmo onde se atope. Unha entidade como Vieiro é moi necesaria en Bergantiños e na Costa da Morte.
Queimouse unha parte importante da memoria documental nun incendio provocado no local da entidade. Alguén baixou aos escalóns máis ínfimos da condición humana. Morder a man amiga. Esa que leva case dúas décadas axudando a persoas que camiñan polo túnel escuro da vida. Xentes con problemas que encontran solucións e comprensión.
Varios roubos, un incendio, son golpes duros pero necesitamos a Vieiro. E reconfortan as palabras de Xosé María Arán, cando aínda cheira a queimado, e temos cinza no corazón. Van seguir adiante.
A sociedade debe de valorar a importancia de entidades como esta. O seu papel tan importante. Recoñecer o traballo dese grupo de persoas. E agora máis ca nunca, apoiar con folgos e donativos.É de aplaudir a reacción rápida e positiva do concello de Carballo.
E non me canso de agradecer,en nome de moitas persoas anónimas o compromiso e a capacidade solidaria das xentes de Vieiro.Non vos deteñades. Sodes necesarios, pero temos que apoiarvos. O amigo Vázquez estará orgulloso.