Meu benquerido Dr. Álvaro Rodríguez Núñez, tan amigo persoal como discrepante intelectual:
Graciñas por ese torpedo na liña de flotación da miña humilde teoría político-constitucional. O teu artigo «Sobre la libertad en la democracia capitalista» (Adiante Galicia, 12/11/2018) está moi ben. Erudición da clásica, e ben acaída. Cultura dixerida e repousada. Teño sorte de que non o publicaras no NY Times ou The Economist, porque daría a volta ao mundo e sería unha desfeita global para mín.
O artigo trata de varias cousas. Tema central? Que a Política non xira arredor da liberdade senón do poder (e de ahí o final: «Porque Política sí existe»)? Crítica, asemade das democracias demagóxicas? Demostrar que a liberdade non é esencial para a Política? Estás na liña de Hobbes, Schmitt, Julien Freund, etc.? A miña modesta opinión é que se a Política consiste só no poder, autoanularíase conceptualmente, porque para impoñer o poder cru e nudo non se precisa política ningunha; xa o fan os animais. Entre xuristas, como tí e máis eu, déixame dicirche que algo semellante pasa cós que fan consistir o Dereito só no cumprimento mecánico da lei («La ley es la ley y es para cumplirla», etc.): autoanúlase conceptualmente, porque para eso non se precisa xurisprudencia ningunha, nin interpretación, nin concepto xurídico ningún; iso fánno xa as máquinas.
¿Pode haber política nunha sociedade económicamente explotada? Pode; a explotación económica é lamentable, e tí e máis eu seguramente estamos máis entre os que a padecen que entre a oligarquía política e económica, pero se a explotación non é total, absoluta, non impide que haxa algo de política, aínda que imperfecta.
Cousas máis concretas. Eu tería coidado coas retroproxeccións, aplicando os nosos criterios aos antigos. Grecia era moi distinta; mesmos as diversas «poleis» non era iguais entre elas. Ignoro se é problema só de nomes, pero eles chamaban democracia ao que para nós sería demagoxia. Na mesma liña: as chácharas nas asembleas gregas, hoxe nin existen, non hai discusións, nin de chácharas nin de nada. Aqueles gregos podía falar asneiras nas asembleas, hoxe, os deputados non poden ter opinións propias; os parlamentos modernos non brillan moito (hai excepcións, como o Senado americano ou a Cámara dos Comúns desautorizando a Theresa May estes días có gallo do Brexit). Osiander dí que as «poleis» eran máis ben como cooperativas, e non moi grandes, así que é arriscado extrapolar aquelo aos nosos post-estados post-modernos, todos grandes en comparanza con aquelo. Hai máis cousas intrasladables de Grecia a hoxe: por exemplo, para Platón, Sócrates, Antístenes, etc., os homes tiñan que ser bóos e verdadeiros; os sabios tiñan que ser virtuosos, os gobernantes-sabios, o mesmo (a sabedoría e a virtude eran a xustificación para poder gobernar sen consentemento en argumentos como o de Platón).
Os escravos e os extranxeiros libres (metecos) -libres pero non cidadáns-, podían sumar difícilmente máis do 50% dos varóns adultos; pero -ollo- sempre segundo en qué «polis» e en qué momento, porque había algunhas «poleis» máis pequenas que Carballo (por exemplo), e pouco «internacionalizadas», e polo tanto con menos escravos e menos metecos. Os escravos non podían ser tantos como ás veces se dí porque só a xente acomodada podía mantelos. Un bó escravo-pedagogo, por exemplo, non podía telo calquera. Foran as cifras como foran (que, ademáis, variaban), eso non impedía aos cidadáns adultos e libres facer política.
Outra cousa: realmente, a actual democracia capitalista española non propugna a libertade política (nin outras); polo tanto, para qué seguir a partir desa ficción? Qué hai de científico en leer a etiqueta dunha botella e beber sen averiguar o que hai dentro, whisky ou aguarrás? E seguer despois a xurar que aquelo é whisky, porque o dí a etiqueta? Participación popular: dígase o mesmo. As etiquetas non determinan o contido. Repitamos, qué hai de científico en insistir en que vivimos nunha democracia con participación popular e división de poderes, contra toda evidencia? Ideoloxía democrática fundamentalista, hoxe, aquí? Eu non a vexo -fora das etiquetas, repito-; antes vería o contrario. (Tal vez teña que mudar a graduación das gafas; mañán por se acaso vou ao oculista).
Todo o que dís dos recortes sociais, e últimamente ALCOA (vivo na Coruña), é certo. Pero eses obreiros ou parados poderían votar en branco, ou non votar; poderían, por último, desconfiar do que lles dín os políticos (ata por saúde mental), como desconfiaban os nosos devanceiros ainda que foran labregos ou mariñeiros analfabetos; podíamos fiarnos máis de nós mesmos, ou do noso sentido común, como os incivilizados vaqueiros do Oeste americano no século XIX, que fiábanse só de sí mesmos. Eses obreiros, como os profesores emprobecidos, non estamos determinados senón condicionados; podíamos, polo menos, non aparentar que deixamos que nos tomen por tontos.
Pasemos á liberdade do Parlamento español, e de España no seo da UE. Pregunto: Por qué Portugal dí que fará o que goste no tema da hora, namentras que España semella un manso año? Por qué o pequeno parlamento autonómico de Wallonia foi quén de desafiar un acordo transatlantico con Canadá? Por qué Polonia e Hungría rebélanse (deixemos agora con cánta razón o fan)? Por qué o Parlamento británico desautoriza a Theresa May, namentras que aquí sería impensable? Non son os Tratados da UE igual para todos, e nembargantes uns países son máis independentes e outros menos, e España a máis domesticada? ¿Por qué Italia rebélase, e España non? Eis, agora mesmo na Francia esa tremenda liorta dos chaleques amarelos, que en España sería inimaxinable, a pesares de haber aquí máis motivos que alí. Por acaso a natureza humana non é a mesma? Pois ahí temos exemplos da liberdade persoal en función.
Outra cousa que vexo no teu artigo, e que igual pode ser unha cuestión de estilo, ou de maneiras de argumentar, é o teu enfoque tirando a contrastar, tirando cara ao branco-negro: se a democracia non é total, logo estamos nunha ditadura total (que estar en ditadura, estamos; ou mellor, oligocracia; pero total non o é, como o proba o feito de eu estar a publicar isto); de non ser todos libres en Atenas no 400 antes de Cristo, non había liberdade suficiente como para poder falar de verdadeira actividade política? O cen por cen da liberdade para o cen por cen da poboación, nunca existiu. nin nas épocas máis douradas das democracias liberais anglosaxonas. Pero tampouco o contrario. Eu, como galego, estou cómodo cós enfoques grises en diversos tons de gris, «depende», «por un lado, xa ves, polo outro qué queres que che diga», etc. Por veces, me penso que é o máis realista.
Retropregunta final: Dr. Rodríguez Núñez, entre turrón e champán, champán e turrón: ilústrame acerca de cómo podería haber verdadeira política alí onde non houbera nada-nada de decisión humana libre e responsable, senón todo-todo de pura imposición do poder?
Apertas e Bó Nadal,
ACPM
A Coruña, 4 de Nadal de 2018; aniversario das multitudinarias manifestacións na defensa do Estatuto de Autonomía de Galicia.