9.8 C
Santa Comba
domingo, noviembre 3, 2024

Galeguistas e nacionalistas no 25 de xullo

Está rulando polas redes sociais un novo anuncio publicitario chamando ao consumo de produtos galegos etiquetados no noso idioma. Unha creación de Pio García Audiovisuais, S.L. para o Foro Peinador – Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística que en pouco menos de corenta e oito horas acadou máis de oito mil reproducións. Pódese visionar na páxina www.galeguizargalicia.com
A mensaxe do anuncio baséase na evidencia de que o sector agroalimentario galego vive unha crise endémica que lle impide afrontar a competitividade de produtos foráneos que se comercializan nas grandes superficies con agresivas campañas publicitarias que seducen aos consumidores que non aplican o principio da discriminación positiva nas opcións de compras individuais e familiares. A insolidariedade cos nosos produtos é de tal natureza que os que así se comportan tiran pedras contra o seu propio tellado; é dicir, empobrecen o país e arruinan as noas explotacións agrarias e industrias transformadoras.
A mesma crise que vive a nosa economía agraria é semellante á marxinación da lingua galega en moitos usos sociais, que queda reducida no ichó do ámbito literario con poucas posibilidades noutros ámbitos sociais e económicos. De aí que manteñamos desde hai ben tempo a necesidade dunha alianza estratéxica entre a lingua e a economía galegas para superar a marxinación a que son sometidas tanto unha coma outra.
Unha reflexión sobre estas circunstancias fai que todos os anos nas portas do 25 de xullo, Día da Patria Galega/Día de Galicia, tan propicia á exaltación do espírito da galeguidade, insistamos na necesidade de apelar á coherencia dos celebrantes mesmo despois de rematados os mítines e concentracións. Pero para iso cómpre que as proclamas que se lancen insten aos asistentes a seren consumidores galeguizados.
O discurso da galeguidade debe ser máis pedagóxico e didáctico para que sexa interiorizado polas nosas xentes. Os galeguistas e nacionalistas de noutrora exerceron un maxisterio máis incisivo que os de agora, aleccionando eficazmente aos seus militantes.
Así o fíxo o Partido Galeguista que fora decantando unha postura de galeguismo económico que puña o acento na exhortación aos galegos para que consumisen preferentemente produtos galegos. «Por onde vaiades convertédevos en propagandistas incansables e fervorosos dos nosos viños, gabándoos e recramándoos no restorán a onde vaiades xantar, na taberna onde vos vexades citados e no café do que sodes clientes», dician en 1934. «Pensade ao defender os produtos da nosa terra que estades defendendo o pan dos nosos veciños, os intereses dos nosos amigos e a gloria e a fame do noso país», dicía o Manifesto da Unión de Colleiterios do Ribeiro do Avia.
Os seus chamamentos á galeguidade dos consumidores era unha constante: «Unha patria para existir necesita contar cunha economía. Tena Galicia? Tena, aínda que moitos galegos non o saiban», afirmaban; e mesmo denunciaban as economías alleas que lle facían a guerra «coa complicidade dos propios galegos», por activa ou por pasiva.
A Federación das Mocidades Galeguistas fixeron tamén bandeira deste discurso. O que non fan, desgrazamente, hoxe as organizacións da mocidade. Nin tampouco os seus dirixentes políticos.
Defender a nosa economía e que esta fale galego é unha obriga para todos, sexan galeguistas ou nacionalistas. A obriga tamén é lles afecta en xeral a todos os galegos que non profesen credos partidarios, se non queren empobrecer os sectores produtivos do noso pais e minorizar a nosa lingua.
O Día da Patria Galega/Día de Galicia, xornada de catarse colectiva, debe ser aproveitada para poñer en práctica o exercicio dunha experiencia inédita: consumir produtos galegos etiquetados no noso idioma ali onde celebremos a xornada cos amigos ou coas familias. Unha oportunidade para demostrarlles aos fabricantes de produtos etiquetados en galego a nosa solidariedade ao tempo que penalicemos aos que aínda non incorporaron o noso idioma ás súas etiquetas.
A única política que vale é a dos feitos, a que crea conciencia galega galeguizada. Só así poderemos avanzar. O demais é falar por falar.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,320SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos