A nosa terra morre por culpa das políticas do Partido Popular, que é coma un cancro para o desenvolvemento, sendo incapaces de fomentar o emprego de calidade.
Cando digo morre, é con coñecemento de causa. Primeiro por ser eu mesmo emigrante e fillo de emigrantes e cando volto á terra nas vacacións non me canso de ver milleiros de xalleiros que comparten comigo o estatus de exiliado económico. Durante o resto do ano só quedan os nosos maiores; triste é ver a túa vila con pouca xente nova e os nenos xa son case historia. Se facemos memoria, nos 80 eramos máis de 12.000 habitantes, agora, xa non somos nin 10.000. Triste é ver esta sangría demográfica e máis triste é ver os sucesivos gobernos conservadores que non fixeron nada para mudar as cousas.
Non potenciaron a industrialización, non se preocuparon por ter comunicacións decentes coas grandes urbes, sexa A Coruña, coa que quedamos sen conexión coa autovía da costa da Morte, ou con Compostela, ao quedar a estrada que nos une con ela, só en promesas porque ao final só quitarán algunhas curvas en Abuín. Tampouco souberon pór en valor a gandaría e son cómplices dos prezos miserábeis que lles pagan polo leite aos nosos gandeiros. Os xalleiros somos un pobo emprendedor, pero avellentado pola falla de ideas e ganas dun partido popular que se concentra en facer catro festas e é incapaz de innovar abandonando á súa xente. Non valora a nosa riqueza natural e aínda menos a cultural.
Se nos comparamos co concello veciño de Carballo, onde goberna o BNG, as diferenzas son abismais. Carballo nos anos 80 andaba polos 27.000 habitantes e agora xa son máis de 30.000.Eles medran e nós morremos. A diferenza radica en que teñen un goberno que quere progresar e que dinamiza a economía local e xa non falemos de infraestruturas ou servizos coma a escola oficial de idiomas.
Señores do Partido Popular, explíquennos como se poden ter dous gobernos amigos, un na Xunta e outro en Madrid, e que nos teñan tan abandonados. Por certo, a que veu Rajoy a Santa Comba? Xa llelo digo eu, non veu á nada. Se cadra, comer os churros na nosa feira! Que foi dos cartos dos eólicos? Na estrada de San Salvador a Grixoa, calquera día imos ter que pasar nun carro de combate polo estado da estrada, chea de fochancas, o firme é totalmente inestábel e desnivelado. Os eucaliptos espetados nas beiras sérvennos para saber onde remata o firme, porque nin liñas ten marcadas, debe estar moi cara a pintura.
Marchen, que non axudan nada e deixen gobernar á xente comprometida co país, competente e con vontade de mudar as cousas, porque de mediocridade xa tivemos dabondo.