Se tivese que escribir a historia da miña infancia por algún lugar aparecería Pedro Cochón. Unha persoa á que sempre admirei pola súa bondade, pero tamén pola súa sabedoría. Nunca se borrarán da miña memoria aquelas charlas sobre ciclismo ou a maneira que tiña de arrasar o meu taboleiro de xadrez en poucos movementos. Entraba no establecemento hostaleiro dos meus pais sempre cun sorriso, e coa cana de pescar preparada.
A súa chegada era unha inmensa alegría porque sempre achegaba algo interesante nas súas conversacións. Sempre cunha mirada positiva e sosegada. Construtivo e divertido.Era un amante de Ponte do Porto e gran promocionador do coto pesqueiro. Un embaixador do pobo.Un porteño de adopción.
Era unha persoa sinxela e aprezada por toda a veciñanza.As aves da ría de Camariñas choran en silencio, polo querido Pedro que as fotografaba e filmaba durante horas. Coñecía os nosos montes como a palma da súa man. Amante da micoloxía e da natureza.
Cando morre unha persoa como Pedro Hernández Cochón parece que nos falta algo. Sen estridencias nin sobresaltos, foise gañando o noso corazón co paso dos anos, e agora doe pensar que partise.Volveremos a verche nos atardeceres de Cabo Vilán, nos días de seca na Basa, ou seguramente, nas beiras do río do Porto.Grazas Pedro. En nome dun amigo e tamén dun pobo.