O sistema económico actual (baseado en crises e puntos de inflexión), a globalización, o cambio climático e o envellecemento progresivo da poboación son algúns dos retos a medio e a longo prazo a nivel mundial. Sen embargo tanto o cambio climático como a crise de envellecemento poden ter medidas a nivel autonómico ou mesmo local.
Cales son as causas do envellecemento na sociedade actual? Ten consecuencias? As causas son diversas. A que máis controversia suscita é a falta de natalidade. Non nacen nenos como en antano. Fai medio século as familias numerosas eran maioría mentres que agora son casos exceptuais e extraordinarios. Ademais na actualidade o sostemento dunha crianza precisa dun nivel de solvencia alto por parte dos seus proxenitores. A incorporación da muller ao mundo laboral tamén supuxo unha dilatación da idade media das mulleres que teñen un fillo. O sistema laboral actual supón asemade unha serie de trabas as persoas que se adhiren a unha baixa por natalidade. Porque, como todos sabemos, os dereitos legais distan moito na práctica dos dereitos reais que se efectúan nas empresas.
Os métodos anticonceptivos, o cambio de mentalidade da era moderna e outros tamén supuxeron unha influencia para este cambio de tendencia. A mortalidade pola súa contra mantense ou mesmo diminúe debido aos grandes avances médicos e outros factores coma o posible descenso no futuro dos accidentes de tráfico.
O resultado: unha pirámide poboacional estreita nos sectores dos infantes, da xuventude e idades temperás e, polo contrario, ancheada a partir dos cincuenta anos e na terceira idade.
Haberá quen se pregunte que consecuencias ten directamente para nós. A relevancia destes datos incide fundamentalmente no relevo xeneracional e no sostemento do sistema de pensións. Porque, efectivamente, se non hai suficiente xente en idade para ser poboación activa non haberá unha aportación (ou retención) para manter as contribucións das pensións e polo tanto caería ese concepto tan abstracto e idealista do «estado de benestar».
Son moitos os que tentan buscar solucións a este tema e hai algúns poñen toda a incidencia na independencia financeira e laboral das mulleres. Quizais as solucións reais pasan por rebaixas fiscais para os pais e incentivos que sexan alicientes. Ou case mellor sería que non deixásemos que mozos e mozos de Galicia e España marchen fóra por non encontrar aquí as oportunidades polas que estudaron.
Tampouco os comentarios sobre a idade de xubilación e a discriminación de certos colectivos vai axudar a conlevar este «país de vellos».
Os anciáns non sobran, faltan mozos. O que sobran son políticos de todas as cores con frases feitas e faltan expertos demográficos.